Marta Rodríguez Engroba
Que pare tanto despropósito, que eu quero baixar...!
Se algo non son, para ben ou para mal, dentro dos moitísimos defectos que, sen dúbida teño, é hipócrita, e isto inclúe non agochar tentar estar máis ou menos ao tanto da emisión de certos programas de "Tele Lixo", con perdón, pero, francamente, creo que non merece outra denominación, non soamente cando interesa para amosar unha pretendida pose de "implicación", como se ven facendo desde hai un tempo desde certos sectores, se non cando trata temas de tanta gravidade como é a compra dun bebé por parte da famosa do momento, coma se se tratara dun accesorio de moda, e as opinións que isto xera, porque, honradamente, creo que é unha responsabilidade de todos, xa que
A pasada semana escoitei como anunciaban a emisión, para o pasado Venres, dun programa ao que titulaban "Ana", protagonizado por Ana Obregón, e a compra-venda da súa filla, neta, ou o que sexa, concibida co esperma do seu fillo falecido, que ela mercou por mor da maternidade subrogada, ao que xa me referín hai un par de semanas, imaxinando, ou mellor dito, temendo, por onde irían os tiros, degradando, coma sempre fan, un tema tan serio a categoría de esperpento ao que chaman debate, e, lamentablemente, unha vez máis, non errei, ou mellor dito, si que o fixen, porque o pouco que fun quen de ver, foi aínda peor do que agardaba.
O primeiro que nos amosaron foi a "Sra." Obregón paseándose por unha rúa de Miami, acompañada pola súa representante e unha filla desta, claramente encantadas as tres polo espectáculo que estaban protagonizando, mentres a cabeza de cartel, comportándose coma nos seus mellores tempos, e o tema a tratar fora un daqueles co que nos agasallou durante anos, como os seus idilios ou os seus pousados en bikini, e lanzando frases en modo diva, do tipo, "Ya basta chicos, que esto parece unha entrevista!", "Dejadme, por favor, que yo solo quiero estar tranquila con mi niña!", ou, amosando o seu vestido, "Mirad cuanto color, me he quitado el luto!", a golpe de melena, e respondendo, cando lle preguntaban se se plantexaba darlle un irmán a nena, "Bueno, poco a poco, más adelante...!"... Cando, cando cumpra os 80? e narrando como estaba a durmir pouco por mor das tomas da nena cada tres horas, coma se fora unha parturiente total... Absolutamente demencial e indecente!
Acto seguido, a acción trasladouse a un deses platós de "debate" aos que xa nos teñen acostumados, onde unha serie de "expertas" se ían encargar de ilustrarnos coas súas sisudas opinións, e entre cuxos méritos e solvencia para tratar un tema de tal envergadura como é a maternidade subrogada se atopaban o de ser a ex dun coñecido presentador, unha xornalista do corazón de tempos pretéritos que, de cando en vez, tenta recuperar a lo menos parte do seu pasado esplendor profesional, a directora da revista que paga cantidades astronómicas pola exclusiva da transacción comercial da Sra. Obregón, outra case "extinta" presentadora que, tras renovarse esteticamente de arriba abaixo tenta volver a area, e unha psicóloga, todas elas, agás a xornalista mais talludiña cun "look" moi propio do tema a tratar, e isto, obviamente, estou a decilo coa ironia en modo "on", que era algo así coma un híbrido entre "La sirenita" e "Gilda", que semellan ser obrigados na actualidade, de longas melenas, vaporosas saias coidadosamente espalladas no asento e das que emerxen fermosas pernas, debidamente bronceadas, por suposto, tras moitas sesións de raios UVA, e que conste que non o digo polo look en si, que cada quen é moi libre de ir como lle pete, se non por esa tendencia que se observa desde hai un tempo de que todas estas mulleres que aparecen neste tipo de canles semellan estar feitas en serie, todas iguais.
Non sei se me deixo a alguén no tinteiro, creo que non, pero, en calquera caso, abonda para facernos unha idea do talento, ou mellor dito, das autoridades na materia, porque talento igual teñen moito, non sei, a tratar que alí se concentraba.
Como xa dixen, non fun quen de ver moito porque podedes crerme se vos digo que me estaba a poñer autenticamente enferma, pero vou a tentar facer un pequeno resumo do que escoitei.
A meniña a que xa se condenou, desde o seu nacemento, a ser unha ferramenta para facer caixa, foi a grande esquecida. A súa compra, o de menos, compra, por certo, que todas, psicóloga incluída, aprobaron sen reservas, manifestándose en contra tan so a "renacente" presentadora, a que case comen, e que foi claramente advertida durante unha das pausas publicitarias, coma ben se puido apreciar no seu posterior discurso, centrándose tan so na felicidade da nai-avoa, que atopou, xunto co choio da súa vida rematando, segundo di, un libro que comezou o seu falecido fillo, dando entrevistas nas que relata ata o derradeiro minuto da vida deste... tremendo! e polo que se leva embolsando, ata o momento, nada máis nin nada menos que arredor dun millón de euros! e digo ata o momento, porque isto está nada mais que a comezar, xa que o negocio seguirá adiante e mesmo se incrementará cando se produza o regreso a España e nos teña continua e puntualmente informados de cada paso que dea coa nena, a venda do libro que xa vai pola terceira edición, entrevistas, aparicións televisivas, fotos "roubadas", etc, etc, etc.
O que máis me chamou a atención foi, sen dúbida, a opinión da psicóloga que apoiaba sen reservas o proceder desta señora, esquecendo, polo visto, que hai unha nena que está a ser manexada coma unha ferramenta de márketing.
Onte mesmo comentaba este tema co meu fillo, que é a persoa máis "antifamoseo" que coñezo, e chamoume a atención que despois de escoitar a Ana Obregón, e de ver o seu comportamento en modo "diva", miroume moi serio e díxome " Eu creo que non está ben".
Francamente, concordo con el, porque non se me ocorre nada máis terrible que pasar pola experiencia de perder a un fillo, non quero nin pensalo, pero o que chama poderosamente a miña atención e me fai ter máis dunha dúbida e desculpala moi pouco ou nada é o negocio que está a facer.
Estará destrozada por dentro, seguro, pero, polo que se ve, conserva intactas e perfectamente coherentes as súas artes mercantís... Iso, ou que toleu de xeito irremediable e está a ser habilmente manexada para facer negocio.
Supoño que disto último algo haberá, pero, francamente, non creo que teña as súas facultades tan minguadas coma para deixarse manexar sen ter arte nin parte. O lamento, pero non.
O que máis me preocupou e me preocupa? Por unha banda, que, de todo ese elenco que opinaba coma se estiveran na posesión da verdade, a psicóloga non diferira en absoluto e aprobara por completo o proceder da Sra. Obregón, porque, se xa chegamos a este punto, apaga e vámonos, e, pola outra, a sociedade tan deshumanizada que xa creamos, que asume sen problema desatinos coma os desta muller, prevalecendo o negocio por riba de todo.
Non se me vai esa meniña da cabeza, non podo evitalo, e vendo, reitero, todo este entramado que toda a sociedade constrúe e axuda a manter, non se me ocorre nada máis que pregar que alguén pare tanto despropósito, porque eu quero baixar.
Asociación Si, hai saída