Marta Rodríguez Engroba
Falar é gratis
Se hai algún "mérito" que non se lle pode negar ao Ministerio de Igualdade, e, porén, ás súas cabezas visibles, é a que semella inagotable capacidade para sorprender coas súas brillantes ideas, superando cada unha dela as anteriores.
Mágoa que practicamente ningunha vaia acompañada de sentido común e que deixen, ademais, en evidencia, que, da violencia de xénero, coñecerán moi ben a teoría, pode ser, pero que da realidade teñen moi escasas nocións, unha aínda mais escasa experiencia práctica, e, o que é peor, cero interese en adquirila, unido a súa total falta de humildade para recoñecer os seus erros, porque, polo que se ve, elas non son humanas e nunca se equivocan, e, porén, a responsabilidade e a culpa sempre é dos demais, nula capacidade para o diálogo e inexistente para a autocrítica, e a soberbia daqueles a quen o poder lles chegou de xeito inesperado e non saben como xestionalo, optando por exercer a que cren que é a mellor táctica, o despotismo, e tentar facer crer a todo o mundo que existe unha especie de conspiración contra elas.
Todo isto as converte en auténticas bombas de reloxería, máxime tendo en conta o Ministerio que gobernan, do que tantas vidas de mulleres e nenos e nenas dependen, e que, ata o momento, conta no seu haber con cifras en canto a violencia machista, que son para arrepíar a calquera con dous dedos de fronte.
Unha boa mostra disto é a súa teimosa negativa a revisar a polémica lei do "solo si es si", que sería concebida con moi boa vontade, ninguén o pon en dúbida, pero que, á vista está, precisa dunha urxente revisión.
191 revisións de condenas e 24 agresores sexuais postos en liberdade ata o momento, non son, polo que se ve, para elas, motivo suficiente para apearse da súa teimosía, ignorando o feito de que, detrás de cada revisión, de cada excarceración, hai historias tráxicas, historias de moita dor, de terror, de mulleres que se ven de novo, cando, nalgúns dos casos, comezaban a respirar un pouco máis tranquilas, a coller un pouco de aire, abocadas novamente ao pánico mais absoluto, e a revivir todo o horror que sentiron no seu día.
Elas, pola contra, moi lonxe de reconsiderar a súa postura, continúan atrincheiradas na súa soberbia, descualificando a cantos amosan o seu desacordo, e sacando da chistera medidas a cada cal máis ilóxica, como é a, ata agora, última: A utilización de pulseiras electrónicas nos casos dos agresores xa excarcerados.
É evidente que, como dixen, a teoría e a verborrea se lles dan de luxo, pero xa a realidade é outra cuestión, por iso vou permitirme lembrarlle á Sra. Montero e ás súas acólitas algúns aspectos directamente relacionados coa utilización destas pulseiras.
- En primeiro lugar, é o xuíz quen decide conceder ou non estes dispositivos, en base a diferentes premisas, polo que non se lle poden garantir a todas as vítimas, e ,por suposto, non serán concedidas nos casos nos que o agresor xa cumplíu a súa condena.
- En segundo lugar, elas, que tanto falan de revitimización, é obvio que non están a tela en conta ignorando o que implica para estas mulleres o feito de verse, da noite para a mañá, pendientes dun dispositivo que pode soar en calquera momento, o que lles provoca un estado de constante tensión, máxime tendo en conta que, sobre todo en cidades pequenas, é máis que probable que, mesmo sen que o agresor teña a intención de quebrantar a orde de afastamento, que normalmente é de 500 mts., rebase o perímetro permitido, descoñecendo que a súa vítima se atopa cerca del, polo que, reitero, a tensión para a muller é case constante.
- En terceiro lugar, cando un dispositivo soa, desde o Centro Cometa, "alma mater" desde o que se controla este sistema, as FCSE son alertadas, o mesmo que a vítima, debendo personarse unha patrulla de inmediato para comprobar que está ben, e, naturalmente, protexela.
Que acuda ou non, xa é outra cuestión.
Cando se deu algún caso no que, malia ter unha orde de afastamento ou de protección en vigor, estas foron quebrantadas, traendo como consecuencia mesmo o asasinato da muller, o argumento máis esgrimido polas FCSE foi e segue a ser a falta de efectivos para levar a cabo o seu traballo de xeito eficaz, xa que teñen, din, moitas máis vítimas asignadas para ser protexidas das que poden atender; algo, por certo que se están encargando nestes días de reclamar desde varios sindicatos policiais, o que non deixa de ser sorprendente, porque supoñemos que, nin se decatarían agora desta eiva, nin o farían todos de golpe, pero, en calquera caso,a pregunta é, de onde pensan sacalos agora, da noite para a mañá, para que acudan cada vez que un dispositivo soe? Da mesma chistera que elas as medidas?
En que quedamos? hai ou non hai efectivos abondo? Ou é que a Sra. Ministra & Cía. cren que se trata de poñer o dispositivo e xa está, que o aparello se encarga por si mesmo de repeler os agresores, como aqueles que se usaban para espantar as moscas?
Teñen a máis lixeira idea do que supón para unha vítima escoitar o dispositivo, e xa non digamos se ninguén acude?
É xusto cargalas con este novo peso sen ter en conta para nada o seu lóxico precario estado emocional, o seu medo?
E que non se queren decatar do titánico esforzo que lles está a costar tentar levar unha vida normal, convivindo cos seus recordos, coa súa dor?
É evidente que non.
Falan moito, iso si, de sororidade, porque falar é gratis, e, no seu caso, ademais, enormemente rendible.
Levala á práctica, crer no que se predica, é, para elas, o de menos.
Asociación Si, hai saída