Marta Rodríguez Engroba
A estupidez factura
Hai uns días, dicíame un amigo meu que comezaba a pensar que o mellor que se podería facer por min é non deixarme ver nin ler os medios de comunicación, a vista dos cabreos que pillo e os malos ratos que paso lendo algúns e vendo ou escoitando outros, e non lle falta razón, porque raro é o día no que, por máis que me propoña o contrario, algunha noticia non me faga subir polas paredes, e o que vou compartir con vos é un exemplo disto.
Penso que, a estas alturas, non queda practicamente ninguén en España que non escoitara a frase pronunciada por unha cantante, Shakira, famosa, como todos sabemos, principalmente polos seus movementos de cadeira, por estar casada cun futbolista famoso, e, nos últimos meses, por darnos a "turra" mañá, tarde e noite, despois de que se fixera pública a infidelidade deste, que, polo que se ve, fartouse de tanto movemento de cadeira e decidiu ir probar sorte en augas máis sereas.
A cantante decidiu dar renda solta ao seu despeito a golpe, como non!, de cadeira, que é o que mellor se lle da, estreando unha canción na que lanza pulla tras pulla ao seu xa ex marido, mitigando así a súa dor, pero, eso si, que o cortés non quita o valente, cobrando miles e miles de euros, porque, xa se sabe, as penas con pan, son menos penas , e na que dí, entre outras cousas, algo así como "Las mujeres no lloran. Las mujeres facturan", namentres organizaba festas na casa e saía ao balcón a saudar as hordas de fans afervoadas que a aclamaban desde a rúa coma se dunha nova Juana de Arco se tratara.
Pouco lles importaba, nin a ela nin ao futbolista, polo que se ve, como lles podería afectar este comportamento totalmente infantil, si, pero moi lucrativo, aos dous fillos da parella, que xa non son precisamente bebés, e, porén , conscientes de todo, dos seus proxenitores, xa que o seu pai tampouco se cortaba en contestar, non cantando, que non é o seu, pero si coas súas declaracións e as súas mediáticas aparicións coa súa nova noiva.
Eso si, con motivo da súa marcha de España, cos petos ben cheos, por suposto, Shakira pedía respecto para os nenos e a súa privacidade.
Que clase de respecto, o que ela e seu pai lles demostraron?
Pero o máis preocupante do caso é ver como media España,un país no que a violencia de xénero medra cada día ante a indiferenza cada vez máis xeneralizada, asistía, expectante e sen perder nin chío, a este "culebrón" cutre da parella, que acaparaba e aínda segue a acaparar páxinas e máis páxinas de xornais e revistas e horas e máis horas de platós e mesmo de informativos.
Abraiante e tristemente definitorio da sociedade que temos construído.
E nestas estabamos cando, hai uns días , nun programa de Tv. da canle pública, é dicir, da que todos pagamos, unha....xornalista? que presenta un programa de debate semanal, se refería a isto que acabo de comentar, defendendo a capa e espada a tal Shakira, e soltando, como traca final, que as mulleres e o feminismo nunca lle agradeceríamos abondo o que fixera por ambos co comportamento que demostrara tras a súa separación, vaia, co que acabo de contar.
Mi madriña, o que me quedaba por escoitar!
Dito doutro xeito, isto é o que lles temos que ensinar aos nosos mozos e mozas, este é, segundo ela, o "maduro" comportamento que deberán ter no futuro, e o ·feminismo" que as fará comportarse, cando xa sexan mulleres adultas, como eternas adolescentes despeitadas, que, en canto son rexeitadas polos seus "machos alfas" dan renda solta a un discurso infantiloide e ao que se lle pode cualificar de calquera cousa agás de feminista, e, por suposto, sen cobrar as cantidades indecentes que Shakira, coma tantas outras, cobra por isto, por danar a nosa mocidade, porque eso é o que fai, co beneplácito, eso si, dos adultos, que a elevan aos altares, sen decatarse, polo que se ve, de que se trata dun negocio, dun moi rendible negocio que a está a facer de ouro, e que, estou segura, cando o espectáculo remata, agocha unha realidade moi diferente e que esta señora tan "empoderada" non é máis que unha muller normal e corrente, co seu orgullo ferido, que está a sobrelevar como mellor pode, a súa dor, porque sentimentos terá, digo eu, e que, o que estamos a ver, é, xa que estamos a falar de cancións, como dicía outra, moito máis antiga, "teatro, lo tuyo es puro teatro...".
Fariña doutro costal é o da presentadora en cuestión, que, como por desgraza sucede tantas veces, semella esquecer que o seu deber é conducir un programa, moderalo, pero amosándose neutral, sen tentar impoñer as súas opinións persoais, algo que, como xa dixen e reitero, considero dobremente grave por tratarse da canle pública que todos pagamos e, a propósito do cal, entendo, deberían de ser tomadas as medidas oportunas, pero neste país noso de pandeireta, xa se sabe, con tal de acadar audiencia, todo vale.
O que si queda claro é un feito máis que constatable:
Non sei se as mulleres facturamos, supoño que unhas si e outras non, pero o que si factura, seguro, e moito, ademais, é a estupidez.
Asociación Si, hai saída