Marta Rodríguez Engroba
Os intocables
Cando, sendo moi pequena, escoitaba falar daquela mítica serie, "Los intocables", baseada na novela de Elliot Ness, que amosaba a loita contra o crime no Chicago dos anos 30 dun ex axente federal, acompañado dun equipo cuxos integrantes foran escollidos polo seu valor e incorruptibilidade, a min, que sempre fun de imaxinación fértil, e a que, pola miña entón moi curta idade, o significado deses valores, me caían noutro planeta, sempre me viñan á mente un grupo de señores sinistros, agochando as súas caras entre as solapas levantadas dos seus abrigos e os sombreiros, e non era, ademais, quen de entender que significaba aquelo de "intocables", pero, coa miña percepción de nena tan cativa, non podía evitar que tal cualificativo me producira unha certa sensación de desacougo... Non sabía por que, pero non me gustaba!
Non creades, nin polo título do artigo, nin polo que acabo de comentar, que o que vou hoxe a relatar é un "revival" da serie en cuestión, pero si me vou a repetir referíndome, unha vez mais, con todo o respecto que non dubido merecen, a un colectivo, o da policía, no cal, por certo, teño o orgullo de contar cun grande amigo ao que admiro e respecto profundamente, non soamente como persoa, senón como exemplo de profesionalidade e vocación, pero no que lamento ter que dicir que, ás veces, non todos, por suposto, pero si unha porcentaxe creo que non pequena dos seus integrantes, dan a sensación de crerse, pola súa vinculación a ese corpo, xustamente iso, intocables, e que, por suposto, en consecuencia, non toleran que se diga nada que poida prexudicar ou cuestionar tal imaxe, que semella rozar a perfección máis absoluta, ou, directamente, ser o vivo exemplo dela.
Son plenamente consciente de que, co que vou dicir, tal vez me estea a meter nun "charco" deses que piso con frecuencia, cos dous pes, ademais, e nos que me afundo ata os xeonllos, pero, francamente, xa estou farta de que tenten vendernos verdades edulcoradas, e que, ademais, se non queres pasar a formar parte da "lista negra", teñas que mercalas si ou si.
As cousas hai que chamalas polo seu nome... ou así debería ser.
Esta semana saltou a polémica, outra mais!, por mor dun vídeo, supostamente financiado polo Ministerio de Igualdade, difundido polo Concello de Úbeda, con motivo do 25 N, día da Eliminación da Violencia contra a Muller, na que un rapeiro, un tal Skalo, que, teño que confesar, nin me soaba... por algo lembro "Los Intocables"!, a ritmo precisamente desa música, de rap, narraba unha historia de violencia de xénero na que o maltratador era un ex policía, e que dicía, entre outras cousas, textualmente":
"Él, mirándola con la rabia de un perro, con ojos ensangrentados, la agarró fuerte del cuello. Era su ex, aunque nadie en el barrio sabía. Un buen papel. De aquello ni se conocía. No le hacía bien, por eso se fue de su vida, acumulando ya denuncias en comisaría. Se ve que ese día tenía el momento buscado. Sacó del bolsillo su arma de policía recién retirado. Apuntando sin miedo en el pecho, abriendo fuego, sonaron disparos. Ella, cayendo hacia el suelo, viendo su vida y su sueño truncado".
A reacción desde Jupol, sindicato mayoritario na Policía Nacional, non se fixo agardar, expresando a súa enérxica repulsa e indignación contra unha campaña que, din, usa a figura dun policía retirado coma un maltratador e asasino de mulleres, engadindo, a golpe de chío, e de novo cito textualmente:
"El ministerio de Igualdad tacha a los policías de "maltratadores y asesinos de mujeres" en un vídeo. Presentan al estereotipo del maltratador como policía.¡Los policías salvamos miles de mujeres y hombres del maltrato intrafamiliar!", acompañando, eso si, a súa reivindicación con dúas emoticonas que están soltando de todo pola boquiña… Que non se diga que non teñen sentido do humor…!
De nada serviu que o autor do vídeo explicara que a profesión do protagonista do vídeo fora escollida aleatoriamente, que o mesmo podería ser fontaneiro, mestre ou pintor.
A polémica xa estaba servida e o vídeo foi retirado, a par que a alcaldesa de Úbeda pedía desculpas aos CFSE... Vaia tela!
Non me vou meter en quen financiou ou deixou de financiar o vídeo, porque, nin teño a certeza, nin é, para o que vou expoñer, prioritario.
A campaña pode gustar ou non, ser de peor ou mellor gusto, esa é outra cuestión, pero eu faríalles unhas sinxelas preguntas aos membros de Jupol:
A primeira, en que parte do vídeo presentan ao estereotipo do maltratador como policía?
Non vexo que o faga por ningunha parte. Fala, ou canta, como se queira dicir, dun caso concreto, non dun colectivo. Para nada xeneraliza.
Dirían o mesmo se se referira a un médico, a un camareiro… por poñer dous exemplos?
Acaso o que se reflicte nela é mentira e no colectivo da policía, coma en todos, non existen maltratadores?
A resposta, entendo, é obvia: por suposto que si, como tamén todos sabemos que algúns exercen o seu maltrato utilizando, abusando e apoiándose, precisamente, na súa condición de policía, que aboca a vítima a unha situación de máis risco e de máis vulnerabilidade, porque tentar denunciar ao seu agresor para saír da súa situación é tarefa case imposible, xa que, case con toda seguridade. vai estar arroupado polos seus compañeiros, por máis que coñezan a verdade, mentres que a culpabilizada vai ser ela, que no intento de escapar do inferno o vai vivir por partida dobre, e vai ter moi difícil, por non dicir imposible, saír del.
É máis, e desde Si, hai saída xa alertamos en mais dunha ocasión sobre isto. Non sería a primeira vez que un policía que maltrata a súa parella, cando chega ao seu traballo lle toma declaración a unha vítima de violencia de xénero, se lle asigna a súa protección, ou mesmo é designado para dar charlas sobre esta materia
Que non se queira ou non interese recoñecelo é outra cuestión!
Obviamente, reitero, isto non implica que todos os policías sexan maltratadores, como eles afirman que se dá a entender no vídeo, o cal, insisto, non é certo.
E, xa que estamos, unha pregunta máis, por que se dan por aludidos?
Porque, de non haber un certo fondo de verdade, non entendo tal ofensa,
Por facer unha comparacion co que acabo de manifestar, son moitos e moitas, e entre eles non faltan os policías, os que nos tachan as mulleres que nos dedicamos a loitar contra a violencia de xénero, de amargadas, de frustradas, de marimachos, e mesmo de fríxidas, ou de que o que nos pasa en realidade é que nos falta un home que nos bote un bo foguete para curarnos todos os males e deixarnos de tanta parvada, e eu xamais me sentín aludida por tales gilipolleces, e desculpade a expresión, porque nada teñen que ver comigo, e o mesmo podo dicir en relación coas miñas compañeiras.
Son unha falta de respecto, certo, pero, reitero, en nada me afectan, porque para nada me identifico con elas.
Eles, pola contra, si que tiran moitas veces de estereotipos cando unha muller está a ser maltratada.
Que si xa tuvo varias parellas, que se viste de tal ou cal maneira, se sae ou non polas noites... Non vou seguir porque a lista é longa, longuísima.
Non sei se se decatan, ademais, de que esta reacción tan rápida e, na miña opinión, tan pouco xustifcada, fala por si mesma.
Oxalá tiveran a mesma presteza cando unha muller que debera estar protexida non o está e é agredida ou mesmo asasinada, ou cando ao acudir a denunciar se sinte cuestionada, non crida e mesmo xulgada, pero ante iso, silencio total.
É máis, deso non se pode falar, e quen o fai non vai sair de rositas, dun ou doutro xeito.
É curioso o rapidamente que se ofenden, o fina que teñen a pel para unhas cousas, mentres que para outras… En fin.
Ser policía, vestir o uniforme, ou mesmo acumular condecoracións, non converte a ninguén en santo, nin tampouco en demo, por suposto.
No seo da policía, coma en todos, hai xente boa, e xente que non o é tanto, e creo, sinceramente ademais, e isto é algo que comento con frecuencia co amigo ao que aludía ao comezo do artigo, que o pertencer a un ou a outro grupo depende, en gran maneira, dun factor que para min é determinante: da vocación.
Aqueles que de verdade a teñen non precisan chíos para xustificarse ou para impoñer o que se pode ou non dicir deles, algo, ademais, que me parece sinxelamente vergoñento, en pleno século XXI, e que claramente vulnera a liberdade de expresión, e non os precisan porque a demostran co seu bo facer de cada día, o mesmo que demostran o contrario os que non a posúen nin de lonxe, aos que os seus actos e discurso delatan, policías ou non.
E, para rematar, dúas cousas:
A primeira, recordarlles, humildemente, a eses policías do sindicato que tanto se ofenden, que o vídeo que critican, ou, mellor dito, censuran, reproduce fielmente o ciclo da violencia de xénero, que lles lembro é a exercida sobre a muller polo feito de selo, e foi difundido precisamente con motivo do día da eliminación de esta violencia, desta letal lacra que tantas vidas de mulleres, cada vez máis, se está cobrando,que non ten nada que ver co maltrato intrafamiliar ao que eles aluden, e que o sinxelo feito de facelo, lamento dicirlles que desprende un certo tufo que recorda sospeitosamente a certa cor política que dá mesmo medo nomear, que nega a existencia da violencia machista.
A segunda, unha confesión: Hoxe, que pasaron tantos anos todo o que soe a intocables segue sen gustarme… e desacougándome.
Asociación Si, hai saída