Manuel Lourenzo González
Cegoñas no fondo da ría: Do Lérez a Compostela
ÿ ben coñecida a historia da chamada papisa Xoana, unha muller do século IX que, con teimudo esforzo de formación engadido ao disimulo da súa condición feminina, conseguiu acceder ao máis alto cargo da Igrexa de Cristo. E é tamén coñecida a consecuencia que se derivou deste engano: a obriga de que os papas electos acreditasen a súa masculinidade antes da coroación; sentados na sedia stercoraria, unha rexa cadeira cun buraco no asento, un diácono palpaba os seus testículos e, en caso afirmativo, proclamaba "Habet duos et bene pendentes", ao que o pleno cardinalicio contestaba con arroubo "Deo gratias". Con respecto á papisa Xoana, a Igrexa esforzouse por demostrar que só se trataba dunha lenda maliciosa e hoxe poucos acreditan que existise realmente, aínda que sempre queda a dúbida razoábel. En canto á fermosa tradición do exame testicular, disque foi abolida no século XVI e que desde entón non se volveu practicar, cousa que non temos por que non crer.
O que non é tan coñecido é o caso dunha relixiosa galega que, case douscentos anos antes de Xoana, accedeu así mesmo á cadeira papal tamén baixo aparencia de home, mais neste caso non chegou a ser descuberta. Trátase do papa Pascual, cuxo goberno se sitúa entre os anos 687 e 692, e que logo foi catalogado como antipapa por conveniencias da política vaticana, sen que isto diminúa o seu mérito nin a magnitude da súa epopea.
Da súa historia, curiosamente, sabemos bastantes detalles, que mesturan episodios diáfanos con outros tan improbábeis que raian na lenda. O seu verdadeiro nome era Dosinda e a súa orixe sitúase en Pontevedra, daquela Ponte Vétere, entre os anos 630 e 640, no seo dunha familia de xacias das moitas que daquela habitaban os nosos ríos. Do Lérez en particular cónstanos que tiñan morada nos pegos da zona dos salóns e tamén no Couso, chegando ata a parte de Bora. Así mesmo, había xacias no río dos Gafos e no Almofrei. Cómpre aclarar que as xacias, o mesmo que as mouras e ao contrario das sereas, teñen aparencia completamente humana, agás pola súa textura húmida e vaporosa. Comparten todas elas a fama dunha fermosura canónica, aínda que isto responde máis ben a un imaxinario androcéntrico, e son remisas ao trato cos humanos, se ben entre os seus costumes figura o de engaiolar os homes para arrastralos con elas aos fondos pozos acuáticos. Daquela, podemos imaxinar a Dosinda unha garrida xacia dotada ademais dunha innata curiosidade por coñecer o mundo de fóra da auga, característica que non debe ser tan rara nesas razas, como demostra o feito de que seres non de todo humanos destaquen no campo das artes, as ciencias e, sobre todo, da política.
A afección levou a Dosinda a axexar as persoas que frecuentaban as beiras do Lérez, sobre todo pescadores, lavandeiras, cativos que acudían a bañarse e un grupo de relixiosas que adoitaban realizar alí certos ritos que chamaban bautizos. Familiarizada desde cativa co latín galaico, sentiuse tan atraída polo modo de vivir e de sentir daqueles seres que un día decidiu abandonar o seu pego e o seu clan para aventurarse por terra firme.
Os seus primeiros pasos conducírona precisamente ás portas do convento no que vivía ese grupo de monxas, que se situaba nos mesmos terreos que hoxe ocupa o de Santa Clara. A abadesa acolleuna ao vela pobre e necesitada, e alí botou Dosinda dous anos adaptándose a aquel pracenteiro estilo de vida. ÿ de sinalar que moitas destas comunidades, nun período en que a Igrexa católica se achaba en fase de estruturación, aínda que se dicían seguidoras da regra bieita, na práctica mesturaban o ora et labora con elementos pagáns romanos de raíz mitraica mais fondas reminiscencias do mundo castrexo, o que incluía a práctica de ritos que hoxe considerariamos pouco piadosos. Quizais foi iso mesmo o que pensou Dosinda o día en que un nobre de alta liñaxe, protector do estabelecemento, organizou nel unha festa orxiástica para agasallar uns visitantes ilustres coa presenza das monxas novizas. Atopábase entre eles certo príncipe eslavo que se encaprichou da beleza exótica da xacia do Lérez e quixo tomala pola forza; a moza, lonxe de amosarse compracente, fendeulle a cabeza cun candeeiro. Como consecuencia, tivo que abandonar a institución con gran pena e fuxir de présa por fragas e montes.
Para mellor zafarse da persecución, disfrazouse de home. Recortou a longa melena, vestiu calzas e xibón, cinxiu na cabeza monteira e adoptou o nome de Pascual, por ser a Pascua a súa celebración preferida polo sabor gorentoso das roscas e o viño. Con tal traza, percorreu moitos quilómetros lonxe da nosa terra; na súa viaxe sen rumbo foron numerosos os lugares que visitou, as persoas coas que tratou e os oficios nos que luciu as súas habilidades, desde labrego a xornal ata aprendiz de ferreiro e despois vendedor ambulante de quincalla, sen abandonar nunca a adquirida condición masculina. Incluso participou como actor en oficios litúrxicos e como predicador por aldeas e castelos, pois a vida espiritual prendera no novo home dun xeito intenso.
Co cal non resultou raro que volvese ao seo da Igrexa, comezando esta vez como diácono na diocese de Astorga. Chamado polo bispo Isidoro para o cargo de secretario persoal, el mesmo se encargou de adoutrinalo en teoloxía e dereito canónico, chegando a unxilo en pouco tempo presbítero co poder de misar. A aplicación de Pascual unida á súa clara intelixencia fixeron que o bispo o levase consigo no ano 680 ao Terceiro Concilio Ecuménico de Constantinopla, convocado polo emperador romano de oriente Constantino IV, onde destacou polo seu coraxento ataque contra as teses monotelistas de Macario, patriarca de Antioquía, que resultaron á fin condenadas.
Unha lenda non confirmada asegura que foi a atracción fatal que Isidoro amosaba por aquel crego fermoso e imberbe, aínda que de forte carácter, o que motivou que o influente Valerio do Bierzo, cenobita no mosteiro de San Pedro de Montes, o acusase de "varón pestilentísimo", e agoirase para el un descenso tortuoso aos infernos.
En todo caso, a lucidez, sabedoría e fervor demostrados por Pascual fixeron que se fixase nel o papa León II, quen o levou a Roma e o nomeou cardeal presbítero. Outorgoulle a igrexa de San Felice da Cantalice a Centocelle, onde desenvolveu un intenso labor en favor dos necesitados e polo recoñecemento do papel apostólico da muller. Tras os turbulentos sucesos do ano 687, co envelenamento do papa Conón, os enfrontamentos entre distintas faccións levaron á escolla simultánea de dous papas: Teodoro, apoiado pola milicia vaticana, e Pascual, que gañara o favor unánime do clero. Intentouse solucionar o conflito coa elección consensuada dun terceiro papa, Serxio I; porén, Pascual, alleo aos manexos da política e desexoso de exercer o cargo con rigor e bo sentido, retivo o título un tempo ata que, por non danar máis a institución, acabou por entregar o báculo.
Recalou en Irlanda, onde o atopamos en 695 como conselleiro do abade Adomnán de Iona. O seu papel debeu ser relevante, pois figura nas crónicas como inspirador da que se chamaría Cáin Adomnáin ou "Lei de Inocentes", promulgada en 697, un texto que buscaba garantir a inmunidade de mulleres, nenos e anciáns en tempo de guerra, polo que se considera o predecesor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Un dos seus artigos rezaba: "Ao que matase unha muller [...] a súa man dereita e o seu pé esquerdo seranlle cortados en vida, e despois morrerá".
Pascual volveu ao continente co cambio de século. No reino dos francos, chegou a ser confesor do pai da dinastía carolinxia, Carlos Martel; mais, outra volta desenganado dos vaivéns da política, meteuse a navegar polo Cantábrico cun grupo de seguidores nunha fráxil xangada, coa que chegaron á ría de Arousa e de alí remontaron o Ulla. As derradeiras noticias sitúan a Pascual vivindo como un ermitán na fraga de Libredón, actual cidade de Compostela, facendo predicación entre os peregrinos que desde sempre acudían a Fisterra, e ata se di que obrando milagres. A partir de aí aparecen dúas versións diferentes. Unha di que acabou por recuperar a súa traza feminina e o seu nome Dosinda e que regresou a Pontevedra, onde se reuniu cos membros da súa familia. Polo tanto, a súa pista pérdese no escuro fondo dos pegos do Lérez. Outra versión, a máis interesante, asegura que morreu no Libredón en flor de santidade e que alí foi soterrada polos seus discípulos. Como os seus parentes do río nunca a esqueceran, acudían cada noite con fachos a buscala pola fraga, e foron esas luminarias as que permitiron, alá a comezos do 800, que fose descuberta para o mundo certa tumba que axiña foi catalogada como a do apóstolo Santiago.
Non deixa de ser esta unha das múltiples teorías que existen sobre a suposta tumba do Apóstolo; outras apuntan aos restos dun rei suevo, do bispo Prisciliano, do beato de Liébana e ata, se facemos caso a Lutero, dun animal calquera. Como cadra que estes días andan os clérigos de Compostela a reclamar reparacións para o desastre causado na catedral por nefastas intervencións recentes, non estaría de máis aproveitar para examinar de novo os ósos gardados na arca de prata; podiamos levar a sorpresa de que pertencesen a unha muller, incluso a unha xacia.
Unha última curiosidade, esta con respecto ao convento de Santa Clara de Pontevedra, que foi levantado no século XIV no mesmo solar onde estivera o que acolleu a Dosinda de moza: existe nel a memoria de que, a comezos do XVII, unha monxa chamada sor María de sor Antonio, quen tamén previamente se fixera pasar por home, tivo unha revelación e fixo escavar na súa horta; alí achou as pedras do antigo convento bieito e mitraico, e con elas disque foi construído o muro que hoxe rodea o seu perímetro.
Imaxe: Posíbel representación de Pascual, xacia e antipapisa, nunha miniatura do Códice Calixtino