Pedro J. Peón Estévez
Vai tu, vai tu, vai ela
VAI TU, VAI TU, VAI ELA
VAI TU A COMPOSTELA…
En Compostela foi chegar e encher (O Obradoiro) e non chegou a nada. Cando nós saímos pola esquerda, -única saída decente- aínda entraba xernte na praza. E a cosa non era para menos. O tempo non podía ser mellor. A causa tamén o merecía. E o chamamento coraxudo da Nosa Sabela reclamaba unha boa resposta.
Mal pintan as cousas para á nosa Sanidade PÚBLICA, fagocitada a cotío pola privada coa descarada axuda da peperaxe recalcitrante. Mal pinta para os nosos sanitarios, e se eles están mal, nós estaremos peor. Defendamos a Sanidade Nosa, A PÚBLICA, a de todos (mesmo da cacicaxe secular). Os que poden acoden á privada -que soe ser nefasta. Exemplos hai abondo) aumentando a desigualdade social. Que cal é a privada ? É esa mesma que desvía pacientes da pública para os seus "sanatorios"? É esa mesma que, cando ten unha operación complicada ou unhas probas custosas, acode as instalacións e profesionais da pública. É esa mesma que utiliza o da subvencionada "concertación" para encher os petos. Son empresas privadas e o primeiro mandamento da empresa privada e meter para a saca, ser rendibles tal e como manda a filosofía capitalista.
A meicinha popular tampouco vai melhor. Xente como O Faracho do Marco, Rosa de Mirón, a meiga de Santa Ana, a "Viúda", Rosa a de Malvar ou o gran Manso de Tomeza, pastequeiro de pro, e outr@s moit@s xa non exercen e moi pouc@s deixaron herdeir@. Estas xentes fixeron moi bo labor con notable éxito. A cousa tinha o seu aquel: se o doente sandaba, o mérito era d@ curandeir@ e se morría, a culpa era do médico.
Os santos milagreiros xa non dan abasto para curar tanto meigalho, aire, codo, enghanido, mal de olho, paleta, mal ruín etc. e tanto padecemento que agora chaman "enfermidades raras". Polo de agora aínda non disponhen de consulta telefónica pero todo se andará.
O caso é que San Cibrán e Santa Comba, avogados do meigalho, San Bieito de Lérez co seu aceite, A Virxe das Cabezas (das dúas), Os Milagres de Moraña, Os Remedios de Marín darriba, O Corpiño de Lalín (con ou sen exorcista) aínda conservan as súas romarías ás que acoden xa poucos fieis crentes pero moitos borrachóns garrafeiros, turistas e outros papaconas e algún "antorpólogo" de patacón.
Ben, ata aquí chegou a broma. Axudemos ós sanitarios, coidadores, auxiliares, conductores…pero axudémolos de verdade…xa abondou de aplaudirlhes…Agora toca a animalos persoal, moral e fisicamente, acudindo ás súas concentracións, asinando reivindicacións, reclamacións etc. E, en definitiva, dando a cara porque, non o esquezamos que NOS VAI A VIDA NELO.
Todos sabemos o que pasa e por que pasa e máis quen ten a culpa.
A culpa de quen é ?…Vale, pois acordémosnos deles cando vaiamos votar
O domingo cheguei ó Obradoiro e acordei cando oín a súa VOZ. Voz afouta, rota, berro seco daraza, voz enxebree comprometida de loitadora incansable; voz cáustica; coraxuda; voz represaliada, víctima de miserentas ameazas caciquís; voz espida, descarnada, amorosa, arriscada; voz de risco. E pensei: " Estamos salvados: está ELA". E pensei armarlhe uns versos…e fíxenos, e aí van:
Brava coma donicela,
Lixeira coma vasilisco,
Afouta e doce Sabela,
Non hai outra coma ela:
Valente SABELA RISCO.