Héctor Santaló
Borrón e conta nova
Nas eleccións do pasado domingo, os cidadáns dixéronlle "Non Grazas" á Sra. Fouces. Aínda que é posible que futuros movementos nos cargos electos lle brinden a oportunidade de formar parte da nova corporación, isto non cambia o feito de que non resultou elixida.
A pouco de coñecerse o resultado das urnas, filtrouse a nova de que o Director Xeral de Persoal deixará este posto e volverá á Policía Local.
Ambos os dous foron as persoas responsables da xestión do persoal ao longo do pasado mandato e as súas son as primeiras cabezas en rodar tras as eleccións do 28 de maio.
A metade do mandato pasado, as secciones sindicais do Concello de Pontevedra solicitáronlle o Alcalde un cambio nos interlocutores para tratar os temas relativos ao persoal, xa que resultaba evidente que os que tiña designado carecían do coñecemento, experiencia e aptitude xestionar unha materia tan complexa como a que se lles encomendara.
O Alcalde desentendeuse da petición e deixou constancia que todas as decisións tomadas pola Sra. Fouces contaban co respaldo do Goberno municipal, o cal contribuíu á escalada dun conflito que se estendeu a todo o persoal.
Hoxe ese Goberno Municipal é máis feble, e aínda que o grupo municipal do BNG pisou fochancas de abondo para merecer un resultado incluso peor, será por algo que os primeiros en pagar as consecuencias son aqueles que provocaron, escalaron e mantiveron un conflito innecesario co persoal.
Perdeuse un tempo precioso no que se podería ter avanzado na modernización da administración e entender o "modelo de cidade" máis alá das beirarrúas, e relacionándoo tamén coa boa xestión e a calidade dos servizos.
O vindeiro mércores hai eleccións sindicais no Concello de Pontevedra e o Sr. Lores non debería deixar pasar a oportunidade de reunirse cos delegados e delegadas que resulten das mesmas. Este pode ser o primeiro paso cara unha colaboración moi necesaria e que moitos botamos en falta.
Nin o persoal, nin a cidadanía merecen que se perda un minuto máis.