Andrés Núñez Rajoy
Emigrar por necesidade
Pelexan estes días a dereita e a extrema dereita pola emigración. Isto fixo que me lembrase da "nosa" emigración. Penso que non hai, case, ningún galego que non teña, ou tivera, un parente emigrado. Faleceu o día 10 de xuño pasado, en Fisterra, Juan Jesús Calo López "Chanquete", fillo de Manuel Calo Marcote "O Jurjo". Juan Jesús foi o protagonista, xunto ao seu pai, dunha imaxe que durante moitos anos representou (representa) á emigración galega. A foto, "O home e o neno", do fotógrafo Manuel Ferrol, colleu o momento da despedida dos que quedan en terra, o rostro triste do neno dicíao todo. Ían a buscarse a vida, cunha man diante e outra detrás. A xente marchaba por necesidade. Uns ían con papeis, outros non. Moitos non volveron. Vivín momentos de despedidas e choros cara a emigración. Primeiro cara América. Logo cara Europa. No verán viñan os emigrantes europeos (os que podían vir, a maioría non podía) contábannos como vivían alá. Como o importante era o cambio (que reflicte moi ben a película "Un franco, 14 pesetas", con Carlos Iglesias e Isabel Blanco, 2006). Contábannos as súas intimidades, os seus medos e as súas frustracións sobre todo dos que estaban no país como turistas, ilegais, eses non podían vir xa que logo non poderían volver. Do home que non podía levar á muller ou a muller ao home porque non tiñan papeis, logo ían de "turistas" a traballar limpando oficinas pola noite.
Vendo as estupideces que se están dicindo respecto aos inmigrantes lembreime dunha campaña que fixera o Goberno Canario en 2001 co lema"Nosotros también fuimos extranjeros", inspirado nunha publicación do diario venezolano Agencia Comercial.
Detalle do cartel feito polo Goberno Canario (A.N.R.)
Nos anos 40 e 50 era moi difícil saír de España. A xente agochábase en casas, ou ao aire libre ata poder subir a un barco que os levara fora da fame, ou das represalias franquistas. A Garda Civil vixiaba a costa e podían tardarse varios día en embarcar naqueles barcos que ían ateigados de xente. Pasaban penurias na viaxe, como agora os africanos. Foron moitos os barcos que saíron de Canarias cara América. O Saturnino, o Telémaco e o da foto que é La Elvira, no que por certo ía un ourensá.
Se miramos a foto e cambiamos a vela por un motor, o nome de veleiro polo de caiuco e a cor da pel dos inmigrantes non estamos mirando unha foto do ano 1949 senón que estamos falando da actualidade. Cambiaron poucas cousas no mundo da emigración, só se fuxe de onde se naceu por guerra e fame, por necesidade. Por iso me sorprende moito, para mal, as palabras de botarate de Miguel Tellado: "El Gobierno puede disponer de las Fuerzas Armadas y desplegar embarcaciones que impidan que los cayucos que ponen en riesgo la vida de las personas que van en ellas salgan al mar y finalmente lleguen a nuestro país". Demostra que é un ignorante respecto ás Forza Armadas Españolas xa que si se atopar no mar con caiucos o deber da Armada é rescatalos. Tamén demostra, para ser galego, ignorancia de quen somos e de onde vimos co noso pasado próximo de emigrantes. É moi pouco, ou nada, solidario. Por riba é o portavoz do grupo parlamentar do PP nas Cortes. Mentres Feijóo, tamén galego, calado, non vaia ser que meta a pata opinando.
Aparece a crise dos "mena". Maldito nome que unha vez que se empezou a usar de xeito racista acabou sendo deshumanizado. Co uso de ese nome Vox, e unha boa parte do PP, insúltaos, desprézaos e, o que é peor, xúntaos á criminalidade. Hai que chamarlle polo seu nome, son mozos e mozas, adolescentes, nenos e nenas. Está claro que o reparto voluntario de rapazada africana non funcionou, iso haberá que arranxalo mediante lei e repartir á rapazada inmigrante por todo o Estado, e non só en Canarias. Mentres se discutía se si ou se non comeza o "circo dos pallasos". Vox ameazou con non apoiar os gobernos das CCAA que ten co PP, ao final acabaron índose. O PP facíase a vítima, cando o que tiña que ter feito Feijóo era rachar os gobernos de coalición con Vox. Porque será que o PP non lle gustan os cordóns sanitarios. Mais todo é un circo da dereita e da extrema dereita. Vanse, si, mais vanse coa boca pequena. Algúns conselleiros xa os comprou o PP. As coalicións de concellos seguen como si nada. Presidentes de parlamentos como a balear ou o de Castela e León tamén seguen. Racharon pouquiño.
Con todo este barullo celebrouse a conferencia sectorial. As conselleiras do PP leran ben o argumentario e dixeron todas o mesmo. Solidariedade si, con 300 e pico que xa tiñan que ter chegado o ano pasado. Iso si, pedindo cartos. Aquí teño dúas dúbidas. Unha é que si o Estado lles transferiu capital para facelo, e non viñeron nin nenos nin nenas, que pasou cos cartos onde se investiron?. Outra é que as comunidade do PP non fan máis que pedir cartos ao Estado e pola contra non paran de tomar medidas para baixarlle os impostos aos ricos e privatizar os estado de benestar.
A xeito de conclusión debemos ter en conta que non se trata de ter solidariedade con Canarias, que tamén, senón que se trata, fundamentalmente de ser solidarios cos nenos e nenas que escaparon dos seus países en busca dun futuro, dun proxecto de vida, e que agora están amoreados nas instalacións do Goberno de Canarias. Nós que somos herdeiros da emigración se non entendemos iso é que non entendemos nada.