Marta Rodríguez Engroba
De verdade poden durmir polas noites?
Unha noticia publicada hoxe nun xornal da miña cidade viña a engadirse ao mar de dúbidas e a unha fonda preocupación que, desde hai tempo, estamos a sentir en Si, hai saída, que, entendemos, debería ser compartida por toda a sociedade, pero que, ao paso que imos, está claro que é moito pedir.
A noticia en cuestión daba conta da absolución dun home da Fonsagrada, despois de tres anos agardando a resolución, da acusación dunha muller de ter abusado sexualmente dela, que o denunciou despoís de que o home acudira ao seu domicilio a facer un traballo de fontanería, alegando que, de súpeto, el entrara no salón no que ela estaba sentada no sofá, botándoselle enriba, tocándolle unha perna ata a ingua, feitos polos que ela reclamou unha indemnización de 5000€ por danos, así como unha axuda como vítima ao día seguinte de interpoñer a denuncia, mentres que o ministerio fiscal solicitaba para o acusado 18 meses de cárcere e unha indemnización para a vítima de 2000€ por danos morais.
O home negou os feitos en todo momento, e a absolución tivo lugar despois de que a xuíza chegara a conclusión de que algúns puntos da declaración da presunta vítima non resultaban cribles, ademais de incorrer en diversas contradicións, chegando mesmo a facer declaracións diferentes inicialmente ante a Garda Civil e con posterioridade no Xulgado, para, finalmente, na vista oral, manifestar que non se acordaba practicamente de nada.
Por outra banda, na exploración física non se apreciaron lesións, o seu estado psicolóxico era normal e, segundo ela, o único que lle foi receitado foi un tratamento para a ansiedade que, curiosamente, non aparecía no informe, polo que a xuíza concluíu que a súa versión non reunía os requisitos para vulnerar a presunción de inocencia e o home foi absolto.
Obviamente, eu non estaba alí e non sei do caso máis que o que acabo de relatar, ademais de, como sempre fago nestes casos, apelar a prudencia, se ben a ninguén se nos escapan as consecuencias que a denuncia desta muller, de ser falsa, como conclúe a sentenza, supón para o acusado, que, tras tres anos de calvario, vai quedar, en calquera caso, sinalado de por vida e cunha sombra de dúbida sobre el, por moi absolto que teña sido, coma para outras mulleres, vítimas, por desgraza, reais, e que, tal vez, inxustamente, sexan postas en dúbida, algo que, lamentablemente, xa sucede en demasiadas ocasións, sen necesidade de que se propicie aínda máis.
Esta noticia, como dixen ao comezo, non fixo se non aumentar a preocupación que estamos a sentir en Si, hai saída ante o alarmante aumento de agresións sexuais que se están, supostamente, cometendo, a cada cal máis brutal, case sempre colectivas, e protagonizadas, e isto aínda as fai máis arrepiantes se cabe, en moitos casos, por menores.
Que está pasando?, porque, o miremos desde a óptica que o miremos, a situación é extremadamente grave.
Por unha banda, se estas agresións son todas certas, o salvaxismo que está a instaurarse na nosa sociedade, ou , mellor dito, xa se instaurou, é para botar as mans a cabeza, ademais de resultar moi difíciles de asimilar, porque son máis propias de animais que de persoas.
Pero, pola outra, se resultan ser, xa non digo todas, pero si parte delas, falsas, a situación é igualmente alarmante, porque é o síntoma evidente de que algo moi grave está a pasar.
As causas? Evidentemente, a educación que se lles está a dar a nosa mocidade ten moito que ver, pero non é este o único factor, nin moito menos.
Podemos seguir negando a realidade, pero a ninguén, agás que sexa xordo e cego, ou viva illado nunha cova, lle pode pasar desapercibido o feito de que todo o relacionado coa violencia sobre a muller está a acadar unhas cotas intolerables desde que o actual Ministerio de Igualdade tomou posesión.
Non se trata de demonizar a ninguén, pero é obvio que a súa xestión está a ser nefasta, que están dilapidando recursos en supostas campañas de prevención, de concienciación, que non digo eu que estean mal, se ben algunhas, e con todo o respecto o digo, raian no absurdo, francamente, pero que, sexa como sexa, de nada serven en tanto non se aborde o problema desde a súa raíz.
A violencia de xénero aumenta de día en día, a desprotección das súas vítimas é cada vez maior, as eivas en canto a ela por parte dos CFSE, malia ser evidentes, seguen a ser deliberadamente ignoradas, mentres se maquillan gastando miles e miles de euros coma se non houbera un mañá, nas mans dun ministerio sectario, que as veces semella pretender inocularnos a todas as mulleres o odio contra os homes que elas destilan e aos que non dubidan en tachar de violadores, metendos a todos no mesmo saco, e que están mais preocupadas en dicirnos cales deben ser os nosos gustos sexuais, e mesmo as prácticas que debemos ou non adoptar, se debemos acender ou non a luz mentres as realizamos, ou se debemos ou non tocarnos a determinadas idades, que en tentar paliar este salvaxismo que está a levarse a tantas mulleres por diante, a que outras moitas sexan agredidas, e que tal vez algunhas mintan, non o sabemos, pero que, de ser así, o fallo que propiciaría tales condutas provén do mesmo sitio, non nos enganemos.
Eu cheguei a pensar,e o digo moi en serio, e non é a primeira vez, que tanto a Sra. Montero coma a súa man dereita, a Sra. Rodríguez, teñen serios problemas psicolóxicos para os que deberían buscar axuda, por elas mesmas e por tantas mulleres, rapaces e rapazas, aos que están a causar un dano irreparable, e isto dígoo no mellor dos supostos, porque, de non ser así, e ser plenamente conscientes da hecatombe que están a producir desde que chegaron ao poder, estariamos ante unhas auténticas desalmadas e quero crer que non é o caso, que ninguén pode facer tano dano deliberadamente, pero, de calquera xeito, ante o panorama tan desolador que estamos a vivir no que atinxe a violencia sobre a muller, de corazón lles pregunto:
De verdade poden Vds. durmir polas noites?
Francamente, eu non sería capaz.
Asociación Si, hai saída