Pedro J. Peón Estévez
23 de abril: Día da ignominia
Este domingo cumpriranse vintedous anos do asalto á praza de Praceres polos esbirros do capital. Había que armarlhe un convoio a Tinín para trapichear co eucalito mesmo pasando por enriba do pobo de Lourizán… unha vez máis.
O día 23 de avril, unha turba desbocada entrou, de manhancinha, na praza a saco pisando nenos, mulheres, homes mozos e velhos sen dor nen pudor. Saramago, o noso Saramago, dixo que aquilo foi un xeito de globalización do abuso contra o indefenso pobo de Lourizán. En efecto; nunca antes nin despois, a cacicaxe, os poderes fácticos mandaricantes estiveron tan unidos. Os partidos, desprovistos de ideoloxía, uníronse arredor do carto e contra o povo indefenso. Aquel tren que iría detrás dun home cunha campaínha, ( lembrades a broma macabra ? ) vémolo a diario ateigado de eucalitos cara o porto, eucalitos que chegan despois a ence pola sofrida estrada 546. O tren non para na factoría, niso non había negocio; vai a Marín e logo lévaos Tinín á fábrica ( se non lhe arden no armacén ).
Ben, un ano máis de mesquindade, de estrada 546 saturada por camións, deteriorada e perigosa cunha beirarrúa de cemento e outra de carepa de eucalito. Un ano máis de pasos a nivel sen eliminar…por que non se actúa contra os promotores do tren que se negan a executar unha sentenza xudicial firme ? Por que non son declarados en rebeldía ? Algúns deles morreron pero outros están aí e tenhen nomes e apelidos…e cargos, os máis deles. Para cando un monolito cos nomes dos pais do tren no medio da praza ?
Pasará o día e pasará a romaría sen pena nin gloria. A xustiza seguirá brilhando pola súa ausencia. Os que atraparon quedaron con elas. Os multados quedaron sen cartos por máis razón que tinhan. As familias rotas, rompidas quedaron e o tren vai e vén ó longo de Lourizán enchendo os petos duns poucos. Dixo vostede "Democracia"…? Home, por favooor….
Leis hai, din os ricos,
que ós pobres protexen
" Que leis nin que raio
-Deus dixo entre dentes-
se valen tres pitos
que o demo me leve !"
MIRANDO Ó CHAO. - Manuel Curros Enríquez