Francisco Freire Vila
"Tu comida es mi tesoro"
Xunto ás grandes noticias destes días e das que todo o mundo estivo a falar (folga xeral, desafiuzamentos, recortes...) había unha cunha foto dun contedor do lixo no que baixo a súa tapa saían dúas pernas dun home suspendidas no aire. Podería entender que era unha foto oportunista, se non fose que hai uns días vin unha muller levantando a tapa dun contedor e hoxe na rúa de Abaixo pasei por un contedor no que alguén escribira: "TU COMIDA ES MI TESORO". Ao momento imaxinei unha das dúas persoas escribindo tal mensaxe.
Estas palabras escritas nun soporte como o contedor potencian a mensaxe, danlle un dramatismo á crúa realidade que están a vivir moitas persoas, entre elas tamén galegas, e teñen moita máis forza que a inútil guerra de cifras do 14 N ou a reunión baldía de dous partidos políticos (quizais ordenada por Bruselas) para amañar os desafiuzamentos.
Cara a onde nos levaron as políticas económicas, educativas, culturais, etc. dos diversos gobernos? Sen dúbida, o balance para os "buscadores de comida" nos contedores é catastrófico, no entanto, para outros debe ser espectacular porque teñen os petos cheos e unha chea de propiedades.
Por que esa política de asañamento que afoga e arruína aos máis febles? Que culpa teñen estas persoas e todas as que cumpriron fielmente co pagamento dos seus impostos? Non tiñan que estar rebuscando nos contedores os culpables de chegarmos a esta situación? Onde está a xustiza? Fixéronse mal as cousas e seguimos facéndoas mal.
Por que non se poñen xa en marcha políticas de desenvolvemento? Galicia ten un gran potencial, case a metade da poboación galega ten terras, terras que non producen por estaren abandonadas porque as políticas agrícolas, gandeiras e forestais conseguiron que a súa explotación non compensase economicamente. ÿ hora de rectificar, de acabar coa farsa europeísta, de poñer en marcha unha actividade produtiva seria e de potenciar os valores de toda sociedade avanzada como, entre outros, o esforzo, a honestidade, a implicación, o compromiso e respecto pola nosa cultura, polo medio ambiente, polos nosos produtos, etc. Quizais así os "buscadores de comida" escriban mensaxes como: A túa Terra é o meu tesouro!
19.11.2012