José Cela
Non revalidarei a miña candidatura nas próximas eleccións
Ser alcalde da vila na que nacín é unha honra moi importante para min e teño a oportunidade de ocupar este cargo dende hai dous anos e medio, ao que que accedín nun momento tan difícil como era a pandemia que asolaba o mundo. En todo este tempo, realicei o meu labor con responsabilidade, compromiso e seriedade, sen escatimar esforzos e por iso sinto orgullo deste tempo de servidor público.
Neste periodo dediquei todo o meu tempo a traballar polo Concello e polos veciños, cun alto grao de implicación xa que non entendo outra maneira de ser Alcade do Concello no que sempre residín. Entendo que se non se dispón do tempo para esa entrega total e traballar sen descanso non se debe permanecer á frente da Alcaldía. Por este motivo non revalidarei a miña candidatura nas próximas eleccións municipais de maio. A miña situación familiar requíreme dunha atención moi importante, e considero que esa ocupación de tempo non é compatible cunha obriga tan importante coma é gobernar Moraña.
Por iso, veciño, veciña, dou paso a outra persoa, agradecendo toda a confianza e o voso apoio neste tempo e agradézovos o respecto ao meu traballo como alcalde durante estes anos. Sempre vou recordar este tempo de Alcalde, corto pero moi intenso, pero tamén o tempo de Teniente de Alcalde e Concelleiro que en total sumaron 12 anos. Recordarei moitas obras, pero se dalgo me sinto especialmente orgulloso é que en Moraña teñan atención a personas maiores tanto no fogar do maior como no centro de alzheimer.
Aínda quedan proxectos moi importantes para Moraña que se executarán nos próximos meses e outros proxectos e iniciativas en curso que verán a luz máis adiante, e por iso animo ao meu compañeiro José Luis, o candidato do noso Partido, a fortalecer o que será a continuidade do proxecto iniciado para o noso Concello.
Na medida das miñas posibilidades continuarei ao servizo dos veciños como sempre fixen en asociacións e comunidades de montes e animo ao meu compañeiro Sito a loitar con todas as súas forzas.