Antón Roel Villanueva
Bibliotecas para os barrios
Peta na porta o mes do verde abril, cando reverdecen os Freixos da Praza de Galicia e florecen as Ameixeiras brancas. Estas, semellan folerpas de neve ao pousarse paseniñamente nas pólas das árbores, agardando que algún pintor as inmortalice nun cadro como noutrora fixera Van Gogh coas cerdeiras en flor. As froiteiras en flor, son unha obra de arte efémera da natureza que, nun barrio da cidade, só tronzan unha vella cabina de telefonía fóra de uso e estragada, que afea a contorna.
Como xa acontece noutros países, penso que as cabinas de telefonía e os quioscos da Once, non deberían desaparecer. Habería que restauralos e darlles unha segunda vida, coverténdoos en pequenas bibliotecas para os barrios. Pois, xa que presumimos de cidade culta, tamén deberíamos darlle outra vida ós libros que xa lemos e que, á maioría de nós nos estorban, rematando por botalos ao lixo ou tirados polo chá, ao non saber que facer con eles.
Só habería que restaurar e acondicionar as cabinas e os quioscos engadíndolles uns andeis, e instalalos nos barrios para que, os veciños e veciñas, poidan gozar da lectura no tempo de lecer sen ter que desprazarse do barrio. As asociacións de veciños encargaríanse do seu mantemento e vixilancia.
Todos temos libros na casa que xa lemos moitas veces e outros que xa non nos interesan. Se na pequena biblioteca hai algún que nos interese, poderíamos facer un troco para que todos os veciños os poidan ler, sentados nun banco ou na casa. Cando os rematen, deberán devolvelos para que sempre haxa libros para ler.
Na Praza de Galicia, ao carón da fonte, e na sombra dos Freixos, poderíase instalar unha. Tamén no barrio da miña infancia, na Virxe do Camiño, ao carón do Cruceiro, onde de cativos nos reuniamos por estas datas para artellar os Maios e estrullar os miolos e para confeccionar as letras das coplas. Podíase pór outra na Carballeira de Manuel María, no río dos Gafos. Imaxino aos velliños e velliñas da residencia de maiores de Campolongo sentados nos bancos a ler co marmurio do río no seu devalar. E así, moitos barrios e parroquias que o soliciten. Penso que non sería moito gasto pois, só consistiría en solicitalos a Telefónica e á Once, que supoño que non poñerían ningún inconvinte. Pois, xa que agora non lles son rendibles, e o único que fan é estorbar e ensuciar a cidade, contribuirían a facer, a través da lectura, unha sociedade mais culta.
Noraboa á Tropa do Clima, Vaipolorío e ós Institutos da cidade pola iniciativa de limpeza do río dos Gafos e pola creación dunha nova Carballeira ao seu carón. É bo para a sociedade e o futuro que a xuventude se implique no coidado da natureza. Longa vida e mil primaveras para as vellas cabinas que, durante moito tempo, levaron moitas novas polo vento. E ós quioscos, que trouxeron ilusión e traballo para moita xente con discapacidade. Agora, na segunda vida, poderán levar cultura e sabiduría aos barrios para que non rematen a súa vida tirados nunha chatarrería.