Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 13ª xornada
Si, xa sabemos que queda moita liga. Nesta expresión escúdanse moitos dos comentarios de cada semana, pero tamén é certo que sen apenas darse conta esfumouse un terzo. Que cada un saque as súas conclusións do acaecido ata este momento.
No partido da xornada, Pontevedra-As Pontes, houbo de todo: gol antes de cumprirse o minuto de xogo, tensión no ambiente en xeral, goles e ata emoción cunha arbitraxe dun colexiado catalán e para curiosidades outro gol fantasma que o árbitro tubo que consultar co seu auxiliar ao non se decatar na portaría de Kiko de que o balón entrara.
O equipo enrachado neste momento (catro vitorias seguidas) é a S.D. Compostela, actuando con autoridade e solvencia tanto ofensiva coma defensiva. En ningún destes catro partidos encaixou gol e ademais, para garantir o éxito, ten ao máximo goleador da categoría que onte volveu materializar dous goles, cos que xa suma 16, o que é unha barbaridade (recordemos que o "pichichi" da tempada anterior, Santi Domínguez, fixo 25 en todo o ano.
Tamén con autoridade sacou o seu partido adiante o Celta B ante un Ordes que fose de casa baixa bastante, se ben os visitantes lanzaron tres balóns aos paus.
Tropezóns do Somozas, que non notou moito a expulsión do seu central, Piscu, pero como consecuencia de ésto e do acerto de Rápido viu como lle marchaban tres puntos, despois de adiantarse no marcador. Non deixa de ser curioso que o Somozas perdese só tres partidos e todos en Pardiñas. Atención ao Bergantiños, que recibe a este equipo a próxima semana.
Preocupante a derrota do Céltiga no Salvador Otero, onde non foi capaz de beneficiarse da expulsión de Adrián no minuto 17 da primeira parte. Os da Illa suman xa catro derrotas seguidas, co problema engadido que no próximo partido visitan ao líder na Malata. E significativa a terceira vitoria seguida do Dorneda, que lle dá aire e moral para recibir o Narón nun duelo importante para a zona de descenso.
O partido da próxima xornada volve ser para o Pontevedra, que visita o equipo máis en forma, a S.D. Compostela. Polo comentado sobran razóns para elixir este enfrontamento.
REXIONAL PREFERENTE
Con novidades abriu a semana nesta categoría. Sorprendeu o cambio de adestrador no Ribadumia, onde Gabi Leis substitúe a Pablo Vázquez, pero no seu debut ante o Valladares, que elixiramos como partido da semana, non se fixo bo o dito. Comentar que non deixa de ser curioso que é a primeira vitoria do Valladares na súa casa no que vai de liga, coa que confirma a súa boa traxectoria e, xunto ao Gondomar, son a sorpresa positiva da tempada.
Vitorias contundentes de Areas e Arosa, e ademais balsámica, no caso deste último.
Mala, pero que moi mala, a dinámica de resultados do Marín, que empeza a ser preocupante. Ten Lodeiro, coa axuda de todo o ámbito, que recuperar xogadores ou a ser posible reforzar o equipo antes de que sexa demasiado tarde.
A destacar a incorporación ao grupo dos favoritos do Portonovo, que facendo valer os bos resultados de Baltar e algo que vai rabuñando nas súas visitas, xa está no grupo de cabeza.
Para finalizar, dicir que o noso partido da próxima xornada ten moitos alicientes e non é outro que o Arosa-Areas. Os locais teñen que gañar no seu campo onde non o fan dende o 30 de setembro, pero neste caso o rival é o líder da categoría, que aínda non perdeu como visitante e que se presenta con dous dos máximos realizadores, Carlitos (9 goles) e José Arenas (8).
19.11.2012