Antón Roel Villanueva
Conto para os residentes do Centro de Maiores de Campolongo
Nunha convocatoria de urxencia, alí estaban nun banco a carón do río tres dos compoñentes do alcumado grupo dos Proscritos do río dos Gafos, coa súa ala radical que se acabaran de inventar. Para a Felicidade dos Vellos e Velliñas das Residencias. A idea partiu do seu líder Marcos, de doce anos, que tiña o seu avó - que loitara coa República - e a avoa que fora lavandeira no río e que nunha visita cos seus pais á Residencia contáronlle que a moitos dos seus compañeiros e compañeiras non os ían visitar, sentianse moi soios e tristes, e el tiña un plan para rematar con semellante aldraxe.
Reuniu o cumio da banda, que eran tres e expúxolles o seu plan. Era xenial, consistia no seguinte: secuestrar un autobús. En principio, ia ser un tren pero descartárono, pois había moita distancia ata a estación e non era plan facer andar a xente maior tanto. Logo de secuestrar o autobús e levalo a carón da Residencia, alí a punta de pistola secuestrar o director, ainda que o seu avó díxolle que era moi boa persoa e puxera en marcha unha iniciativa para que a xente lles escribira cartas aos residentes. Pero sentíndoo moito aquilo era unha guerra e tiña que haber vítimas inocentes como en Ucraína acotío. Cos vellos no autobús, levalos ata a rúa do Principe en Vigo e, durante dúas horas, deixalos polas rúas para ver as luces do Nadal, tendoos vixiados sempre para non perdelos. Logo devolvelos a residencia para a cea e "apechugar" coas consecuencias que algún deles pensaba que irían dende a pena de morte ata cadea perpetúa, pero valía a pena arriscarse polos velliños e velliñas que tanto fixeron por todos nós.
Alí estaban no dia D, sentadiños na parada do bus, metían medo, semellaban o Escuadrón da Morte. Aínda que Brais non puidera roubarlle as medias a súa nai como quedara, apareceu cun paquete de máscaras do seu pai médico, que non era o mesmo pero valían para a ocasión. Armados con dúas pistolas de xoguete que impoñian e unha carabina de balotes escondida nunha gabardina que lle chegaba ata os pés a Miguel, que semellaba o Lute cando era o Lute, aínda que non querían ferir a ninguén dispostos a todo. Vestidos con abrigos longos dos irmáns maiores e gafas de sol e luvas negras da avoa, agardando ata que por fin chegou o bus, alí subiron os tres. Mágoa que todo ía saír mal, ninguén os avisou de que nos autobuses eran obrigatorias as máscaras e todos ían como eles e non asustaron a ninguén, aínda por riba o condutor díxoslle que sentía moito non poder levalos á festa de disfraces, pois ía cheo e por levar xente de pé o multaban. Os grandres logros da humanidade, as veces, frústranse por pequenos detalles.
Derrotados, como os seareiros de España, Brasil e Portugal, logo de ser eliminados do Mundial, axiña chegou a choiva e fuxiron para as casas, pero Marcos coa máscara pegada á faciana pola choiva demostrou que nos intres difíciles e cando surxen os líderes, dixo que eles non eran como Luis Enrique, que el tiña un plan B, que se fosen preparando os velliños e velliñas que sen ir ver as luces de Vigo non ian quedar, que non os ian abandonar. Agora marchaban para coller novos folgos e merendar, que non era cousa de morrer de fame, pero ían voltar. Os Proscritos do río dos Gafos non se renden nunca.
Felices festas e bicos voadores para os residentes do Centro de Maiores e parabéns para o seu director pola iniciativa das cartas para os nosos maiores.