Marta Rodríguez Engroba
Dor
Non teño ganas de comentar, nin de falar, nin sequera para dicir o que é evidente, que se vía vir, que máis tarde ou máis cedo tiña que suceder.
A brutal vaga de violencia machista que estamos a sufrir neste Nadal non é froito da casualidade, nin moito menos, se non da desprotección á que están expostas a inmensa maioría das vítimas por máis que denuncien.
É máis, a día de hoxe, poderíamos dicir sen temor a equivocarnos que moitas das mulleres que denuncian as súas parellas ou ex parellas, corren un risco aínda maior que aquelas que nunca o fixeron, porque non se lles presta a protección que precisan, nin a elas nin ao seus fillos, quedando expostos a agresividade aínda mais violenta da que xa tiña o seu maltratador, que se sabe denunciado, practicamente impune, e sen traba ningunha para achegarse a eles e matar sen que nada nin ninguén llo impida.
Achegábase o Nadal, e, desde Si, hai saída advertimos, como vimos facendo cada ano, e xa van case 9, de xeito reiterado ao longo deles, do perigo que supoñen estas datas, coma as de todos os períodos vacacionais, por múltiples factores que non imos repetir, porque todos os coñecemos, malia que se finxa o contrario, de que a repunta das agresións machistas está garantida, como garantida está a desatención ás vítimas, coas Ufam practicamente baleiras, ademais de outras graves eivas, algo que reflectimos no artigo da semana pasada, que titulabamos "Malo será".
Anunciaba a ministra de Igualdade neses días a súa intención de convocar un "Comité de crise urxente" do que non se dixo data, supoño que porque non a habería... para iso é Nadal! ante o xa máis que evidente aumento desta lacra desde que o ministerio está nas súas mans.
Foi preciso que a semana se tinguira de sangue de mulleres, día tras día, as veces con diferencia de tan só unhas horas entre un crime e outro, para que tal comité chegara a celebrarse, tras o cal, nós, os que vivimos cada día a dor, a frustración e o pánico de quen vive co terror como permanente compañeiro nos preguntamos para que, xa que as conclusións ás que chegaron non son máis que obviedades das que vergoña lles tiña que dar dicir que non se decataron ata agora.
Obviedades das que, ademais, se lles advertiu en numerosas ocasións, pero a nós, aos que non nos lucramos da violencia de xénero, aos que contactamos coas Institucións para alertalos da situación real das vítimas da violencia machista sen fotos, sen avisar a prensa, sen darlles sona mediática, non se nos escoita, non existimos.
Hai xa meses, concretamente en setembro, que, desesperados, ante unha situación que empeoraba de día en día, desde Si, hai saída remitimos un escrito ao ministro do Interior, Fernando G. Marlaska, no que lle dábamos conta das eivas existentes no eido policial, sen que se nos dera resposta nin sequera por unha elemental cuestión de cortesía.
Non interesa, porque facelo implicaría admitir que algo está fallando, algo que depende del, como é revisar e tomar medidas urxentes no que atinxe aos CFES,e, en particular aos axentes destinados á asistencia e protección das vítimas de violencia de xénero.
Como é posible que este señor teña a desvergonza de declarar ante os medios, e cito textualmente, a súa"profunda frustración acrecentada estes días ante a sucesión terrible de crimes machistas" engadindo, referíndose a esta vaga de crimes,que se trata de "Unha proliferación inusual e que non responde a ningún patrón temporal nin doutro tipo", demostrando así que, ou non ten nin idea de que vai isto, ou que a súa máxima preocupación é tentar agochar que el é un dos grandes responsable do que está a suceder por permitir que suceda o que sucede no seo das CFSE, ou, o máis probable, ambas circunstancias?
Como é posible que a secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Ángela Rodríguez, teña o descaro de saír a declarar, ante os medios, a estas alturas, "Temos que estar en alerta" ?
Agora se decata? Para iso lle pagan algo máis que xenerosamente, ou, mellor dito, pagámoslle todos os españois, e españolas?, e desculpe que non utilice o que remata en "e" pero é que non consigo darlle xeito.
Pois permítame que lle diga que, como siga Vd. chegando a esas brillantes conclusións a tal velocidade, poucas mulleres vivas van quedar.
Pero faltaba o mellor, o remate do seu discurso, "Extremar a precaución significa que todos os actores que traballamos na loita contra a violencia machista debemos traballar sen descanso nos vindeiros días para tratar de adiantarnos a calquera nova situación"... Agora...????? Acaso non o viu preciso ata este momento no que practicamente se enlazan os feminicidios uns cos outros?
E, xa de postos a preguntar, as súas manifestacións suscítannos outra dúbida, a que se dedicou entón Vd. durante todo este tempo, se é que se dedicou a algo? E, por pedir que non quede, importaríalle definirnos o termo "traballamos"?
E que dicir dese descubrimento da delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, que nos iluminou co seu descubrimento de que en toda a serie histórica de datos oficiais de feminicidios "destacan os meses de Xullo e Agosto e, a continuación, Decembro e Xaneiro, e tamén Xuño; e nesta repunta de maneira moi flagrante os días festivos"?
Noraboa, muller, pero, francamente, xa as temos visto mais sagaces, ou, a lo menos, máis rápidas.
En definitiva, non é difícil sacar a conclusión, ante os "descubrimentos" dos nosos gobernantes, de que o famoso "comité de urxencia" de nada vai servir, porque de nada serve que se senten a facer que fan aqueles que, nin coñecen a realidade, nin teñen interese ningún en facelo, nin sequera ante circunstancias tan tráxicas como as que estamos a vivir.
E para rematar esta serie de despropósitos que tantas vidas está custando, como se pode entender nin xustificar que a ministra de Igualdade non solicitara ata agora unha reunión co ministro de Interior cando de todos é sabido que o primeiro e fundamental piar na loita contra a violencia de xénero, os CFSE, do que é o directo responsable, está a fallar estrepitosamente?
Por outra banda, e como xa ven sendo habitual nesta sociedade nosa, tan "concienciada" e tan "consternada" ata onte ante tanto crime, hoxe xa practicamente ninguén mencionaba o tema nin se lembraba del.
As festas, as ceas de fin de ano e as présas por divertirse son a prioridade.
Ao fin e ao cabo, as mulleres asasinadas, o bebé que estaba a piques de nacer e que non chegou a logralo, xa son historia, e a vida segue.
Ante isto, que se pode sentir, agás dor, moita dor?