Marta Rodríguez Engroba
Malo será...!
O pasado 19 de Decembro, é dicir, case unha semana despois de que estas liñas cheguen a ver a luz, a nosa incomparable ministra de Igualdade, Sra. Montero, nun momento deses de inspiración que a caracterizan, anunciou, cando viña de contabilizarse a vítima mortal número 43 por mor da violencia machista neste ano, malia, en algúns dos casos, ter denunciado, e mesmo con algunha medida de protección en vigor, a súa intención de convocar, con carácter de urxencia, un comité de crise coas comunidades autónomas e cos ministerios implicados.
Desde que fixera este anuncio, dúas mulleres máis foron asasinadas; unha hai 4 días en Zaragoza, e a última, por agora, en Asturias, hai tan só unhas horas, elevando o número de vítimas mortais a 45 ademais doutro caso en Culleredo, no que o agresor, despois de mallar a golpes a muller, fuxiu deixándoa malferida e atada no interior dun vehículo cunhas bridas.
Unha situación absolutamente desoladora, brutal, a que estamos a vivir.
É, porén, totalmente inxustificable que, ante o máis que evidente aumento da violencia machista desde que o Ministerio de Igualdade está nas súas mans e nas das súas acólitas, non fixera nada semellante ata agora, preocupándose prioritariamente doutras tarefas que ela debe considerar de maior ensulla, como aparecer nas fotos ou enviar chíos a discreción cando unha presunta vítima é coñecida ou, polas particularidades do caso, lle proporciona sona mediática, ignorando totalmente o masacre que se está cobrando a vida de tantas mulleres e de tantos nenos e nenas, deixando máis que patentes as gravísimas eivas na súa protección, máxime cando é evidente, na maioría dos casos de onde e de quen parten, pero o que é tanto ou máis grave, é que, malia o aterrador da situación, ela continúe contándonos historias para nun durmir, ou, o que ven sendo o mesmo, tomándonos a todos e a todas por idiotas.
Porque, que entende esta señora por "urxente"?
Desde que fixo tal anuncio, unha muller máis foi asasinada en Zaragoza, pero dese comité "urxente" non se volveu saber absolutamente nada.
Igual, o que sucede e non nos decatamos, é que a señora ministra fala noutro idioma e o concepto "urxente" ten para ela un significado diferente que para a maioría dos mortais, ou, pasado o momento de exaltación que a levou a facer tal anuncio, pensouno mellor e chegou a conclusión de que estas non son datas para meterse en tales charcos, co traballo que facelo implicaría, que mellor deixar pasar as vacacións de Nadal, e despoís, se iso, xa se irá vendo… ou non, porque, total, se se chegou ata aquí sen tal convocatoria, e aínda ninguén a chamou a contas, nin lle suxeriu, ou, mellor aínda, lle pregou, que se fora a súa casa e lle deixe o sitio a alguén que de verdade queira loitar contra a violencia machista, malo será que non poida seguir igual, vivindo tan ricamente, mentres a violencia de xénero non deixa de medrar.
Pouco ou nada lle importa, a vista das súas actuacións, ou, mellor dito, da falta delas, que, precisamente nestas datas, nas de Nadal, como en todos os períodos vacacionais, pontes, etc, é cando máis alerta se debería estar, cando sería básico revisar e reforzar a protección ás mulleres e aos menores que a precisen, porque nos atopamos en días de risco máximo e protección mínima, tal como sucede ano tras ano, nunha evidente e perigosa contradicción, fiquen máis expostos aínda a posibles agresións dos seus maltratadores.
O intercambio dos menores, cos enfrontamentos que en non poucas ocasións, malia que o xuíz dite unhas medidas perfectamente claras, provoca entre os proxenitores, as xuntanzas familiares, que contribúen case sempre a avivar as chamas, o rexurdir dos conflitos xa existentes entre moitas parellas nas que, polas razón que sexa, as mulleres aínda non deron o paso de rachar cos seus maltratadores, entre outras, non son, polo que se ve, razóns abondo para que se reforcen as medidas para prever esa repunta de violencia machista que cada ano se repite.
Pola contra, os recursos para protexelos, a mulleres e menores, veranse, durante tres longas semanas de risco máximo, considerablemente minguados, con mínima protección policial, Ufam practicamente baleiras, se non baleiras de todo, nas comisarías, e, por suposto, sen medidas de prevención ou reforzo, como se está a facer ante o aumento doutros previsibles delitos, como roubos, altercados, etc, etc.
Preocupouse a Sra. Montero de pedir ao Ministerio competente algunha explicación ao respecto?
Nalgún momento se chegou a reunir co ministro Marlaska, a quen isto compete directamente, para esixirlle que o éxodo vacacional que se vai dar no seo dos CFSE non deixe as vítimas de violencia machista, aos seus fillos e fillas, indefensos cando máis protección precisan e que, alomenos, xa que non se reforzan as medidas de prevención, que sería o procedente, os axentes que se ausenten sexan substituídos por outros?.
Non, que se saiba e estamos seguros de que, de non ser así, faltaríalle tempo para que nos enteráramos, porque ela non é de silenciar a súa esforzada labor, faltaría mais, polo que xa o tería algo mais que difundido, malia que soamente fose a golpe deses chíos que tanto lle gustan.
Porque, vale, imos admitir que, paradóxicamente, "un comité de crise urxente", malia o seu nome, non se organice dun día para outro, e iso que tivo anos para facelo, pero aínda "mercando" este argumento, é de supoñer que sabería que o Nadal ía chegar, polo que podería ter pedido esas explicacións e esixido esas medidas, como é a súa obriga, hai moito tempo, pero ela está a outras cousas, e igual este ano hai sorte e non pasa nada, ou, alomenos, nada tan grave que a deixe, unha vez máis, en evidencia.
E, se pasa, tampouco é para tanto. Minuto de silencio, se acaso chío de condolencia… e a outra cousa! Pero, en calquera caso, malo será!
Preocupouse de saber se os Puntos de Encontro Familiais van pechar nalgúns dos días máis susceptibles de risco?
Que se saiba, tampouco.
Que un xuíz ordene que se faga uso deles para o intercambio dos menores ante situacións de risco ou, como mínimo, de perigo, non é, polo que se ve, nada que lle quite o sono.
Se acontece algo irreparable, con dicir que iso non vai con ela, nin co seu ministerio, se non que é cousa das comunidades autónomas, arranxado, porque, neste país noso, a violencia de xénero se reparte cuidadosamente.
O caso é que chegou o Nadal, en poucos días pecharemos un ano arrepiante en canto a violencia machista, coa desprotección e desleixo de sempre, pero, mulleres vítimas de violencia de xénero, os vosos fillos e fillas, malia este desolador panorama, non vos preocupedes, porque non ten por que pasar nada… Malo será, non si?
Asociación Si, hai saída