Marta Rodríguez Engroba
Eu dixen non
Non vou falar de novo da lei do "solo si es si" porque creo que xa está todo dito, e, se non fora así, o bochornoso espectáculo ao que estamos a asistir, no que os nosos políticos deixan ben claros os seus propios intereses, relegando claramente os das vítimas, minimizando o seu medo, a súa angustia, fala por si mesmo.
As mulleres estamos totalmente vendidas, é un feito constatado, e, aínda por riba, dividida e nas mans dun ministerio rexido pola megalomanía e o desatino. O panorama non pode ser máis desolador.
Pero si vou incidir nunha cuestión unha pregunta que desde Si, hai saída levamos formulando desde hai moito tempo, directamente relacionada con esta lei, e, porén, coas agresións sexuais, que moitas mulleres nos fan, que nos mesmos nos facemos, coa que nos atopamos case a diario, e para a que semella que non hai resposta, ou a lo menos a nos ninguén nola deu.
Di a nova lei, e cito textualmente.
«Solo se entenderá que hay consentimiento cuando se haya manifestado libremente mediante actos que, en atención a las circunstancias del caso, expresen de manera clara la voluntad de la persona»
«Ninguna mujer va a tener que demostrar que hubo violencia o intimidación en una agresión para que sea considerada como agresión».
"Todo lo que no sea un consentimiento expreso de la mujer ante una relación sexual se puede considerar agresión sexual".
Ben, así, de entrada, ambos conceptos, cando hai consentimento e cando non, semellan quedar moi claros, como tamén semella que é un gran avance para as mulleres, pero cando chega o momento de denunciar unha agresión sexual, cando a teoría se torna cruel realidade,a cousa segue a complicarse e a non estar tan clara.
Non é nada estraño que unha muller decida, despois de iniciar o que semella que vai ser unha relación sexual completa, que non quere seguir adiante, obviamente con todo o dereito de facelo.
En circunstancias normais, non pasará nada,e aí rematará todo pero, e cando non é así e a outra persoa, facendo caso omiso, decide continuar, exercendo presión do xeito que sexa ou chegando mesmo a agredila?.
Obviamente, isto sucede na intimidade, polo que, se a vítima decide denunciar e non hai lesións evidentes, se non tan so sinais de que existiu unha relación sexual que o agresor, por descontado, vai afirmar que foi consentida, como pode ela demostrar o contrario?.
E cando isto sucede de xeito continuado, de portas adentro da casa, no eido dunha parella estable, como lles sucede as vítimas de violencia de xénero, violadas reiteradamente polos seus agresores?
E a resposta segue sen chegar, e as denuncias por este motivo seguen sen ter percorrido, porque se a vítima non chega maiada a paus, se non a tirou ao chan ou a suxeitou brutalmente deixándolle marcas, ou non existen lesións derivadas do propio acto, de nada lle vai servir denunciar esa violación, porque é a súa palabra contra a do agresor.
Pero ninguén con competencias semella entendelo, e menos agora, imbuídos dese espírito tan "feminista" da Ministra Montero & Cía. Tanto, que cada vez nos pon máis as mulleres aos pes dos cabalos.
Din que as experiencias relatadas en primeira persoa chegan máis aos que as escoitan ou as len.
Pois ben, vou tentalo, a ver se hai sorte, e desta volta, alguén nos da unha resposta.
Eu fun, como sabedes, vítima de violencia de xénero, e, porén, como nos sucede a todas as que pasamos por ese inferno, tiven que soportar os continuos abusos sexuais, as reiteradas violacións do meu verdugo.
Dixen NON! ben alto e ben claro en moitas ocasións, de feito en todas, agás ao principio, cando todos eran días de viño e rosas, que duraron moi pouco, por certo.
Dixen NON! con toda a enerxía da que fun capaz, pero de nada me serviu, e por pura supervivencia, coma lles sucede a tantas e tantas mulleres, tiven que tragar a miña dignidade, o meu noxo, e tan so puiden conservar o dereito a pechar os ollos, e a desexar que todo rematara o máis rapidamente posible.
Malia isto, NUNCA e reitero, NUNCA, presentei nin unha soa evidencia física de ter sido forzada, porque hai moitos xeitos de coaccionar, de violar, sen dar un so golpe.
As ameazas, xa non so do que me podería facer a min, se non quen máis quería e quero, por exemplo, saber que estaba a o outro lado da parede e tentar por todos-los medios que non escoitara o horror que eu estaba a vivir, foron motivos máis que suficientes para que tentara abstraerme, deixarme facer, e rematar con aquel inferno canto antes, ata a seguinte vez, por suposto, e a outra, e outra máis...
Que pensades que sucedería se denunciara estas violacións? Que me ían crer?
Todo canto podería demostrar era que tivera relacións, pero non que foran forzadas e contra a miña vontade, e él, pola súa banda, sostería que foran consentidas e mesmo desexadas.
Se fun cuestionada cando, tempo máis tarde, despois dunha malleira e cun parte de lesións, denunciei, imaxinade sen evidencias físicas.
Hai moitos anos disto, certo, pero, no fondo, e, o que é peor, na practica, e por máis que nos digan o contrario, as cousas non cambiaron tanto, por ser optimistas e non dicir que non cambiaron nada, e a lei pode dicir o que sexa, ten conta do que lle poñen, pero a hora da verdade, a realidade é moi diferente, e en Si, hai saída sabémolo ben.
Eu, como tantas mulleres cada día, dixen NON!, pero daquela, como a elas, hoxe, despois de tanto tempo transcorrido, de nada nos serviu, diga o que diga a lei, e aínda non atopamos quen nos demostre o contrario.
Non atopamos nin sequera unha resposta.
Asociación Si, hai saída