
Andrés Núñez Rajoy
Feijóo, Sánchez e as Tanxugueiras
Temos, por fin, presidente do Goberno. Hai unha semana non tiña moi claro que isto fose pasar. O 23 de xullo, na cabeza de moita xente, xa queda moi lonxe, mesmo hai xente que con tanta información e desinformación non ten moi claro o que pasou. Primeiro perdemos un mes coa crónica dunha investidura que naceu fracasada. E, si, foi unha perda de tempo porque en xullo a cidadanía optou, libremente, por configurar outra maioría. Unha maioría que implica aceptar o seu resultado xa que o sistema de maiorías parlamentarias é a base da democracia.
Despois do fracaso de Feijóo vivimos uns meses nos que vimos de todo. Comezou a romaría de Pedro Sánchez. Viaxes para aquí e para alá. Secretismo. Reunións con uns e con outros. Secretismo. Peticións, liñas vermellas, boutades, fanfarronerías e longo etcétera. Desesperación da, e tamén na, cidadanía, alomenos ca que falaba eu, que lle dá (daba) bastante igual o resultado, o que quería que se acabara dunha vez. Vimos actuacións hiperbólicas. Esaxeracións para seareiros. E parvadas, moitas parvadas. Comeza ao mesmo tempo a batalla contra a amnistía. A prensa madricentrista , e fonte ideolóxica da dereita, comeza a quentar o ambiente contra a amnistía. A dereita mobiliza todo aquelo no que ten poder.
Aparece a palabra maldita "lawfare". Seguramente non foi moi acertada a súa inclusión no escrito. A xudicatura, de pel moi fina e sensible, salta. Toda a xudicatura. Vaia corporativismo. Comunicados. Manifestacións de xuíces diante dalgúns xulgados. Non haberá "lawfare", ou que é o mesmo "uso partidario da xustiza", mais paréceo. Teremos que lembrarnos da persecución que sufriu o socialista Demetrio Madrid López primeiro presidente da Junta de Castilla y León, logo veu Aznar. Tamén Juan María Atutxa inhabilitado polo Tribunal Supremo, e habilitado polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). O THDH condenara a España por vulnerar o dereito a un xuízo xusto a Arnaldo Otegui. O xuíz que relacionaba o PCE e Podemos cos nazis, e o CGPJ nin se inmutou. O caso da xuíza Victoria Rosell e a persecución do xuíz Alba para perxudicala políticamente. Nunca se soubo quen era M. (punto) Rajoy. Nunca se chamou a declarar a Cospedal, ou a Ignacio González. E poderíamos seguir, non haberá "lawfare" pero parecer parece
A partir de aí aumentan as manifestación e actos en contra da amnistía. E a prensa cavernaria veña a emporcar. Polo medio algún vello dinosauro socialista dando a vara. A concentracións diante das sedes do PSOE, nomeadamente na de Madrid. Acaban lanzando obxectos á policía. Atacando a prensa: "prensa española manipuladora", sóalles? Carreiras, contedores queimados e detencións. Vivas a Franco. Rezos para salvar España da súa ruptura. Vox médrase e o PP condena coa boca pequena. Os condutores dos programas máis vistos nas TV facendo proclamas en contra do goberno provisional. Outras televisións transmitindo en directo a manifestación coma se fose un espectáculo. Ataques e máis ataques, baixo un mesmo verso: o PP gañou as eleccións, raca-raca. Sementando odio ao contrario.
Levouse a política ao terreo xudicial, agora a solución é falar, dialogar, tomar medidas duras.
Fártame escoitar, día si e día tamén que a Constitución Española (CE) prohibe os indultos xerais, certo. Un indulto non é unha amnistía, como non o son as peras e as mazás, son froitas de pebida pero son diferentes. O indulto perdoa unha pena e concédeo o Goberno, porén a amnistía perdoa o feito, aínda que non haxa condena e apróbase nunha lei do Parlamento. Neste país torturadores e asasinos foron amnistiados, non me gustou, pero acabeino vendo que era pola concordia, despois defendino sempre. Logo houbo indultos para condenados por delitos graves, torturadores, golpistas do 23F, corruptos e máis corruptos, entre eles algún que outro xuíz. Non foi un caso ou dous, foron miles desde o 1978. Agora hai un xeito de amnesia colectiva destes casos, sobre todo cando se fala de amnistía e se esquecen os indultos.
Na semana pasada foi o debate da investidura. Todos cumpriron o papel que agardábamos deles. Quéixanse os periodistas que non hai grandes oradores como Emilio Castelar, Francisco Pi y Margall, José Canalejas, Nicolás Salmerón ou José Echegaray. A min non me preocupa, como a maioría da xente, interésannos as cousas do día a día e que falen delas. Escoiteille a Miguel Iceta dicir "Hemos pasado de la lucha de clases a la lucha de frases" O máis sorprendente, ao meu ver, foi que levaban escritas as réplicas. Pedro Sánchez na súa liña, ben na primeira intervención, longas as respostas. Feijóo ben no seu papel, cansa un pouco o de que gañou as elección e non fixo ningunha proposta. Yolanda Díaz ben no papel de goberno, e un pouco canso o querernos aprender. Néstor Rego, pouco tempo, poido explicar mellor o acordo. Os grupos cataláns falando para os deles a ver quen mexa máis longo. Os vascos os mellores, os dous, claros, concisos e conciliadores.
En xullo a poboación votou o que quixo, e a convocatoria de novas eleccións, para min, é un ataque á democracia. Que houbera novas eleccións dous meses despois das anteriores significa que os parlamentarios elixidos non respectan o que votaron os españois, ou o que é o mesmo que as Cortes non asumen a súa responsabilidade e así o que queren é que cambiemos o voto, agardando que gañen os "nosos". Todo isto lémbrame ao que pasou en Israel que desde o 2019 celebráronse 5 eleccións distintas ata acadar que Benjamín Netanyahu formara goberno con maioría, co resultado que xa todos sabemos.
Gustaríame que Alberto Núñez Feijóo se aconsellara co que fixeron as Tanxugueiras no Benidorm Fest 2022. A prensa dubidaba si se ían presentar e a resposta deles foi: "Presentámonos, en galego, con pandeiretas e coa nosa sonoridade, abofé que si!". As bases do concurso dicían que os gañadores serían elixidos por votación do seguinte xeito: 50% por un xurado profesional, 25% televoto e 25% mostra demoscópica. Antes da gran final o posto de representante en Eurovisión debátese en Rigoberta Bandini e As Tanxugueiras. Arrasaron no voto do público. O voto do xurado profesional fai que non gañen nin unha nin outras. Da boca delas non saíu nin un reproche á gañadora. Aceptaban as normas do xogo.
Por todo isto pídolle a Feijóo que aprenda das Tanxugueiras, en democracia parlamentaria sae investido que consegue máis apoios que non ten que ser necesariamente o máis votado, son as normas. Hai que saber gañar e hai que saber perder, dúas cousas que ao PP lle custa moito, e as probas me remito cando gaña borra todo o que fixeron os anteriores, e cando perde non recoñece ao gañador. Lembrarlle a Feijóo que As Tanxugueiras fixeron máis polo idioma galego nunha actuación no Benidorm Fest que el en 14 anos de presidente da Xunta.
Estou vendo como as actitudes da xente estanse polarizando moito. Dáme medo, quero que falemos e nos entendamos, non vale só con condenar a violencia nas rúas, Feijóo ten que condenar os ataques ás sedes. Hai que parar tamén os ataques de certa prensa que saca as fotos de deputados socialistas para que sexan identificados e poder sinalalos. Tamén é deber do investido presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, o traballar pola concordia, para que as cousas volvan ao rego, de rebaixar a tensión. No PP, nestes intres vexo difícil, máis non imposible, só hai que facer unha cousa que Feijóo se dea conta que el é o xefe e ten que marcar o rumbo e non deixar que llo marquen. Nas súas mans está.