Tribuna Viva
A veciñanza de Pardavila demanda a instalación da fibra óptica no rural de Marín
MANIFESTO POLA FIBRA OPTICA NO RURAL DE MARÍN (Lido na concentración celebrada este venres)
Que esteamos hoxe aquí, significa que somos moitos os veciños e veciñas dunha parte do rural de Marín, afectados pola usanza dunha conectividade “deficiente e insuficiente”, subministrada por TELEFÓNICA incapaz de satisfacer as necesidades dixitais que calquera outro cidadá ten.
Os servizos contratados, coa empresa provedora, incúmprense xa dende a apertura da liña, figurando por escrito un produto imposible de acadar porque a rede é antiga ou está desactualizada; no noso caso particular, nin sequera é un problema motivado por unha orografía complexa, ou que vivamos nun asentamento poboacional illado ou por falta de fondos económicos. Parece ser que non teñen nunca tempo para nós e priorizan outras zonas.
Ante isto, que xa vén de moito tempo, nós, que tamén apostamos polo progreso, pola conexión 5G, polo mundo interactivo e globalizado mediante as redes, sentímonos como cidadáns de segunda, con limitacións e desigualdades tanto en condicións coma no acceso ás oportunidades.
Tantos anos de mal servizo, de pagar polo que non temos e de promesas que se quedaron en intencións e xustificacións sorprendentes, provocou que ESTEAMOS CANSOS e CANSAS de esperar a que a poderosa empresa privada TELEFÓNICA, decida cal é o mellor momento, xa nin sequera para estar “a última” en tecnoloxía, senón para cumprir cos servizos contratados.
A cobertura dixital, esa máxica palabra que de ser boa abre portas ao mundo, é moi mala na nosa zona. Ben sexa a liña de ADSL ben por Radio-satélite, a velocidade da rede para conectarse a unha páxina ou o feito de descargar ou subir arquivos, eternízase e incluso finaliza dando erros. Imposible, executar unha acción na rede se non “tiras dos datos” persoais e isto é incongruente cando na túa propia casa tes cable e wifi.
É certo que vimos de vivir unha etapa convulsa e que puxo a proba ao ser humano; a pandemia pola Covid-19, esixiu reinventarse e comunicarse de modos diferentes e seguros, prioritariamente, en modo virtual. Esta situación evidenciou as nosas carencias dixitais, xa non tanto pola falta de dispositivos, senón pola insuficiente conectividade. Naquel momento, apañamos malamente como puidemos pero recuperada agora a “nova normalidade”, parece que o problema continúa. E, en que medida nos condiciona?
- Por exemplo, no teletraballo: esta nova tendencia do mercado laboral non é de fácil aplicación no lugar no que moramos. Aínda que a empresa nolo propoña e/ou esixa, debemos acudir a remedios máis custosos e aínda así non se garante a conexión. TELEFÓNICA e MOVISTAR dinos que substituamos o ADSL por radio-satélite, pero isto implica unha carga económica adicional ou elevadas dotes de paciencia e un rexistro elevado de incidencias, que xustifiquen a necesidade do cambio sen pagar mais.
- A saturación ”espontánea”? da rede, chamémoslle “limitante”: cando se conectan varios usuarios e segundo o horario, a velocidade da rede redúcese enormemente e non acada nin unha décima parte do xestionado nos nosos contratos. (nesta zona debemos de multiplicarnos rapidamente)
- A fenda dixital, evidénciase tristemente tamén nas dificultades de acceso que teñen os nosos fillos/as, cando deben acceder as súas Aulas Virtuais, para continuar o seu proceso educativo. Poder estudiar ou facer tarefas na casa, é moi complexo e as novas tecnoloxías educativas como Edixgal non son funcionais sen unha boa rede.
- Conectarse por videoconferencia para calquera tipo de interacción: reunión laboral, acordo transaccional, clases online, son unha penuria nunha pantalla, onde a roda da conexión xira constantemente.
- Facer na administración pública e privada, un procedemento de tramitación, sen boa conexión, esixe gran paciencia para que non se supere o tempo limitado das aplicacións e haxa que comezar dende o inicio.
- Acceder a servizos de tele-asistencia para os nosos maiores ou simplemente gozar do tempo de lecer, no mundo dixital, pode ser un suplicio.
- Imposible poder acceder ás ofertas das diferentes compañías dixitais, porque Telefónica é quen ten o monopolio estrutural.
- E por último, o que resulta mais “irónico”, “grotesco” ou chámese “burla”: pagamos polo que non temos; TELEFÓNICA incumpre cos servizos que lles foron contratados, continuadamente.
O proceso de achega da fibra óptica, como mellora significativa e evidencia do progreso tecnolóxico, comezou na vila e pouco a pouco nalgunhas zonas rurais de Marín. Pero no noso caso, particular, non dá chegado. Despois de demandas particulares, nas que tivemos que xustificar as nosas propiedades mediante referencias catastrais, de publicacións en prensa, de supostos culpables que impedían pasar a liña, anúnciase que no segundo semestre do ano 2022 en lugares como Pardavila, Fixón, Miñán, Silvestre, Currás, Sobreiras, etc. desenvolveríase accións para dotar de fibra óptica de alta velocidade e outras zonas como Ameal e Troncosa no 2023, mediante o Plan PEBANG (Programa de Extensión de Banda Ancha de Nueva Generación) do Goberno de España a través dos fondos Feder de Desenvolvemento Europeo.
Sendo pacientes, esperamos, ata que hai uns días coñecemos a información de que TELEFÓNICA, solicitou unha prórroga para alongar o tempo de execución a finais do ano 2023. Visto que os acontecementos prorrogan no tempo, a mala situación da rede dixital, que denunciamos tanto nesta ocasión como hai xa en anos precedentes, xuntámonos hoxe nesta CONCENTRACIÓN para facernos escoitar, para explicarlle a cidadanía que somos os “aprazados”, aqueles e aquelas aos que xa lles chegará o tempo de gozar dun servizo de calidade dixital que garante o benestar persoal, laboral e social, cando xa outros están inmersos na sociedade 5G.
Mais non o imos permitir, non imos quedar calados, nin impasibles ante esta mala decisión e actuaremos reclamando ante a entidade privada e a administración pública, un servizo de calidade. Esta concentración é o primeiro paso; valga coma declaración de intencións que, continuaremos coas accións necesarias de persistir a situación: novas concentracións, Valedora do Pobo, demanda en Consumo, Amtega, etc.
Non somos cidadáns de segunda, somos persoas que vivimos nun lugar privilexiado, no rural, nese rural que hai que preservar e coidar para evitar o seu abandono e para iso, necesitamos estar conectados e conectadas en todos os ámbitos: educativo, persoal, económico, cultural, sanitario, etc., con eficiencia e funcionalidade. Por iso, hoxe aquí, demandamos FIBRA XA PARA O RURAL DE MARÍN.