Pedro J. Peón Estévez
O gran Bert Kaempfert, entre Los Españoles e os Beatles
Conhecín a Antonio Moldes trabalhando na súa casa de Cantoarea mentras el, cunha pequena pianola, preparaba uns arreglos para orquestra da popular canción Soledad.
Eu tinha oído ao meu hirmán maior falar del e mesmo tararear algún exito da época gravado polos Españoles pero non me facía unha idea do alcance real daquel senhor e o seu grupo ó longo e largo do mundo entre finais dos cincuenta e dos sesenta do século vinte. Moldes era pontevedrés; Manuel Pérez (Lito), Marcelino López (Candelas) e José Luís Muñoz eran da provincia da Corunha e Miguel Laiz de León. Todos eles excelentes músicos multiinstrumentistas e cantores que acordaron emigrar a Europa obrigados pola falta de oportunidades nunha España en dictadura. Cando tiveron completado o grupo, comezaron a actuar polos locais de Europa. Inventaran unha fórmula moi versátil, a medio caminho entre orquestra tradicional e os conxuntos de pop-rock, que comezaban a impoñerse daquela. Mentres buscaban un nome, en Burdeos, Niza e outras cidades, os seus siareiros franceses chamábanlhes "Les Espagnols" por pura lóxica.
A eles pareceulhes ben e traduciron ao castelán ese nome que había de acompanhalos nun periplo de dez anos polo mundo adiante.
E foi cando estes mozos actuaban en Hamburgo, na Treffpunkt - Tarantella que chamaron a atención dun tal Ivo Rovic, que lhe falou deles ó seu amigo Bert Kaempfert. Naquela altura, este home era o equivalente alemán de Paul Moriat, Frank Pourcell ou Ray Connif que, coas súas grandes orquestras, versionaban miles de éxitos trocándoos nas baladas instrumentais tan de moda na época. Bert foi moi conhecido no seu tempo por ser o inspirado compositor de temas tan icónicos como Spanish Eyes ou Strangers in the night. Pero Bert Kaempfert era algo máis. Era, nada menos, que o primeiro productor da internacional discográfica Polydor. Nada máis escoitar a Moldes e amigos, propúxolhes de gravar un LP ó que titulou "Under the southern skies" (Baixo os ceos do Sur). Se ben en España pouco ou nada se sabía deles, o seu éxito moi logo se espalhou por tódolos países europeos. Eran os embaixadores latinos por excelencia. Tocaban tódolos paus sen play-back, pregravados nin titmos enlatados. Facían música artesanal en directo sen trampa nin cartón. Cantaron en castelán, francés, grego, portugués, exipcio ou galego chegando mesmo a facelo en xaponés. Os seus aires do sur latino barrían toda Europa anos antes da invasión británica. A era "beat" xa non tardaría en chegar.
En 1961, catro mozos ingleses son o grupo de acompanhamento do cantante Tony Sheridan. Trátanse de George Harrison, Paul MacCartney, Jhon Lennon e Pete Best (aínda non se incorporara Ringo Starr como baterista). Emigraran a Alemania por segunda vez esperando acadaren melhor sorte que na primeira. Trabalharon arreo facendo maratonianas actuacións nocturnas no perigoso ambiente do porto ata que Bert Kaempfert reparou neles e gravoulhes o disco "My Bonie" onde se incluía o tema instrumental "Crying for a shadow", unha composición Lennon-Harrison considerada o primeiro tema propiamente dito da marca Beatle. Daquela, os "fab four" de Liverpool só foran chamados the Beat Brothers e nin siquera figuraban na carátula do disco, mais na reedición do mesmo xa pasaron a ser The Beatles con Tony Sheridan en segundo plano. Ao césar, o do césar. Isto acontecía dous anos despois que os galegos Los Españoles pasaran polo mesmo nese preciso lugar e da man do mesmo gran músico , o alemán Bertold Heinrich Käempfert. Pero non rematan aí as coincidencias.
No ano 1964, un loitador de sumo, que andaba de vacacións por Europa, viu unha actuación do grupo e convenceunos de iren a Tokio para ambientar os xogos olímpicos. Non o pensaron dúas veces e, tras trinta horas de avión, plantáronse alá. Sorprendéronse de que a súa visita xerara tanta expectación no Xapón pois foron recibidos por unha pléiade de fotógrafos, convidados polas autoridades e atendidos por amabeis gheishas. Entre actuar nos xogos olímpicos e atender outros contratos, pasaron unha tempada naquel país onde lhes reeditaron os seus discos e lhes imprimiron información bilingüe para ser repartida entre o público entusiasta. Foron realmente os embaixadores de Occidente sen que en España, agás as suas familias e amigos, ninguén se dera por enterado; non, eles tampouco foron profetas na sua terra.
De casualidade, e outra vez dous anos despois, chegan The Beatles a Tokio reclamados polos milhóns de fans que xa tinhan nesa terra. Do seu paso fican moitas reedicións discográficas e o seu mítico concerto no Nippon Budokan Hall dentro de fortes medidas de seguridade. Eles si foran profetas na sua terra. Do paso de Los Espanholes quedaron algunhas cancións en xaponés como Osakigami, Sakura ou Sukiga e unha belida composición propia (moi posiblemente de Moldes) de homenaxe ao Xapón chamada "Bellas Islas", orixinal, sinxela e fermosa. Galiza débelhe unha recordación sincera a Los Espanholes; unha placa ou unha exposición con historia, fotos, músicas...é de xustiza. E Pontevedra outro tanto a un gran músico vocacional: o Mestre Antonio Moldes.
Outro mestre, o gran Bert Kaempfert, foi o nexo entre dous conxuntos contemporáneos: Los Españoles e The Beatles. Non se sabe se chegaron a conhecerse pero todo é posible.