Marta Rodríguez Engroba
Moito ruído e cero empatía
O acontecido, ou mellor dito, o que vén acontecendo, na miña provincia desde hai algo máis dunha semana, e se vai prolongar ata que se esprema ben espremido e xa non dea nin unha soa gota, é un clarísimo e deplorable expoñente do que estou a dicir.
Hai, como digo, máis ou menos unha semana, saltou aos medios a noticia dun caso atroz, nun lugar preto Lugo, de abusos sexuais dos que foi obxecto unha entón menor, cruel onde os haxa, malia que todos o son, naturalmente, pero este, polas súas especialmente aberrantes connotacións, é o paradigma do horror, xa que comezaron cando ela tiña tan só 7 anos, prolongándose durante moitos, tendo como consecuencia, entre outras, un embarazo cando ela tiña tan só 13, do que naceu un neno que foi dado en adopción, sendo inducidos estes abusos pola súa propia irmán e cometidos pola parella desta e o seu cuñado.
Ninguén, segundo manifestan, se decatou de nada, nin veciños, nin na escola... ninguén, algo, francamente bastante difícil de crer nun núcleo de pouca poboación, no que todo o mundo se coñece, e existindo un embarazo, pero se eles o din, así será, non digo que non, malia que, reitero, non é nada doado crelo.
Foi a propia vítima, incapaz xa de soportar por máis tempo o calvario que estaba a vivir, a que denunciou, demostrando ser moi valente.
Inexplicablemente, o procedemento, e non me quero estender demasiado, ficou paralizado desde o ano 2016 ata a actualidade, algo totalmente inxustificable e incomprensible, e, finalmente vaise dar por concluído con tan só 3 anos de cárcere para os agresores e a indutora, fronte aos 11 que pedía inicialmente a Fiscalía, debido a esa demora, chegando as partes, ademais, a un acordo, por mor da cal a vítima, hoxe unha muller adulta e que toma, porén, as súas propias decisións, aceptou unha indemnización de 50.000 €, probablemente coa lóxica pretensión de seguir coa súa vida, que, supoñemos, terá refeito do mellor xeito posible, porque unha experiencia tan traumática coma a que ela viviu, tan prolongada ademais no tempo, nunca se chega a esquecer de todo, e tentando pasar páxina, deixando atrás o doloroso pasado, algo totalmente lóxico.
Mais, malia isto, e como tantas outras veces sucede, houbo quen decidiu por ela, e rapidamente comezou un rebumbio mediático en forma de concentracións, algunhas xa celebradas e outras convocadas para vindeiros días, desde polo alcalde do pobo da rapaza ata por certos colectivos "feministas", así como a publicación e difusión do caso en moitos medios de comunicación, algúns mesmo de tirada nacional, que publicaron o caso con todo luxo de detalles, tanto é así, que, a pouco que se coñeza a zona, é perfectamente viable recoñecer a vítima e a súa contorna.
Ninguén, á vista de como se están a desenvolver os acontecementos, se tomou a molestia de pararse a pensar como se sentirá esta rapaza, á que están obrigando a revivir o seu inferno unha e outra vez, ademais, por suposto, de vulnerar reiteradamente a súa intimidade e sen respectar ese anonimato que, con toda probabilidade, desexará, pasando por alto a súa decisión de chegar a un acordo, sen ter en conta que, para isto, sempre, e repito, sempre, é a vítima quen ten a última palabra.
Con que dereito se lle impón un despregue mediático que, non é difícil de adiviñar, lle estará facendo moito dano?
Non quero nin pensar a dor que ten que causar revivir tan atroces aldraxes unha e outra vez, e de xeito imposto, porque, unha vez máis, alguén decidiu pola vítima.
Quen son o alcalde, por moi alcalde que sexa, e con todo o respecto o digo, os veciños, ou tal ou cal colectivo para decidir por ela?
Cal é a finalidade, axudala ou sacarlle eles e elas partido a tan brutal traxedia?
Porque, non cabe dúbida, haberá quen se sume a estes espectáculos con toda a boa vontade do mundo, pero, francamente, todos sabemos a quen benefician na realidade, máxime cando estamos en plena pre campaña electoral, por unha banda, e, a nivel mediático, a certos colectivos, pola outra, o cal aínda os torna máis graves por tratarse de mulleres que se gaban de feministas, pero que non son quen de poñerse na pel de quen soamente quere esquecer e seguir coa súa vida do mellor xeito posible.
Porque, e isto é moi importante, non mesturemos. Aquí están a darse dúas circunstancias paralelas, como son, por unha banda, a inxustificable e incomprensible demora do proceso, que todos os que somos, se supón, persoas de ben, condenamos con toda rotundidade e pola que se deben esixir e depurar responsabilidades, e, pola outra, o respecto á intimidade da vítima, que está a ser claramente vulnerado.
E para condenar o primeiro, para esixir explicacións, para tentar que irregularidades de tal calibre non se repitan, hai xeitos de facelo, pero con discreción, sen poñer a vítima no ollo do furacán, malia que isto, loxicamente, implique non saír nas fotos, nin nos medios de comunicación.
Non é a primeira, nin a segunda, nin, posiblemente, será a última vez que, desde Si, hai saída, por diversas circunstancias, nos diriximos a tal ou cal institución ou organismo, sen que, agás en moi contadas ocasións, transcenda, e, mesmo cando é así, sempre priorizamos a privacidade da vítima, pero, reitero, isto non redunda, naturalmente, en exposición mediática, e non nos da sona algunha, algo que non é, desde logo a nosa pretensión.
Así mesmo, no caso que nos ocupa, é tamén, na nosa opinión, sumamente grave que ninguén semelle ter en conta que hai dous menores máis relacionados con este caso, fillos da indutora e dun dos executores de tan execrable delito, que, se queira ou non admitilo, van ser sinalados, ou máis ben xa estarán a selo, pero, polo que se ve, tampouco importa.
Hai outro concepto, ademais dos dous que mencionaba ao comezo, empatía e sororidade, que se manexa a todas as horas, que é o de revitimización, cando, tras denunciar, a vítima ten que contar unha e outra vez o seu calvario, e, certamente, existe, pero, como se ve, é moi oportunamente ignorado cando interesa, ou, mellor dito, cando non interesa telo en conta, cando quen o esgrime unha e outra vez o relega para antepoñer a súa vontade e o seu lucimento.
Desgraciadamente, a historia desta rapaza, de tanta dor, de tantas aldraxes, é o exemplo perfecto.
Ruído? moito. Empatía? cero.