Francisco Freire Vila
El desierto prohibido
A Comisión Europea vén de publicar o primeiro informe sobre a corrupción e como era esperable, dos 28 estados membros, España é un dos países con máis corrupción xa que o 95% dos seus cidadáns pensan que é unha práctica xeneralizada. Ante isto a Unión Europea atrévese a dar algunhas recomendacións específicas a España para reducila, que están ben, pero penso que non son suficientes pois non contemplan unha actuación dende un punto de vista educativo.
Se analizamos os resultados que recolle o informe dos distintos países da Unión Europea, é fácil concluír que os países europeos cun sistema educativo de calidade son os menos corruptos, así Finlandia, que destaca no informe Pisa por ter uns dos mellores sistemas educativos, figura entre os países menos corruptos da Unión Europea.
Quizais, teña algo que ver que dende nenos somos adestrados en exceso, tanto dentro da familia coma nas escolas, na competitividade e case nada na cooperatividade. Tamén, os xogos, fonte de aprendizaxe lúdica moi importante na primeira etapa das nosas vidas, fomentan a competitividade. De feito, en case todos os xogos de mesa e nos electrónicos o obxectivo é vencer os demais. Pero a competitividade tamén está presente noutros aspectos da vida social: no fútbol, na política, na economía etc. Incluso nas escolas os exames, aínda que a súa función é comprobar a adquisición de coñecementos, acaban sendo unha simple competición para o alumnado e lamentablemente para as súas familias. A cooperatividade semella un deserto prohibido.
No entanto, a competitividade alimenta o éxito individual e a rivalidade, motiva os mellores e marxina os peores, fomenta a desconfianza, o egoísmo e a insolidariedade, disfraza a autoconfianza e a autoestima, mentres que a cooperatividade fomenta o éxito compartido e o compañerismo, crea un único nivel de aceptación mutua, fomenta a confianza e a unidade, con ela apréndese a compartir, reforza a autoconfianza e a autoestima. En definitiva, a corrupción está máis cerca da competitividade que da cooperatividade.
Pois ben, estes días de inclemencias atmosféricas collemos un xogo de mesa "El desierto prohibido", que os Reis nos deixaran, e puxémonos a xogar en familia. De entrada, sorprende que o xogo veña nunha lata e non nunha caixa de cartón pero a maior sorpresa foi ao lermos as instrucións xa que ao rematar o xogo non habería un só gañador senón que todos os xogadores seriamos os gañadores ou os perdedores. O fin era salvarnos todos nunha aventura na que cada un colabora para acadar o éxito final.
Estimado lector e lectora, ademais de pasalo ben e de experimentar de forma práctica os beneficios da cooperatividade, o xogo serviume para escribir este artigo.