
Pedro J. Peón Estévez
O extranho caso do porco roubado
Onde vai que pandou o senhor Gumersindo Corredoira ( Sindo para os amigos ), lagartinhán de sona do que aínda se fala con respecto e admiración, tanto en Lagartinhos como nas aldeas vecinhas e mesmo na capital, onde exerceu de cabo da policía municipal ate a xubilación. Hoxe fun ó cemiterio e lembreime del cando vin a sua lápida coa lenda seguinte: DON GUMERSINDO CORREDOIRA JUSTANES - AGENTE MUNICIPAL Y DETECTIVE PRIVADO. Se mo permiten, quixera abordar esta sua faceta de investigador sacando a colación algún dos seus máis sonados "extranhos casos" que el tinha solventado con maior ou menor fortuna. Comezo:
Pois érase que se era un día de inverno, xa lonxíncuo, en que estaba o noso home no medio dunha vinha, coa sempiterna companha de "Sandocán" maila sua fiel companheira Ermitas atando unhas varas tras dunha poda minuciosa, case científica. Non lonxe deles rumiaba, imperturbable, a sua cabra "Guendolín", cando se lhes achegou unha parelha de homes de tan rústico aspecto que pasaban desapercibidos, mimetizados plenamente coa paisaxe. Ó senhor Sindo abondoulhe unha rápida olhada ós recén chegados para adevinhar que eran pai e filho, a xusgar pola fasquía e polo xeito de caminhar de ambos.
- Deus vos axuude - saudou o máis idoso.
- "Bienvenido" -respondeu o matrimonio a un tempo.
- Saben onde podemos atopar ó senhor Corredoira ? -indagou o outro.
Senha Ermitas, coa man entrepechada agás o catapiolhos sinalou, por encima do ombreiro, cara ó seu home que se atopaba detrás dela.
-Pois alédame conhecelo -engadiu o home- Temos oído falar moito de vostede.
- Espero que ben -dixo Sindo.
- Por suposto! É vostede moi conhecido en toda a comarca, mesmo nunha aldea tan afastada coma Mimá. Foi o noso pedáneo, o Aquilino, quen nos falou de vostede…
-Ai o bo de Aquilino…! Eló…que é o que querían -preguntou Sindo.
-Dixéronnos que é vostede medio sabuxo e que adevinha cousas. Seica se amanha moi ben para apanhar criminais e ladróns..
- Un momento ! (mal empezamos) -Repuxo Sindo lixeiramente anoxado- aquí non hai ningún can rastrexador nin manhoso nin nada parecido ! Eu sonlhe suboficial de policía xubilado e por ende, detective diplomado a distancia polo CCC ( Centro de Cultura por Correspondencia ) con nota de aprobado alto. Aclarado este punto, continúe.
-Desculpe vostede pero eu non sabía…Ben, cóntolhe: resulta que onte matámolo porco. Non era moi grande pero todo freba, pouco toucinho, anchote, un bo porquinho…
-Xa, home xa, pero explíquese e non se enlee…que pasou co porco ?
- Que nolo mangaron. Onte deixámolo pendurado da trabe do alpendre e esta manhá non estaba; mangárono.
- Que raro ! Por acá tenhen faltado cousas pero…un porco…!
- A ver se non estaba ben morto e fuxiu de noite…-dixo a dona.
- Ermitas, por favor…! -pregoulhe o marido.
- Como non ía estar morto, minha senhora ! Estaba morto, desangrado, chamuscado, aberto en canal, baleirado e pendurado polo focinho cun par de canas abríndolhe o ventre e agardando polo descuartizamento hoxe á tardinha.
-Eu que sei…cousas máis raras xa tenhen pasado…-engadiu Ermitas.
-Vale Ermitas, abonda. Pois xa me dirá vostede senhor…
-Pascoal, Pascoal Nueveguil -apurou a informar o home.
-Ben, senhor Novexil…que quere que eu faga ?
-Que descubra ó ladroeiro e mo diga, que xa o despacho eu cun par de cartuchazos na barriga !
-Érache boa ! Daquela, non conte comigo.
-É broma senhor, non penso matar a ninguén. Agora, unhas boas ostias e unhas pancadas non lhe han faltar. Esas non lhas quita nin Deus.
Sindo tratou de rebaixarlhe os ánimos ó outro.
-Ate o nervio companheiro; hai que odiar a delincuencia e compadecer ó delincuente…
-Si, claro; compadecelo si, pero despois de meterlhe unha boa felpa !
-(Este home non ten remedio) Mire; é melhor que me dea o seu teléfono e esta tarde paso por alá. A ver: dígame -Gumersindo sacou unha libretinha do peto disposto a apuntar o número. Pascoal preguntou:
-Para que apunta ? Eló non ten vostede móbil ?
- Tenho si -dixo Sindo sacando un teléfono do peto- É un agasalho da filha, aínda que eu non sei moi ben como funciona.
-Pero sabe aquí o rapaz. A ver "Grabiel", mételle aí o número e a min o del nun pis-pas…. Xa está ? Veña tome. Cando me chame, non ten máis que premer este botón.
-Este ? -soa un sinal de chamada- Vaia, están a chamalo.
- Si, foi vostede cando premeu o botón - díxolhe o mozo.
-Si ? Pois foi sen querer…ten que perdoar. Á tarde xa me achego ata Mimá
-Pois moi ben; contamos con vostede…
Aínda Sindo lhe fixo unha última pregunta:
-Están bos os caminhos ? É pola bicicleta…
-Estanlhe moi bos; dereitinhos e asfaltados. O pedáneo ten moi bos amigos na capital.
Despedíronse e fóronse. Tamén se foi Ermitas preparalo xantar, seguida da chota Guendolín.
Gumersindo aínda quedou un anaco ata rematar o tramo de vinha. O can ficou deitado a carón del.
Na sobremesa repousou o xantar saboreando un bo café con pingas e logo foi ó alboio na procura da bicicleta, unha peza de museo cun paraugas atado ó cadro con dous atilhos de vimbio desde nin se sabe cando. Non daban chuva, pero por se acaso…o palheiro Sandocán estaba canso e ficou na casa; era case tan velho coma o dono..
Chegou á de Pascoal, deu un par de voltas e fixo as preguntas pertinentes. Interrogou ó Pascoal e familia sen ningún proveito. En cousa de vinte minutos xa estaba fóra. Quen fora o que arramplou co porco non deixou rastro; as pegadas que había eran dos da casa. Mal asunto.
Mimá non era moita aldea pero tinha taberna -a de Selmo- que abría a medio día e pola noitinha. O resto do tempo ficaba pecha.
-Boa tarde -saudou Gumersindo cando entraba.
- Boa tarde -contestou o Selmo- Que lhe ponho ?
-Vinho, pero non calquera purrela que eu de vinho entendo un pouco…con dicirlhe que fun axente municipal, xa lhe digo todo.
Tras escoitalo, o taberneiro foi servirlhe o vinho e deitou un chisco fóra da taza co tembleque.
-É o Párquinson, sabe ? -excusouse o cantineiro- Perdoe pero…vostede de quen vén sendo ? Non o tenho visto por aquí…
-Ben, pois direilhe: eu sonlhe investigador privado e venho da de Pascoal de examinar unha escea do crime, xa sabe: colher mostras, facer preguntas, tomar fotos…
-De que crime ? Quen morreu ? -preguntou o Selmo.
-Aparte dun porco, ninguén; é unha maneira de falar. Un crime tamén pode ser un atraco…A Pascoal roubáronlhe esta noite o porco que tinha pendurado no alpendre…
-Non me diga !
-Digo, e tamén lhe digo que me dea o xornal que vou ler as novas sentado tranquilamente nesa mesa, se non lhe importa.
Selmo deulhe o xornal e meteuse na cocinha. Sindo pousou o xornal maila taza na mesa do recuncho, puxo os lentes de ler e acomodouse na cadeira. Abriu o xornal pero sen poder ler nin a primeira linha, enfrascado como estaba nos seus pensamentos. E comezou a falar para si.
-En boa lea me metín ! Non tenho nin idea do que puido pasar. Voulhe dicir ó Pascoal que renuncio por falta de indicios, que denuncie o roubo á policía e listo. Agora ben; a min o asunto este non mecheira nada ben. Que só haxa pegadas dos da casa, que non ladrase o can, que non oíran ningún ruído…E non será que pilharon eles mesmos o porco para cobrar do seguro e a min utilízanme como coartada ? Pode que si, pero isto arrégloo eu axinha ! (sacou o teléfono e premeu o número do Pascoal)
-Contigo quería falar eu paxarraco…-cando tal oiu, Selmo accedeu tras da barra por unha porta que daba á cocinha. Sindo engadiu:- Non,non fai falta que venhas aquí; desde onde estás óesme ben. -Selmo volveu meterse na cocinha e ficou a escoitar- Fixéchelo moi ben arrepanhando o corricho pero a min non me enganhas machinho ! Así que non che queda outra que cantar coma un xílgaro e pagar a tua culpa. Caíches na trapela, meu ! ( premeu a tecla e cortou a comunicación ), logo resoprou e engadiu:
-Caralho como se puxo ! Vén para acá rabiado ! E di que trae a escopeta !
Naquel intre Selmo rodeou o mostrador a escape e axeonlhouse diante de Sindo coas mans entrlazadas diante do peito e o xesto desencaixado
-Perdóeme senhor ! Non sei como se enterou pero si, eu roubei o porco, pró non me delate, pídolho polos seus defuntinhos ! Pagarei o que sexa pero non me denuncie que tenho mulher e filhos !
-(Se non o vexo, non o creo ! …hai que foderse !)- exclamou para si Gumersindo abraiaodo, sen ser plenamente consciente do que estaba a pasar. O outro seguia laiándose.
-Polo que máis queira senhor, canto vale o porco ?
-Seis mil.
- Un pouco caro non ? -queixouse o adegueiro.
-Daquela será melhor que vaias ó cárcere. Só faltaba que me regatearas…
-Noon ! Pagarei, pagarei.
-…Mais catrocentas dos meus emolumentos -engadiu Corredoira.
O home foi a dentro lixeiro e deulhe a cantidade estipulada sen chiar. Naquel intre entrou na tasca o Pascoal feito unha chispa, escopeta en ristre. Ó velo, o taberneiro escapuliuse para a cocinha. Pascoal bufaba coma un touro, o filho tirábalhe da chaqueta: "Papá que te perdes, papá que te perdes !". Sindo enfrontouse, conciliador, a Pascoal.
-Menos matar e máis cobrar. Aí tés; seis mil pesetas polo porco que é moito máis do que valedes ti e máis el xuntos. -ó ver o carto, a Pascoal cambioulhe a cara, riu, abriu a escopeta, pediu un vinho e sospirou feliz. Cando Selmo lhe serviu, tirou un pouco de vinho por fóra. Pascoal díxolhe:
-Nin que tivéralo Párquinson Selmo ! -logo dirixiuse a Sindo- Pois si que resolveu rápido o asunto. Dígame logo senhor Sindo…quen foi o mangante ?
-Secreto profesional amigo. Un non revela os seus métodos nin as suas fontes e tenhan ben presente o seguinte: "Corredoira nunca falha". Agora, iso si: -dixo baixando o tono- débeme trescentas dos meus emolumentos -Selmo quixo protestar pero coidouse moi moito de facelo.