José Freire
Outra filtración
O pasado mércores, día 8, o Ministerio do Interior fai pública unha nota na que anuncia unha operación antiterrorista que, unha hora máis tarde, vai levar a cabo a Garda Civil contra un grupo de persoas relacionadas co colectivo de presos de ETA.
Antes de que os axentes saíran dos seus cuarteis para comezar os arrestos, e a pesar dunha segunda nota, vinte e cinco minutos máis tarde, anulando a primeira, o dano xa estaba feito e a información xa estaba nos medios dixitais, nalgunha televisión e nas redes sociais. Cando chegaron os gardas civís, as máquinas de destruír papeis estaban traballando a pleno rendemento, co que algunhas das probas que poderían servir para acusalos, foron eliminadas, fuxindo algunha das persoas que se buscaban.
Axiña o departamento de Interior apresurouse a achacar esta filtración a un erro humano. Erro que asumiu o responsable da Área de Comunicación, Albert Gimeno, que presentou a dimisión que lle foi aceptada, como non podía ser doutro xeito, polo Ministro do Interior.
Eu coido tamén que foi un erro, pero un erro que, un día ou outro tiña que acontecer. Atópase este Ministro na dinámica de vender mediaticamente tódalas accións que os corpos de seguridade veñen levando a cabo contra ETA e o seu enramado. Cunha soa intencionalidade: amosarlle á cidadanía e sobre todo ás vítimas do terrorismo, que o Goberno do PP non está a negociar ca banda terrorista; que si aceptou o cumprimento da doutrina Parot foi por imperativo legal e que non puido facer nada por evitalo; e que se Bolinaga anda ceibe tras ser excarcerado o verán do 2012, por atoparse en fase terminal de cancro, foi porque os tribunais así o decidiron.
Esta locuacidade de Fernández Díaz non é nova. Son varias as ocasións nas que cometeu irresponsabilidades como esta. Cabe subliñar cando no verán do pasado ano anunciaba "unha boa nova", nunha emisora de radio, dando incluso a hora na que ía suceder; ó ser interrogado se esa nova tiña que ver co seu Ministerio, dixo que "por ejemplo", o que estivo a punto de esnaquizar a detención do etarra Juan María Mújica. Algo semellante sucedeu cando manifestou, en abril de 2012, que a policía francesa estaba a piques de deter a un dirixente etarra.
O Ministro deixase levar pola súa ansia política para vender as detencións mediaticamente. Neste Ministerio e na loita contra o terrorismo iso non é de recibo. Por iso penso que quen debería haber dimitido era o propio Ministro.
Non quero nin pensar o que lle houbera sucedido a Zapatero na mesma situación. Estaría a Moncloa ardendo.
Espero e confío que as consecuencias non se queden soamente nesta dimisión. Dende o Ministerio deben darse as explicacións oportunas polo sucedido, tanto ás forzas de seguridade como á cidadanía, aínda que so sexa como acto de respecto ós profesionais que combaten o terrorismo e a quen sufriu as consecuencias da violencia desta banda fanática.
Pero non so o PP politiza a loita contra o terror. Atopámonos que, esta intervención da Garda Civil, o PSE de San Sebastián a considera un atranco contra o proceso de paz. E o deputado de IU, Alberto Garzón, como un acto de odio do Goberno, cualificando ás vítimas do terrorismo como un atallo de "ultras". Está claro que con esta mentalidade non vamos a ningures.
¿Hai que falar co mundo de ETA?. Eu son dos que opino que si. Pero só para tres cousas: para que pidan perdón polo dano feito, para que se disolvan e para que entreguen as armas. E namentres, os Corpos e Forzas de Seguridade a facelo seu traballo; o Ministro do Interior calado e as forzas políticas democráticas colaborando. Non hai outra.
ÿ final de todo, ten que haber vencedores e vencidos. E os vencidos non poden selos 829 cadáveres nin as súas familias.