Marta Rodríguez Engroba
Ao mellor algo de razón si que teñen...
O pasado 10 de Maio, o Centro Reina Sofía presentou un estudo ao que chamaron "Culpables hasta que no se demuestre lo contrario" segundo o cal, entre outras cousas, o antifeminismo e o negacionismo en violencia de xénero aumentaron entre os adolescentes varóns nos últimos cinco anos, e constata que, malia que unha maioría de rapaces se identifican co movemento feminista, nos últimos 5 anos produciuse un aumento do antifeminismo por considerar os enquisados que o feminismo actual impuxo un pensamento único que fai que se sintan "culpables ata que se demostre o contrario" cando se presentan escenarios relacionados coa violencia de xénero e manifestan sentirse molestos porque consideran ter perdido, din, a presunción de inocencia.
E non son soamente os varóns os que se manifestan deste xeito, se non que moitas rapazas adolescentes din percibir desprotección xurídica para os homes, algo que consideran negativo, e non soamente para eles, se non, afirman, para as mulleres que realmente si son vítimas de violencia de xénero.
Imos por partes.
Eu, que, como é sabido, polo meu traballo con Si, hai saída, a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte, me movo con frecuencia entre a mocidade cando acudo a dar charlas a colexios e institutos, non quero pecar de prepotente, nin erixirme en especialista de nada, faltaría máis!, e quen son eu, ademais, para contradicir un estudo de tal envergadura, pero discrepo totalmente en canto a ese negacionismo e antifeminismo que, segundo o estudo, medrou entre a mocidade.
Non é certo para nada. Si lles preocupa a violencia de xénero, e moito ademais. Non negan en absoluto a súa existencia, nin se decantan por un presunto antifeminismo.
Outra cousa moi distinta é que non concorden con determinadas formas nas que se lles amosa, e, efectivamente, pese a quen pese, existe un "pseudofeminismo" radical, excluínte mesmo entra as propias mulleres, que semella presentar aos homes como inimigos, e os amosa, polo feito de selo, como maltratadores en potencia, e isto é o que eles e elas non comparten, e creo que con toda a razón, e lles leva, ademais, a sacar conclusions tales como, e cito textualmente, "non se pode debater con feministas porque te acusan de machista moi rápido".
Lamentable,pero certo en demasiados casos.
Que poden pensar dese suposto "feminismo" cando, por exemplo, algúns destes rapaces acoden a unha manifestación feminista acompañando as súas noivas, nais, ou por iniciativa propia, sinxelamente porque realmente comparten a causa, que os hai, e moitos, e son relegados as últimas filas, con non moi bos modais, ou directamente convidados a marchar, por ser homes?
Que pretenden, que aplaudan? Obviamente, non vai ser así, e menos cando, aínda por riba, os acusan de machistas así, a feito.
O estudo en cuestión afirma tamén que os máis novos teñen dificultades para identificar a violencia de xénero, que tenden a asociar con agresións físicas graves, ou sexuais.
Certo, pero, soamente sucede isto entre a mocidade ?
Cantas veces temos escoitado, entre os adultos, eso de "Non, a min non me maltrata porque nunca me pegou", ou, " Non é certo que a maltrata porque nunca lle puxo unha man enriba", ignorando ou desculpando condutas como o control obsesivo da parella, os celos compulsivos, o menosprezo, os insultos...?
Ou o de "Di que a súa parella lle pega... algo faría...!" Entre os adultos, repito, os seus referentes, se supón. Nas súas casas, entre a xente coa que conviven....Obviamente, isto acaba por calar neles, que reflicten o que se lles ensina desde o berce.
Asi mesmo, os varóns critican que as mozas busquen 'fuckboys' superficiais, con máis capital social, e non rapaces que as vaian a cuidar y querer.
Tan desencamiñados van?.Sinceramente, e con mágoa o digo, me temo que non, pero, de novo,unha vez máis, rompo unha lanza, esta vez en favor delas.
Que están a ver cada día, especialmente en certos programas de Tv. dos que xa falamos ata a saciedade, sen resultado ningún?
Mentres existan aberracións como "La isla de las tentaciones", por poñer o exemplo máis coñecido, pero que non é o único, no que se lles ensina que grazas ao seu corpo, ao seu físico, a utilización de ambos, poderán chegar gañar diñeiro fácil, conseguir vivir unha vida de luxo, de glamour, poder ter auténticos "casoplóns", coches caros, roupa e accesorios de luxo, e, por suposto, noivos guapos, ricos e famosos, algo que ven cada día en programas como "Sálvame", programas estes, por certo, aceptados case por completo entre a sociedade, sen contarlles cal adoita ser , co paso de non moito tempo, o auténtico final da historia normalizados e que se ven mesmo nas súas casas, co beneplácito de todos, moi pouco se pode facer.
Fai mención tamén o estudo a quen e como se dirixen a eles cando, por exemplo, alguén acude aos centros de ensino a darlles unha charla, e alégrame ver que, nese punto, coincidimos en bastantes cousas, que eu vou resumir dun xeito moito máis coloquial do que neste, como é lóxico, se expresa.
O que os rapaces e rapazas precisan, e ademais demandan, é que se lles fale co corazón, que se lles transmitan experiencias reais, vitais, que os fagan sentir e vibrar co que están a escoitar, malia que a persoa que o fai non teña tantos títulos, nin sexa técnica en non sei cantas cousas, ou non leve uniforme nin galóns na solapa.
Son moitas as veces que se queixan de que se lles imparten estas charlas coma se fora unha materia máis, co que, lonxe de espertar o seu interese, o único que se consigue é aburrilos.
Non se lles pode falar de violencia de xénero coma se se lles estivera ensinando o Teorema de Pitágoras, ou encomendarllo a quen claramente non empatiza con eles pero "suxiren" desde certos eidos superiores, ou garante unha subvención... e isto tamén pasa!.
E, xa que estamos, que tal se nos tomamos a molestia de escoitalos e aprendemos do que elas e eles nos ensinan, que é moito?
Son novos, non idiotas, e teñen moito que dicir, e moito máis sensato e con máis sentido común do que unha gran maioría cre.
En definitiva, son moitas as culpas que se lles botan enriba a estes rapaces e rapazas, pero se facemos exame de conciencia, o mesmo chegamos a unha importante conclusión: A de que, no que din, ao mellor, algo de razón si que teñen.
Asociación Si, hai saída