Xerardo Torrado Agulla
A autoría da 'Historia Compostelá'
Entre os libros que empecei a ler neste ano que xa toca o seu fin, está unha das xoias da historiografía galega, a Historia Compostelá, da cal xa saquei interesantes anotacións. Hoxe vou escribir unha breves liñas arredor da autoría desta obra que narra os feitos do grande Diego Xelmírez. A pesares das dificultades para dilucidar as mans que traballaron na Historia Compostelá, tódolos autores coinciden no feito de que todos pertencerían ó círculo de persoas cercanas e afectas ó arzobispo Xelmírez, como proba os encargos e misións que receben deste. Tres son os autores, ou polo menos tres son os máis destacados: Munio Mindoniensis, Hugo Portucalensis, e Xiraldo presbytero. O problema estriba en asignarlles as distintas partes da obra. Deixando a un lado o espinoso tema de qué escribiu cada un, pasemos o comentar o que sabemos de cada un deles.
Nuño ou Munio Afonso (en latín Munio Adefonsis), era tesoureiro da Igrexa de Santiago (ocupaba este cárrego cando redactou o punto de partida, o chamado registrum). Debeu de ser coengo antes da elección de Xelmírez como bispo, pois fala da mesma como de cousa propia. Entre os años 1100 e 1105 lle foron confiadas importantes misións. Cóntanos a Historia Compostelá, que foi enviado a Roma (todavía non era tesoureiro) xunta o arcedián Gaufrido, para conquerir de Pascual II (1099-1118) a confirmación da liberdade respecto á Metropolitana de Braga concedida por Urbano II (1088-1099) ó seu antecesor coma bispo, Dalmacio. Máis tarde no 1104, de novo marchou para Roma, agora acompañando a Xelmírez para solicitar o palio, e por último uns anos máis tarde para intentar resolver o asunto de varios arciprestazgos cedidos transitoriamente a Mondoñedo. Estas misións proban o lugar destacado de Munio na Igrexa de Santiago, así como a confianza que Xelmírez depositaba nel. No 1112, sería elexido bispo de Mondoñedo e consagrado por Mauricio, bispo de Braga, xunto co arcedián Hugo, que foi nomeado bispo de Oporto. Esta importante ceremonia celebrouse no mosteriro bieito de San Salvador de Lérez no 23 de marzo do 1113, acudindo a ela os bispos de Tui e Ourense, ademais claro está, da presencia do propio Xelmírez. Después deste nomeamento, aparece varias veces coma bispo de Mondoñedo, sendo mencionado por derradeira vez no 1134.
Outro dos autores é o arcedián Hugo, o mesmo que San Salvador de Lérez sería nomeado bispo de Oporto. O final do capítulo 15º do libro Iº, Hugo confesa selo autor de dito libro. Sería un coengo e arcedián da Igrexa de Santiago. Algúns autores danlle orixen francés, máis no modo de tratar ós galegos non hai indicio algún disto. Só se pode aventurar a súa orixe non galega a partires de certas explicacións sobre o río Miño, que serían superfluas en boca dun galego no capítulo 15º do libro Iº. Antes de arcedián, Hugo fora capelán (capellanus), como consta no xuramento de obediencia feito a Xelmírez no 1102. No 1113, coma dixemos, sería nomeado bispo de Oporto o mesmo tempo que Munio o era de Mondoñedo na citada cerimonia realizada no mosteiro de San Salvador de Lérez. Hugo, tamén sería home de confianza de Xelmírez, levando a cabo importantes misións sendo arcedián, e máis tarde como bispo de Oporto, entre as cales merece destacar a petición do traslado da dignidade de Mérida a Compostela e a legación pontificia sobre as provincias de Braga e Mérida.
Por último, o terceiro autor é Xiraldo ou Xerardo (en latín Giraldus e Girardus). El mesmo na Historia Compostela escribe: "ego Girardus ecclesie beati Iacobi canonicus..." (II, 6). Especúlase ca súa nacionalidade francesa, coma con Hugo, aínda que no caso de Xiraldo hai máis probas que o corroboren. O padre Flórez (España Sagrada XX), cre proba convincente o feito de que na ocasión dun tumulto en Compostela, expresa o seu desexo de non estar alí, senón en Beauvais, pero non sen o prelado. A orixe non galega de Xiraldo salta á vista nos comentarios que fai dos galegos, considerándoos chismosos, chaqueteiros, seguidores da fortuna, así como propicios á rebelión e aduladores á vez; aínda que o final de tal relación dinos: "Pero quixera ter dito estas cousas sen ofender ós bos galegos". Pola contra, a opinión que ten de Francia, e en especial de Cluny, parece probar a súa orixe francesa. Xiraldo aparece citado na Historia Compostelá como magister e didascalus. A súa identificación co mestre citado na Historia Compostelá, I, 20, é bastante probable. Como Munio e Hugo, Xiraldo foi tamén persoa de confianza de Xelmírez, como demostra o feito de que no 1118, fora enviado a Roma xunto co bispo de Ourense, para pedir a categoría arzobispal para a sede compostelá. Menéndez Pidal e outros autores teñen apuntando a posible identificación deste Xiraldo, co abade Xiraldo que, xunta con Pedro Abelardo e Bernardo de Claraval, asistiu no 1131 á solemne consagración do altar de San Lourenzo no mosterio de Morigny por Inocencio II (1130-1143). Continuaría a obra despois de que Munio Afonso fora nomeado bispo de Mondoñedo. Ó escrito, quizais el engadiría o capítulo 15º do libro Iº, obra de Hugo, e o capítulo 27º tamén do libro Iº. Tamén foron atribuidos a Xiraldo os capítulos introductorios (Historia Compostelá I 1-13), que narran á traslación do corpo apostólico, o posterior descubrimento de Teodomiro de Iria, así como as notas referentes ós bispos anteriores a Xelmírez; aínda que Fernando López Alsina opina que os mesmos capítulos serían cousa da dun dos autores galegos, presumiblemente Munio Afonso.
Xiraldo pois, remataría o libro Iº, escribindo case todo o libro IIº. Ata agora se cría que Xiraldo sería o autor de todo, ou de gran parte do libro IIIº, pero unha brillante tese de Fernando López Alsina, fai aparecer a un novo escritor que ata o momento ninguén mencionara, o coengo Pedro Marcio, a quen se lle adxudica a autoría do final do libro IIº e o libro IIIº. Tamén xurdiu a dúbida sobre unha posible reelaboración de todo o anteriormente escrito por parte de Xiraldo; de tódolos xeitos a aparición da figura de Pedro Marcio, quizais fixo que se desdeñase a crenza de que Xiraldo era o autor máis importante da Historia Compostelá, máxime cando nesa nova tese sinálase que sería o derradeiro autor, Pedro Marcio, quen lle daría á obra a súa definición total e estructura. Cabe a posibilidade pois de aumenta-la lista de escritores da Historia Compostela: Munio Alfonso, Hugo, Xiraldo e Pedro Marcio. Pero a pesares de que sabemos o seu nome, son moitos os Pedros citados na Historia Compostelá. Antonio López Ferreiro identifícao con Pedro Gundesíndez, nomeado cardeal á morte do cardeal Gundesindo e que aparece citado no xuramento de obediencia que fixeron a Xelmírez no 1102 tódolos coengos de Santiago. Son da misma opinión L. Sala Balust e B. F. Reilly, aínda ambos opinando que o tal Pedro Gundesíndez non se limitaría á redacción do capítulo 27 do libro Iº; L. Sala Balust cre que escribiría os capítulos 18 a 46, e según B. F. Reilly sería o autor dos capítulos 23 a 27 do libro Iº.