
Pedro J. Peón Estévez
O extranho caso do revivido (I)
A que foi boa foi aquela de cando resucitou o Senén "o Cacheiro"! Agora que xa hai un par de lustros que a espichou de verdade, xa podo eu contar o caso, un dos máis sonados de Gumersindo Corredoira, o detective de Lagartinhos que "el" Senhor tenha na gloria.
Pois érase que se era un día coma outro calquera no que chegou o Cacheiro á cas do Sindo, un chisco acorado e un moito desacougado. Tan pronto recuperou folgos, faloulle con gravidade olhándoo en fite:
-Sindo; pídoche polo que máis queiras que todo canto che diga non vai sair daquí.
-Xa me conheces; eu xamais falo dos meus negocios privados -dixo Gumersindo lenemente ofendido.
-Xa sei que conto coa tua discreción, por iso venho xunto a ti. Tamén che pido, iso si, que non rías do que che vou dicir -pregou o home.
-Perde coidado. Eu sempre tomo moi en serio o meu trabalho.
-Ben; pois resulta que…é que non sei por onde empezar -dixo Cacheiro un tanto conturbado.
-Un bo xeito é comezar polo principio -aconselhou Sindo.
-Pois venha; vai ! Como xa sabes, eu casei coa Mucha hai un par de anos…si, xa sei que vinha polos meus cartos…ela é nova, bonita e alegre coma un axóuxere, mentres que eu…eu só tenho cartos…
-E logo o "aqueloutro" ? -preguntou Sindo, mirando abaixo con certa retranca.
-Nada amigo meu, nada. O meu rato poucas veces caeu no seu garabito…- respondeu o outro aínda máis raposeiro se cabe.
-E ponche cornos, loxicamente -espetou Corredoira de súpeto.
-Quen cho dixo ?? -preguntou, sorprendido, o outro.
-Ninguén, pero cae de caixón: ela procura fóra o que ti non lhe dás. É lei de vida…non viches "Os velhos non deben de namorarse" de Castelao?
-Non.
-Xa ben mo parecía…en fin; que queres que eu faga ? -preguntoulhe Sindo enfastiado- Divórciate, non che queda outra.
-De ningunha maneira! O pouco tempo que me qude por vivir quero vivilo con ela. Quéroa, sabes ? Para divorciarme non te necesito a ti. Tes que xoquear ó outro sen que ela se decate que estou eu detrás. Agardo noticias tuas. Deica logo.
-Difícil mo pós Senén…dixo Sindo erguéndose da cadeira- Pois verei que podo facer pero non che prometo nada. (Na minha vida che vin outra ! ) Anda, vai e volve pasado manhán a ver que se me ocorre (se se me ocorre algo, que o dubido…) por certo: sabes quen é o terceiro en discordia ? ou, como soe pasar, o hastado é o derradeiro en enteirarse ?
Cando o Cacheiro marchou, Sindo ficou entregado a fondas cavilacións "Mira ti para que clase de cousas me requiren; eu sempre quixen ser un bo detective coma Sherlock, Poirot, Carbalho ou Marlowe resolvendo reviradas tramas criminais e atrapando astutos e perigosos asasinos e velaquí que tipo de liortas me traen. En fin…paciencia Gumersindo". Aínda Sindo pensou no asunto ó longo do día mentres facía os seus trabalhos nas terras e a casa. Tanto matinaba que ata Ermitas, a sua dona, se decatou.
-
Ou, chacho !, semelha que andas un pouco desaqueloutrado…que raio che bule pola chencha ? - preguntoulhe sen moitos miramentos.
-
Cousas minhas. -contestou Sindo, cortante.
-
Venha hó, esgomita o que levas dentro que non te deixa concentrar no trabalho. A ver; canto antes, melhor. Total vas rematar por contarmo aínda que non che faga caso….
"Certo -pensou Sindo- Moitas veces, abonda conque alguén te escoite (aínda que sexa Ermitas) para despexar as ideas…cando non as aporta ela. Ademais a sua discreción é total no tocante ás minhas pescudas". Ermitas, que non era parva, sondou:
-É algo que ten que ver co Cacheiro ? Chocoume velo aquí na casa, se ve que algo non marcha na sua…-comentou con solerma.
-Que cres saber ti ? -indagou el.
-Eu ? Nada. Pero un velho con mulher nova e guapa que recaba os servizos dun detective…humm! ou moito me trabuco ou estanlhe aderezando a fronte…Ha querer saber se a sua Muchinha anda "moendo pra fóra"…
-Ermitas; por favor !
-Sen favor meu rei…a que vou ben encaminhada ? -el nada contestou no intre pero logo, pasou a referirlhe tódolos detalhes sen reservas, sabedor da cautela da sua dona nestes temas. Ela escoitouno en silencio en tanto debulhaban unhas mazorgas de milho. Cando rematou, ela ergueuse e foilhe botar de comer ás pitas e ós cochos. Ata a noitinha non abordaron o asunto. E foi ela quen retomou o tema na sobremesa da cea.
-A ver se o entendo; Senén quere largar ó "machacante" e recuperar á Mucha e, ó mesmo tempo, que ningún se decate de que é cousa del -dixo Ermitas.
-Así mesmo é. Ante isto….. " ¿Como me la maravilharía yo ?" Que dicía Lola Flores -engadiu Sindo, ao que ela contestou:
-Primeiro cómpre que Senén morra… -espetou.
-Pero…Que dis mulher !? - preguntou Sindo abraiado.
-…E que resucite máis tarde -engadiu a dona.
-Non hai dúbida de que te volviches tola, paisana. Viríame ben que fales en serio ou que cales, porque…
- Calar, cala ti e escoita con muita atención…Sabes o que é a catalepsia ? -inquiriu.
- Tenho unha idea…Ben, e a santo de que vés con iso ?
- E sabes que incluso se pode provocar ? Xa consultei na internet e…-proseguiu ela. Sempre se dixo que, tras dun gran home hai unha gran muller. Neste caso a gran mulher falaba e o home escoitaba en silencio sen perderse ren.
Nos días seguintes, Sindo abordou e sondou ós diferentes actores da farsa que ía montar en breve. Todos estaban dispostos a representar o seu papel. Foran captados por Gumersindo agás un: o seu sobrinho garda municipal; o Inefable Pucho, que disque tamén quería ser detective, seica... o que hai que oir ! Este enterouse do caso, nin se sabe como, e agregouse como "becario" sen beca. En total xuntou a cinco actores: Senén o Cacheiro, Mucha, Fran o médico, o ínclito Pucho, o amante Ghichardo...perdon!, Ricardo (en que estaría pensando.) e…el mesmo; o elenco ó completo; un burato negro e unha estrela de cinco puntas.
Ó primeiro que reclutou foi a Fran o médico, este non só estaba máis que disposto senón que lhe aportou valiosísima información sobre o casal Senén - Mucha como médico de familia no PAC. Nin secreto profesional nin farrapos de gaitas. Decía que era unha oportunidade única para investigar sobre a natureza humana, ou algo así...caralhadas! Pola sua parte a Senén, que rabeaba por escarmentar a un par deles, faltoulhe tempo para se incorporar na representación. Pucho…en fin, polo menos faría vulto e, por último, Sindo. A obra podería titularse "Senén; o non morto" e, de banda sonora " no estaba muerto, estaba de parranda..." Ben, abonda xa de conha.
E vaites que unha noite "fenece" Senén o Cacheiro. Así; de socate. Mucha atopouno pola manhán cedo teso coma unha táboa encima da súa cama. Sempre durmiran separados pois ela dicía que el roncaba coma un tractor velho. Antes de nada, Mucha chamou a Ricardo que se presentou ós poucos minutos. Tan pronto entrou, Mucha díxolhe que pandara o velho e ó outro faltoulhe tempo para intentar meterlhe man. Mucha arredouno aducindo que era cedo de máis para iso pois ainda Senén non arrefriara. Ricardo, ardendo de desexo díxolhe que o que estaba enfriando era el e ó Senén, que oía todo malia non poder moverse, comíano os demos mesmo sen aínda chegar ós infernos.
Mucha chamou ó médico que acudiu axinha e certificou a defunción. Non avisou á funeraria nin a familiares porque antes tinha que atopar un boleto da Primitiva con seis acertos que el lhe contara, antes de deitar, que tinha e que ingresaría de manhcinha no banco. O bote era de…9 milhóns de euros !!