Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)
Un milagre
A situación da dramaturxia é indisociable da situación das artes escénicas en xeral. A alarmante baixada na contratación de funcións afecta directamente á produción de espectáculos. Canto menos se produza, menos posibilidades hai de que se monten textos de autores galegos. Ademais, moitos dos autores somos tamén produtores, directores ou actores. Ou desenvolvemos todas as facetas. ÿ dicir, formamos parte dun colectivo que está pasando serias dificultades. Vivir disto sempre foi moi difícil, pero hoxe estamos ante unha inminente desaparición do teatro como profesión se non se atopa un remedio urxente.
No referente á escrita en particular, non había moito onde recortar. A única iniciativa por parte da Agadic dirixida especificamente a promover a escrita teatral son os Premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde. Aínda así, desde o ano pasado, a convocatoria pasa a ser bienal: un recorte directo do 50%. Xunto co Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, o Abrente da MIT Ribadavia e o MOME Varela Buxán do Concello da Estrada (estes dous últimos cunha dotación económica moi baixa) son os únicos recursos que nos ofrecen as administracións galegas para que a nosa obra teña algunha saída. Seguimos, coma sempre, sen ningún tipo de beca, axuda, plataforma de edición ou difusión, obradoiros...
Nestes momentos, quen non una forzas e pelexe con insistencia non vai conseguir nada das administracións. Os autores non estamos organizados de ningún xeito para defender os nosos intereses ou demandar políticas concretas de apoio. Emprendemos duras loitas individuais, segundo as nosas sensibilidades e orixes artísticas, para tratar de visibilizar os nosos traballos: algúns montamos compañías para poder estrear, outros lánzanse a proxectos de autoedición, case todos nos presentamos a concursos e certames (en Galicia e fóra de Galicia), pedimos becas -só podemos fóra de Galicia-... Moitos convertémonos en escritores bilingües, sen moito convencemento; máis ben porque "así temos máis opcións".
En Galicia, historicamente, non se ten demostrado, en xeral, unha gran sensibilidade cara á importancia de ter unha dramaturxia forte por parte dos diferentes sectores do sistema teatral: programadores, compañías... especialmente o C.D.G., que está moi lonxe de ser un axente propulsor da escrita na lingua propia. Os autores galegos vivos estreados pola compañía pública cóntanse cos dedos da man e programas como o T6 do Teatro Nacional de Cataluña aquí son ciencia ficción. Neste sentido, a dedicatoria das Letras Galegas 2013 a un dramaturgo e home de teatro, moi aplaudida e necesaria, pronto pasará a ser un espellismo. Agora mesmo témolo tan difícil como o tivo Vidal Bolaño. Ou máis.
Neste "rudimentario" contexto, e de xeito paradóxico, podemos afirmar que, a nivel de calidade artística, estamos vivindo un momento de gran esplendor na escrita dramática galega. Xurdiu nos últimos anos un grupo de autores e autoras novos/as (moitos/as deles/as arredor dos 30 anos) que están desenvolvendo obras de gran calidade literaria e escénica, conxugando unha visión propia da realidade cunha perspectiva universal, nos temas e nas formas, empregando estruturas e linguaxes novidosas, contemporáneas e arriscadas, que enriquecen o panorama cultural galego dunha maneira que non está sendo destacada nin valorada publicamente como merece. Algún crítico definiu este grupo como "Xeración Milagre".
Convivindo con autores menos novos que seguen moi activos na escena galega (o incansable Manuel Lourenzo, Cándido Pazó, Gustavo Pernas, Raúl Dans, Roberto Salgueiro, Eduardo Alonso, Ánxeles Cuña, José Luis Prieto, etc.), foi agromando no final da primeira década do século XXI unha serie de dramaturgos abandeirados por Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura dramática 2007), ao que seguiron nomes como Clara Gayo, Paula Carballeira, Jacobo Paz, Vanesa Sotelo, Fran Godón, Fernando Epelde, Teresa Glez. Costa, Marcos Abalde, Eva Ferreira, Zé Paredes, o que asina este artigo... Todos con textos premiados, publicados (moitos autoeditados) e estreados (moitos autoproducidos). Como é posible que xurda semellante explosión de creadores a pesar da ausencia da mínima planificación e da indiferenza xeralizada? UN MILAGRE.