Julio C. Piñeiro
La Dolce Vita
Milagres da tecnoloxía e moralexas atemporais
Resulta inevitable moitas veces a asociación dos termos "tecnoloxía" e "futuro", coma se tódolos avances da ciencia e da técnica contribuisen exclusivamente a mellora-los rendementos e as calidades de vida da súa implantación cara adiante. Pero entón estaríamos obviando que estes progresos tamén axudan a mellorar a lectura, a catalogación e, o que é máis importante, a valoración do noso pasado, do máis achegado ao máis remoto. Disciplinas científicas e humanísticas que "miran cara atrás" por definición, como a historia mesma, a arqueoloxía, a paleontoloxía, etc., téñense beneficiado da novos prodixios tecnolóxicos que lles permitiron e seguen permitindo optimizar e profundar nas súas pesquisas, aspirando a obxectivos hai non moito inimaxinables.
Pois ben, o noso patrimonio artístico, o noso legado cultural, expresión física do noso imaxinario colectivo, tamén se beneficia destes, chamémoslles, milagres, sobre todo naquelas artes con materia prima máis volátil e caduca. Por poñer un exemplo, The Film Foundation, ente non lucrativo fundado e dirixido polo aclamado e veterano cineasta Martin Scorsese, adicado dende 1990 á conservación e restauración do patrimonio fílmico mundial, mantendo o máis intacta posible esa memoria colectiva de 24 imaxes por segundo. Unha de tantas maniobras milagreiras da tecnoloxía cara o pasado, que tanto permite a análise máis completa duns restos fósiles como nos brinda a oportunidade de visionar imaxes filmadas hai cincuenta, oitenta ou cen anos (ou aínda máis), coa calidade visual e o carácter imperecedoiro de teren sido fabricadas na mesma era dixital na que nos atopamos hoxe en día.
Un dos últimos "milagres" da fundación de Scorsese vainos permitir disfrutar, a partir do próximo 27 de novembro, dun clásico universal e imprescindible como La dolce vita de Federico Fellini en edición restaurada en DVD e Blu-Ray. Unha das xoias fundamentais e capitais da Séptima Arte, aquela que, a principios dos anos sesenta, presentaba todo o glamour e hedonismo da boiante vida dos novos ricos na Italia do milagre económico que tan rápido a recuperara das feridas de dúas guerras mundiais e moitos anos de fascismo; un punto de partido que alcanza o seu clímax na celebérrima escena nocturna da Fontana di Trevi con Marcello Mastroianni e Anita Ekberg (non na orixinal senón nunha fidelísima réplica fabricada nos lexendarios estudios de Cinecittà), para despois continuar o que verdadeiramente é un desencantador relato da inmoralidade e do baleiro espiritual duns individuos sen rumbo, agochados na voluptuosa pantalla da riqueza rápida e a felicidade material.
Aquela anticlimática (e redentora) secuencia final, coa balea morta na praia, e o protagonista comunicándose, sen falar, cunha adolescente casual que pasaba por ahí (a clásica pero sempre expresiva oposición do vello e o novo), ven ser o epílogo dun relato que ten bastante de profético sobre a situación que lle tocaría vivir a esa mesma Italia xa dende finais desa mesma década, nos famoso "anos de chumbo" nos que empezaban a facerse patentes as lagoas e as feridas desa pronta prosperidade. De algunha maneira, unha narrativa tamén extrapolable , pero nun periodo moito máis curto de tempo, a esa mesma Italia post-Berlusconi da actualidade, e sobre todo, a esa España do "oasis económico" (que non milagre) que agora se achega perigosamente a esas cotas de desigualdade e miseria da posguerra, á vez que se convirte nun paraíso fiscal asimétrico, no que esa mesma balea morta, o tan clamado "Estado do benestar", agoniza na praia mentres que moi poucos disfrutan esa dolce vita financeira (e dentro de nada, coa chegada de Eurovegas, tamén ociosa) a costa e sobre as costas de tódolos demais.
En resumo, unha fábula moderna, situada nun marco espacio-temporal moi específico, pero reveladora e máxica dabondo como para ter un carácter atemporal e universal, e que os prodixios da tecnoloxía, pese a crise, permitirán manter viva e visible pola eternidade, como eterna é a cidade na que Fellini rodou esta obra maestra.