Marta Rodríguez Engroba
Aínda teñen que estudalo...!
"Marchade xa...!", foi o único que fun quen de dicir, ou mellor dito, e repito, de berrar, despois de escoitar, o pasado xoves, as declaracións de Victoria Rosell, delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero.
Tras uns días nos que nada menos que 4 asasinatos machistas se sucederon con intervalos entre eles de apenas unhas horas, seguindo á que xa é unha tráxica tónica habitual no noso país, a Sra. Delegada, nunha comparecencia ante os medios, admitiu, con cara de circunstancias, que si, que houbera un certo aumento da violencia de xénero nesta lexislatura, aumento que, por certo, eu creo que sería de xustiza cualificalo de máis que notable, algo que é traxicamente evidente, para, acto seguido, soltar a "perla" de que, "puidera ser" que as datas festivas, as pontes, e as vacacións, que xa se aproximan, implicaran un aumento de risco dos episodios de violencia machista, pero que terían que estudalo para confirmar se isto é así.
Eu non daba creto ao que acababa de escoitar, non podía crelo, por máis que xa poucos desatinos procedentes do Ministerio de Igualdade teñan a capacidade de sorprenderme.
A mesmísima Delegada do Goberno, é dicir, a máxima autoridade no noso país en materia de violencia de xénero, nos dí nun ton como quen comenta que se quedou boa tarde, que algo que, ademais de ser cuestión de puro sentido común, está máis que constatado, en pleno ano 2023, sangría machista tras sangría, cun arrepiante balance de asasinatos de mulleres e, non o esquezamos, de nenas e nenos, AÍNDA TEN QUE SER ESTUDADO!
Non é preciso ser moi agudo para deducir que, unha vez máis, miles e miles de euros se destinarán a tan sisudo estudo e que, malia que isto tal vez non se chegue a saber, con toda probabilidade, este lle será encomendado a alguén, persoa ou colectivo, tanto ten, achegados á ministra e ao seu séquito, porque elas son así, como se adoita dicir dos presuntos asasinos machistas cando din que nada facía presaxiar que o eran, moi "amigas dos seus amigos", e, ademais, para que están os cartos que todos lles pagamos, se non para gastalos a discreción?
Hai 9 anos que en Si, hai saída botamos a andar, e, desde o primeiro momento, é dicir, desde o ano 2014, non houbo un só período vacacional, unha soa ponte, na que non advertíramos do risco que estas datas implican para as vítimas de violencia de xénero, para as súas fillas e fillos, do cal poden dar fe os comunicados que sempre emitimos, nos que alertamos, ademais, da desprotección da que son obxecto, precisamente por mor disto, das vacacións, durante as que se lles priva case por completo dos xa non moi abondosos e menos aínda eficaces recursos de atención e protección dos que dispoñen.
Non é preciso aclarar, unha vez máis, que os resultados das nosas denuncias sempre foron totalmente nulos, porque hai reclamacións das que é mellor non facerse eco.
Principalmente daquelas que atendelas impediría cobrar sen traballar.
Pero isto non foi o único, xa que estas manifestacións viñeron precedidas dunhas declaracións ante os medios da súa xefa, a Ministra de Igualdade, nas que nos recordaba que todos temos a obriga de denunciar ante a simple sospeita de que se poida estar a producir un caso de violencia de xénero.
Certo, moi certo, pero, que pasa cando aparecen nos medios ou nos platós de Tv. eses "personaxes" da contorna das famosas que tanto lle gustan, que manifestan ter sido vítimas de violencia de xénero, e ás que tan afervorizadamente apoia diante de cámaras e micrófonos ou a golpe de chío, tanto que mesmo semella que viviu con eles e que coñece, porén, toda a verdade, manifestando ter sido coñecedores ou mesmo testemuñas de agresións sen ter movido nin un dedo, e menos aínda, por suposto, denunciado?
Acaso esa obriga de dar a voz de alarma non vai con eles? ou é que no mundo da farándula non rexen as mesmas normas, as mesmas leis, que para todos os demais, incluída ela, por certo?
Foi superior as miñas forzas, teño que recoñecelo, non fun quen de conter o berro, como xa dixen, pregándolles, e de corazón o repito, que, por favor, se marchen ou que alguén pare tanto desatino, porque o que está a acontecer no seo do Ministerio de Igualdade é grave, moi grave.
É moito e moi grande o dano que están a facer, moito, e, o peor de todo, semella que ninguén con potestade para atallalo se decata ou se quere decatar e moitas vidas de mulleres, de nenos e nenas, dependen de que isto se faga, de que alguén poña fin a esta aloucada sucesión de despropósitos.
Eu non son quen de entender como, desde o goberno, se pode permitir que estes desatinos continúen coma se nada, como se pode ter a conciencia en paz, durmir con toda tranquilidade, cando a violencia de xénero non soamente non da tregua, se non que medra e medra e escoitando as máximas responsables soltar tales barbaridades pola boca, e, o que é peor, amosando a sua manifesta incompetencia para cumprir co seu deber, sexa por incapacidade ou por desleixo, o mesmo dá, porque para o caso, a conclusión é a mesma:
O mellor que nos podería pasar é que se vaian xa, ou que alguén con competencias as bote, xa que elas non teñen a decencia de facelo voluntariamente, nin a terán, obviamente.
Como van renunciar a semellante choio que lles veu como caído do ceo?
A resposta está máis que clara.
E isto si que non hai que estudalo.
Asociación Si, hai saída