Pedro J. Peón Estévez
Festa rachada!
Ano milnovecentos oitenta e pico. A comisión de festas do San Chalán fora convidada a acudir á emisora da radio local a fin de expor, en riguroso directo, o programa de festas na honra do devandito santo padroeiro da parroquia de Trabadelas do Guindán, moi conhecida pola súa festa gastronómica do Tirabeque.
E foi o presidente da comisión o que tivo a brilhante idea de componher unha delegación, o máis representativa posíble, e presentarse no estudio acompanhado de secretario, tesoureiro, gaiteiros, cura e fogueteiro. Todo prometía que ía ser unha entrevista sonada, como así foi.
E chegou o día D. Na capital, xuntáronse alí no Premio, a pouco da emisora, onde lhe chimparon algo quente entrementres o presi facía un ensaio xeral e daba as últimas instrucións. Aínda algún preguntou ó "presi" que era realmente o que tinhan que facer e este contestou: "Máis ou menos, o de sempre". E cos acordes da "Saia de Carolina" encaminháronse á Radio nun vistoso pasacorredoiras urbano que sorprendía a propios e visitantes. Os directivos repartían programas das festas ós viandantes; o cura, estampas de San Chalán e Santa Rita. Entraron no local como malamente puideron. O estudio (único) xa parecía o camarote dos hirmáns Marx. O locutor fixo as preguntas de rigor que foron amplamente contestadas pola equipa directiva mailo cura nun alarde de espesa verborrea. Cando rematou a entrevista, os músicos acometeron a Muinheira de Lugo ó tempo que saían pola porta seguidos do párroco. Nese intre, o fogueteiro púxose a facer "o de sempre" e prendeu un foguete de sete estalos…foi horrible!… os que estaban dentro remataron momentáneamente cegos, xordos e abafados co fume…tódolos vidros rebentaron, mesmo os dos lentes…os papeis que non arderon, voaron e foi unha sorte que non ardese todo o edificio, disque grazas á pronta intervención dos bombeiros, que case chegan no día seguinte. En fin...
Aquel ano non houbo festas patronais. Nos seguintes, tampouco.