Elena Varela
Muller, gústasme forte e libre
Non cren que algo está a fallar? Que algo se está a facer realmente mal?
Por moito que intenten ocultalo chamándolle nalgúns casos "violencia doméstica", o problema da violencia MACHISTA ou violencia de XÿNERO é unha lacra social que non damos erradicado. Os últimos números son estremecedores. As violacións aumentaron un 1,4% e o número de asasinadas polas súas parellas un 3% no ano 2013. Pero se volvemos a vista cara atrás, obtemos as inadmisibles cifras de 54 mulleres asasinadas no 2013, 52 no 2012, 63 no 2011 e 73 no 2010. (Datos de El País)
Mentres moita xente fala da violencia de xénero como algo que ocorre entre parellas adultas e doutra época, eu escoito a mozos da miña idade dicindo cousas como:
" Es que tío, hay mujeres que están pidiendo a gritos una hostia. Y que no me vengan con historias de la violencia y no sé que mierda.. allá ellas si se lo buscan. Que estén calladitas y punto, que parece que a muchas les gusta que les arreen. "
Palabras textuais.
O problema está en que os homes, non xeneralizo, coidado, pero é unha porcentaxe máis alta do que me gustaría, tratan ás mulleres como seres inferiores. E tampouco é tan extraño, vendo como o propio goberno pasa por riba dos nosos dereitos e de nós mesmas.
A cuestión, como case sempre, está na educación. E a educación vén dada pola sociedade, así que nun sistema patriarcal e machista coma o noso, a catástrofe está asegurada.
ÿs homes edúcanos na violencia, na forza, na superioridade. Explícanlles dende pequenos que teñen que sacar adiante á súa familia e protexela de calquera perigo que a ameace. Que os homes non choran e que se hai unha pelexa, o mellor é o que dá os mellores golpes, o que máis prepotente é, o que máis forte berra... Para un documental de Félix Rodríguez de la Fuente non estaría nada mal.
Pero sen embargo con nós, a cousa cambia. Temos que ser mulleres, si, pero sobre todo nais. Que para iso estamos non? Para parir. Así que os nosos xoguetes son ben distintos ós dos nenos: bonecas, berces, pañais, biberóns... Temos que ser delicadas, educadas, reservadas, recatadas, ir ben vestidas, ben complementadas, maquilladas, sempre con tacóns... E se algunha se sae da norma, denominámola "pouco feminina". E tan anchos/as quedamos.
E como se lle enche a boca a algunhas persoas criticando a aquelas mulleres que deciden non ter fillos/as. Pois ben, nin parir me fai máis muller nin é o meu destino. Se por ter fillos/as teño que renunciar ós meus obxectivos na vida, ás miñas metas, ós meus soños... terei que facer o sacrificio e rexeitar o papel de nai. Sexa como sexa, é unha decisión que me pertence.
Pero non se equivoquen, non digo que ter fillos sexa algo malo. Para nada. Polo que din é marabilloso. Pero o respecto é aínda mellor. Tamén respecto a aquela muller que non quere abortar. O que non respecto é que alguén, e menos un goberno machista, me obrigue a min a parir.
Por moito que nalgún momento fale en ton irónico, isto é moi serio. Futuros pais, futuras nais pensade en como queredes educar os vosos fillos e as vosas fillas, porque dependendo do que vós lles ensinedes, serán dun xeito ou doutro.
Aprender que as mulleres somos libres para tomar as nosas propias decisións e para gobernar a nosa vida, será o primeiro paso para rematar dunha vez por todas coa violencia de xénero, que por desgraza, é un problema moi actual.