Elena Varela
As becas e outros seres mitolóxicos
Hai unha mentira moi estendida na sociedade que sobre todo agora, dende que nos goberna este partido tan popular, xa se converteu na trola por excelencia.
A patraña é a seguinte: existen becas para estudar. Botaría unha gargallada pero son desa gran porcentaxe da sociedade que si necesita unha axuda do Estado para poder acceder á Universidade, así que entenderedes que non me faga moita graza.
Póñovos en situación. As alumnas e os alumnos que comezan un novo curso piden a beca máis ou menos no mes de setembro. Faise a matrícula da universidade e en principio, non pagas o prezo establecido; tan só tes que pagar as taxas. Digo tan só por dicir algo, porque as taxas tamén subiron o seu.
Pero imos coas becas. Estamos en xaneiro e aínda non saiu a resolución, nin nos ingresaron os cartos a ningún de nós. O que si que fixeron foi rexeitar moitas das solicitudes presentadas. A pesar de cumprir tódolos requisitos e ser beneficiarios en anos anteriores da mesma axuda, moitas compañeiras e compañeiros quedaron sen ela.
Non ter recibido a beca no mes de xaneiro significa que aqueles que non teñen uns aforros para aguantar os primeiros meses do curso, nin sequera poden iniciar a carreira, xa que simplemente non a poden pagar. Isto deixa a moitísimas familias obreiras marxinadas do dereito á educación.
Pero non vos equivoquedes que isto non é casualidade. Dicía Jose Martí: "Un pueblo instruído será siempre fuerte y libre" e iso é o que non quere o PP.
Se os pobres accedesen ao sistema universitario, acadarían uns coñecementos, e iso supón medrar como persoas e pensar como tales. E pensar, o que se di pensar, non é a especialidade dos votantes do Partido Popular.
Din que é a crise; que hai que recortar en educación, que hai moito vago estudando unha carreira E casualmente cando fan recortes na ensinanza pública, aparecen inversións millonarias ás universidades e centros de estudos privados.
O único que fixo esta crise foi aumentar a desigualdade que xa de por si existía neste país; os ricos son máis ricos e os pobres son máis pobres. Aquilo de "só poderán estudar os fillos dos ricos" está totalmente vixente en pleno século XXI. Tería que ser o Estado o encargado de financiar os estudos daqueles que non poden pagalos e non deixar fóra da universidade a miles de mozas e mozos. Porque que a ninguén se lle esqueza que o acceso á educación é un dereito fundamental e que non se pode excluír a unha persoa pola súa situación económica.
O Partido Popular recorta en educación porque saben que é moito máis sinxelo dominar a unha panda de borregos que a persoas libres e concienciadas coa súa situación real; persoas que non se deixan enganar por mor da ignorancia.
Déixovos cunha frase que pronunciou unha xornalista galega nunha entrega de premios. Oxalá vos faga pensar, porque se lles deixamos, rematan con moitísimos anos de loita, de conquistas e de vitorias da clase traballadora.
"ÿ o coñecemento, e non o descoñecemento, o que nos fai libres."- Belén Regueira.