Manuel Lourenzo González
Cegoñas no fondo da ría: Memoria de Tambo
De cando en vez volve á palestra a discusión sobre o dominio municipal da illa de Tambo, hoxe administrada por Poio, e, máis amplamente, sobre as estremas que separan os concellos de Pontevedra, Poio e Marín. Un tema recorrente que xera conflitividade polas lóxicas implicacións tanto en canto a dereitos como a deberes dos respectivos gobernos, afectando de maneira especial a lindes tan sensíbeis á economía coma os do Porto de Marín.
Boa parte do problema deriva da desaparición da chamada Pedra Pinela, un con ou cabezo que se usou como referencia nalgúns documentos antigos para o deslindamento entre Poio e Pontevedra, e noutros para separar esta de Marín. Din uns que quedou ocultada polo medre do Lérez como consecuencia dos recheos, outros que foi destruída nalgunha das diversas obras efectuadas nas súas ribeiras. Fose como fose, a falta de acordo sobre a súa localización, que flutúa entre a ponte das Correntes e algún punto do centro da ría, dá idea das dificultades que achan os técnicos para liquidaren o problema.
Precisamente da historia da illa de Tambo, ese fermoso petouto acuático que forma parte consubstancial da nosa paisaxe do fondo da ría, trata a atopocronía deste mes. Porque Tambo, malia a súa reducida extensión e o seu relevo alombado, tan diferente das liñas chairas doutras illas tamén familiares e ribeirás coma San Simón ou A Toxa, ten unha historia fértil en episodios singulares.
O máis recente coñecemento que temos dela relaciónase cos usos militares que lle outorgou o franquismo baixo o mando da Escola Naval Militar de Marín, con polvoreira incluída, servindo nos últimos tempos sobre todo para os baños das familias dos cargos directivos da institución castrense. Sábese que con anterioridade existiu alí un lazareto, e que noutras épocas estivo habitada por xentes dedicadas ao marisqueo e a agricultura, habitación que se remonta, segundo restos achados, á Idade do Ferro.
Pola nosa banda imos ir bastante máis atrás, ao encontro dos tempos nos que se orixinou a illa. Porque, hai que aclarar, Tambo pertence a ese grupo de terras que non son resultado de oroxéneses tectónicas, senón da evolución de organismos outrora vivos, tal como nos explican a paleontoloxía e a paleoxeografía. Efectivamente, aínda que hoxe a vexamos tan mineral e sólida coma as terras da contorna, Tambo foi na súa orixe, alá no afastado Mesozoico, un enorme animal acuático, unha especie de balea de proporcións xigantescas, que nalgún momento entrou na ría e ficou varado co ventre rozando o fondo e sen posibilidade de volver atrás. Con pouco esforzo, podémolo imaxinar cobregueando desesperado, feríndose contra os cons e tinxindo a ría de sangue ata morrer. En tal situación, acabaría por converterse en presa doutros animais marítimos e voadores, que aínda así non o devoraron por completo. O resto que quedou foi entrando nun proceso de descomposición e fosilización que duraría crons, ata adquirir, xa na era dos seres humanos, a textura granítica que hoxe coñecemos.
Tendo en conta a súa redución de tamaño por causa das preadas e da fosilización, aventuramos que se trataba dun dos máis corpulentos saurios mariños. Fóra disto, dado o grado de mineralización acadado, pouco máis podemos saber do tipo de animal que era Tambo e das súas características;. ÿ probábel que a punta Tenlo, onde se acha o faro, formase parte da cabeza.
Non é un caso único a xénese de Tambo a partir dun descomunal ser acuático. Na actualidade están documentados case un centenar en todo o planeta, a metade nas costas suramericanas. Porén, poucas destas illas orgánicas se conservan con tal integridade, xa que a maioría son residuos de pequeno tamaño ou anacos espallados como mínimos arquipélagos. Talvez as peculiares características da nosa ría tivesen que ver con isto.
Ben é certo que a literatura e certas crónicas nos transmitiron noticias sobre outras terras flotantes. A máis coñecida é a de San Brandán, personaxe que, no curso dunha viaxe chea de sucesos marabillosos, desembarcou sobre unha illa que resultou ser o lombo dun enorme peixe. Son relatos nacidos na mente de persoas capaces de fantasiar sen cancelas, como Luciano de Samosata no mundo clásico ou máis adiante Rabelais ou Jhonathan Swift. Ora ben, nada teñen que ver co caso de Tambo, que responde a procesos naturais certificados por científicos e universidades.
Alén desa orixe remota, e xa situados na nosa era, aínda podemos engadir á memoria da illa algúns episodios pouco coñecidos, algúns dos cales teñen que ver precisamente coa súa esencia biolóxica.
Así, sábese que nos anos do dominio suevo estivo habitada por un ermitán chamado Filesio, seguidor do ascetismo priscilianista, ao que os ribeiráns veneraban como santo porque tiña o poder de atraer as sardiñas con só ciscar puñados de terra no mar. O que se xustifica polo poder nutritivo da terra de Tambo, e que tamén, sen caermos na desmesura, pode explicar a tradicional abundancia e calidade das sardiñas na nosa ría. Cando o herexe Filesio morreu, ergueuse unha capela na súa honra, capela que foi derruída decontado por Martiño de Dumio na súa afouta defensa do canon apostólico romano. Posteriormente, o bispo Frutuoso do Bierzo ergueu no lugar o mosteiro bieito de Santa María de Graza, o cal, á súa vez, sería arrasado polo inglés Francis Drake, este en fervorosa defensa do seu credo protestante.
Décadas máis tarde, as mesmas ruínas do mosteiro serviron de acubillo á historia de amor de signo romántico entre un mozo de familia burguesa e a filla máis nova dos marqueses de Mos, que prohibiran a súa relación. Tres anos viviron refuxiados so o amparo daqueles muros e carballeiras, ata o momento en que a dona enfermou e o seu compañeiro se viu obrigado a solicitar axuda aos médicos da vila. Descubertos, o galán foi alanceado polos soldados do marqués e ela acabou por morrer de mágoa, deixando para os pais a súplica de seren ambos enterrados na illa. A petición foi cumprida, conservándose aínda hoxe un dos cadaleitos de pedra.
En actas conservadas en mans privadas hai constancia da rebelión e fuxida dunha partida de escravos africanos no momento en que eran ofrecidos en poxa pública na praza do Concello, no adro de San Bartolomeu o Vello. A maioría foron capturados axiña, mais sete destes homes, aínda coas mans encadeadas, roubaron unha dorna nun dos peiraos da Moureira e aproaron cara a Tambo. Mais sendo día de temporal, e eles navegantes inexpertos, acabaron por naufragar e desaparecer. Porén, algunhas testemuñas aseguraron que polo menos tres conseguiron chegar á illa e sobrevivir alimentándose de berberechos e castañas.
Pero quizais o período máis interesante que viviu o costento relevo de Tambo foi a primeira metade do século XVII, cando serviu de baluarte e centro de operacións do enigmático capitán Ambrosio Nunes de Saa, probábel adiantado da revolución industrial e aciago instigador de lendas malsás.
Membro dunha respectada familia de armadores, sentira desde neno a afección de ler cantos libros puido conseguir, ata que chamou a atención do Santo Oficio. Estabelecido na illa para fuxir da súa vixilancia, con peirao, almacén e estaleiro propios, barruntábase que dedicaba tanto tempo á práctica da mariñeiría como ao cultivo das ciencias ocultas. Del chegouse a dicir que, nun momento en que a súa goleta quedara atrapada nun trebón nas Azores, asinara un pauto co demo que o salvou da morte segura. A partir dese día, xuraban os que o viron que o seu barco navegaba coas velas recolleitas a velocidade firme e constante en calquera mar, e que del saía un fume estraño e un ruído monótono que atordaba os tripulantes dos demais barcos. Ademais, adoitaba navegar sen rumbo definido e tampouco se sabía que transportase mercadorías nin persoas nin nada que xustificase as súas viaxes.
Desde os nosos coñecementos actuais, podemos intuír que o capitán Nunes de Saa era, en realidade, un avezado mecánico que coñecía os progresos que se deran desde Jerónimo de Ayanz no aproveitamento da forza do vapor de auga, e que foi capaz de incorporar ao seu barco algún enxeño con hélices que facía que se comportase de forma anormal para os navegantes da época, tanto na mellora do rendemento coma nas imperfeccións do seu manexo. Asemade, o feito de ser Tambo unha illa orgánica permitiría un subministro abondoso de carbón. Porén, nada nos explica que trescentos e catrocentos anos despois, como foi rexistrado por varias testemuñas, a goleta do capitán Nunes de Saa continúe navegando polos mares do mundo, asustando os demais barcos coa súa aparición súbita no medio da brétema para agoirar designios de morte, motivo polo cal é coñecido co sobrenome de O Pontevedrés Errante.
Como é sabido, ao fío da historia de O Pontevedrés Errante forxáronse outras lendas de mariños tamén errabundos e así mesmo maléficos que enriqueceron a mitoloxía do mar, do mesmo xeito que a xénese de illas como Tambo na noite do Mesozoico inspiraron as fantásticas xeografías das terras flotantes. Unha mostra de como a imaxinación e a realidade se alimentan mutuamente.
No momento actual, en tanto Tambo aspira a integrarse no Parque Nacional das Illas Atlánticas, permítese o acceso público. Ademais de gozar da súa excelencia paisaxística, malia os eucaliptais que substituíron as primorosas fragas de antano, o visitante poderá atopar algúns restos de diferentes episodios da súa rica historia, aínda que, por desgraza, non de todos.