Marta Rodríguez Engroba
Cando á soberbia se lle chama compromiso
"Que un hombre termine en la cárcel porque era su agresor, eso es importante, no quiero minusvalorar la relevancia que ello tiene, pero es verdad que a lo mejor va a la cárcel después de haberla asesinado ya o después de haberla violado ya", a lo que añadía "que un señor esté 11 o 12 o 10 años y 5 meses depende de qué Audiencia Provincial esté analizando el caso, esto es como chiste irónico experto para las locas del ministerio de Igualdad".
Estas son as noxentas palabras textuais que, entre risas, secundadas pola "clap" que compartía palestra con ela, sendo, porén, igual de desprezables, pronunciaba a "Sra." Ángela Rodriguez, Pam, Secretaria de Estado de Igualdade contra a violencia de xénero, nun acto de Podemos, amosando, unha máis que notable falta de humanidade, de empatía e de sensibilidade con todas as vítimas de violencia de xénero en xeral, pero especialmente coas mulleres que sufriron unha agresión sexual e que ven con angustia, e mesmo, nalgún caso, con auténtico terror, como, grazas ao novo marco de penas aprobado polo goberno, que recolle a lei do "Solo si es si", o número de condenados aos que beneficia ascende, entre revisións de condenas a baixa e sentencias posteriores en aplicación da norma, a máis dun centenar, supoñendo para algúns mesmo a súa posta en liberdade.
Non hai palabras, penso, para definir a gravidade e o enorme perigo que supón para as mulleres que alguén que se manifesta deste xeito ostente un cargo como o seu, con responsabilidade directa na loita contra a violencia de xénero, da que poden chegar a depender, e, de feito, así é, a vida de moitas mulleres, e de moitos nenos e nenas.
Un cargo que nos custa a todos os españois e españolas nada máis nin nada menos que a frioleira de case 120.000 € anuais, para manter no seu despacho a unha desaprehensiva que se ri da dor e á que o único que lle importa é seguir ocupando despacho e cadeira e, por suposto, cobrando de xeito algo máis que xeneroso.
É, iso si que hai que recoñecerllo, unha excelente discípula que asimila as ensinanzas e o comportamento da súa xefa, a ministra de Igualdade, Irene Montero, obviando o feito de que, desde que ambas están ao fronte do Ministerio de Igualdade, o aumento da violencia de xénero adquiriu unhas dimensións dantescas, sendo a súa maior habilidade dilapidar miles e miles de euros en campañas e accións que van desde ineficaces a inútiles, e sen tentar atallar, en ningún momento, a raíz do problema.
Tras a lóxica chuvia de críticas que as súas inxustificables palabras e actitude provocaron, a número dous de Igualdade, lonxe de rectificar, di que todo é unha trola e está manipulado, manifestando, e de novo cito textualmente, "Lamentablemente las feministas estamos acostumbradas a que mucho de nuestro trabajo queda reducido a bulos, noticias falsas y manipulaciones".
Tamén nisto a "Sra". Rodríguez, e aproveito para aclarar que non estou a utilizar as aspas por casualidade ou porque me entrara unha teima especial por facelo, se non porque o seu "señorío" se está encargando ela mesma de demostralo, é unha excelente alumna que sigue fielmente a doutrina da súa número un, xa que ambas las dúas son totalmente incapaces de asumir un erro, nin moito menos de pedir desculpas sinceras cando os seus "patinazos" son máis que evidentes.
A culpa sempre é dos demais, que manipulan, menten e, por suposto son, todos e todas... e todes, perdón, o paradigma do machismo e do "facherío" que conspiran por cargarse o seu exemplar feminismo.
De feito, a "Sra." Rodríguez non foi quen de pronunciar unha desculpa desas que lles din "de mal pagador" ata máis de 48 h. despois da súa saída de ton, pero na mesma tesitura de sempre, teimuda, sen un só ápice de arrepentimento, e incidindo unha vez máis nunha manipulación, alegando que as súas palabras e as súas risas se produciran nun pódcast no que "había un espacio para el sarcasmo" concebido como "una suerte de alivio de los "ataques que sufrimos" por parte de la extrema derecha".
"Sra," Rodríguez, é preciso recordarlle o cargo que ostenta e a dignidade coa que é a súa obriga desempeñalo?
Se Vd. quere aliviarse e ter espazo para o sarcasmo, vaia a tomar unhas cañas cos seus amigos ou con quen lle pete no seu tempo libre, pero non cando está, se supón, cumprindo coas obrigas deste cargo grazas ao cal ten Vd. os petos ben cheos, faltando ao respecto a tantas mulleres que sufriron ou están a sufrir o inferno da violencia machista e, por riba de todo, ás que xa non están, e permítame que, no nome de todas elas, lle recorde que, nin Vd. nin o Ministerio ao que representa, teñen motivos para poñerse medallas precisamente.
Mágoa que non se tomen a molestia de preguntarnos ás mulleres, principalmente ás vítimas de violencia de xénero, se nos sentimos representadas por elas.
A ver se vai ser que xa coñecen a resposta, pero moito mellor ignorala, non si? porque, de non facelo, e de ter a dignidade que sería de desexar, o mellor que poderían facer, o que deberían facer, é dimitir, algo que, obviamente, non contemplan nin de lonxe.
En calquera caso, o grave e inxustificable comportamento da número dous do Ministerio de Igualdade tampouco debería ser motivo de demasiada sorpresa.
Se hai algo que as define, tanto a ela como a súa xefa é a soberbia, a falta de humildade, a nula capacidade de autocrítica e para asumir os seus erros, e, en consecuencia, para emendalos, e a incapacidade para saber xestionar con coherencia, con sensatez, un poder que lles veu caído do ceo, pero que, a todas luces, lles ven grande, moi grande.
O grave é que hai vidas que dependen delas, que estamos a vivir unha vaga de violencia de xénero tras outra, a cada cal máis dura, máis cruel, mentres elas seguen vivindo a súa megalomanía cometendo un desatino tras outro.
Errar é humano, xa o dí o refrán, e rectificar, non sei se é de sabios, como di outro, pero si de persoas de ben, que teñen vontade de facelo e de tentar mellorar, pero está claro que non é o caso.
É doado engancharse ao poder, cos privilexios que conleva. Vivir unha nova vida con acceso a moitas prebendas coas que tal vez nunca se soñou poder acadar, e cando isto non se sabe xestionar do xeito adoitado, acaba por ser unha auténtica bomba de reloxería.
Aínda así, eu tendo a ver o vaso medio cheo, e quero pensar que este gravísimo desatino da número dous do ministerio de Igualdade nos vai aportar algo positivo.
Por fin se está a ver a auténtica cara, a verdadeira esencia daquelas que se supón deberían ser o maior referente da loita contra a violencia machista, pero ás que o poder fixo perder o norte, se é que algunha vez o tiveron, claro está, e que tal vez, por moi improbable que agora semelle, chegue o momento de que os seus despachos sexan ocupados por quen de verdade o mereza, por quen loite de corazón para que a nós, ás mulleres, ás nosas fillas e fillos, deixen de maltratarnos e de matarnos.
Din que o tempo acaba por poñer a todo o mundo no seu sitio.
Oxalá esta non sexa a excepción.
Asociación Si, hai saida