Andrés Núñez Rajoy
Periodistas e/ou comentaristas deportivos
Levamos, e imos levar, unha boa ración de deporte internacional transmitido pola televisión en aberto. Eurocopa, Le Tour e están chegando as olimpíadas de París. Son moitas as horas que lle dedican as televisións e radios ao deporte, tanto en aberto como de pago. Todo isto xera unha industria que hai que manter. Non se podería facer sen os que transmiten as novas deportivas. Na historia da radio e, logo, na televisión houbo pioneiros que deixaron pegada polas súas transmisións. Non podemos esquecer a Matías Prats a nivel de España, ou a Enrique Mariñas en Galicia. Logo veu José María García e a partir de aí unha morea deles ata hoxe. Moitos dos periodistas deportivos, con sona, foron creando un xeito propio de facer as cousas. Inventan conceptos, poñen alcumes e, o que é peor, moitas das veces queren sentar cátedra dando por sentado que só eles teñen a razón. Non teñen avoa. Este é o perigoso camiño para converterse en caciques. Provocan ceses de adestradores, coas súas insistencias críticas, e tamén, o que é grave, caídas en desgraza de xogadores, logo presumen diso. E salientable o uso que fan dos idiomas. Para a maioría deles só conta o inglés, o italiano e o castelán, o resto non intentan respectalo. Presumen de saber inglés. Dicíanlle "Deivi" a Becan (David). "Beil", a Gareth Bale. Usan o termo ciclista italiano "grupeto" para calquera deporte de grupo onde se amoreen máis de tres xogadores. Pola contra desprezan o portugués chamándolle "Paolo" (italiano) a Futre ou "Josep" (catalán) a José Mourinho. Isto vese na recente película de Netflix El Campeón onde Alex (Dani Rovira) lle chama Paolo a Futre. Sobran exemplos destes tipos de "periodistas deportivos", de cómo se quere impoñer o criterio propio. Como exemplo de todo isto temos a recente Eurocopa comparando o que falaban antes do comezar o campionato, o que dicían no medio e o que dixeron ao final. Sei que ao noso veciño, e director do programa "La Noche en 24 Horas" da RTVE, Xabier Fortes moléstalle moito cando se critica aos periodistas deportivos da cadea pública RTVE, nomeadamente cando se metían con Juan Carlos Rivero na transmisión da Eurocopa, polas críticas recibidas por algún erro que dixo. Manifestábao no seu perfil de X (antes Twiter) @xabierfortes. Estou de acordo con el en que é moi difícil estar falando unha morea de horas seguidas e non meter a pata, mais tamén as veces parece que teñen que estar falando seguido, para encher, improvisando, resaltando e berrando alto, e iso non fai falla para comunicar.
O labor dos periodistas deportivos, nomeadamente na televisión, é ternos entretido mais tamén o informarnos con veracidade e claridade do que esta pasando e do movementos que se fan. Aquí tiña debilidade por unha periodista deportiva da RTVE, agora xa xubilada. Ela é Paloma del Río. Traballou polas noites de auxiliar de clínica na UVI para pagarse a carreira de periodismo na Complutense. Foi unha das pioneiras do periodismo deportivo. Comentaba as transmisións de ximnasia artística, ximnasia rítmica e patinaxe, deportes aos que eu non facía moito caso. Un día parei a ver a ximnasia rítmica e quedei como un paspán pegado ao aparato. A xeito de comentar e as explicacións que daba engancháronme a eses deportes. Para min iso é ser unha boa profesional, o resto son pamplinas.
Co paso do tempo foron aparecendo xunto aos periodistas deportivos os comentaristas deportivos. Son persoas que se dedicaron, ou dedican, a un deporte que entenden del e que axudan a entender mellor o que se está vendo. Lémbrome a Andrés Gimeno comentando os partidos de tenis. Aprendemos con el que "drive" era un golpe de dereita, que o "passing shot" era un tiro á carreira. Pouco a pouco foron incorporándose comentaristas deportivos a case todos os deportes. Diante de todos os comentaristas deportivos debo sinalar a un co que teño o costume de pasar moitas tardes do verán. Ese é Perico Delgado. Xunto a Carlos de Andrés comentan as carreiras ciclistas máis importantes. Vese que sabe, que entende o que di, que ademais ten predicamento entre os corredores, os de antes e os de agora. Sabe contar o bo e o malo. E o máis salientable é que entre os dous fan transmisións de moitas horas diarias. Dentro dos periodistas-comentaristas hai un que non sei como clasificalo, ou si "comunicador". Gañoume co baloncesto. Logo divertiume co fútbol. Non só foi o "tiqui-taca". Cada vez que escoite "jugón" lembrareime del. Lembrareime de Andrés Montes.
Nace unha estrela. Nesta Eurocopa certificouse unha cousa que por sabida anteriormente non deixa de ser importante. Xa destacara nas transmisións do fútbol feminino. Mais facía falta o certificado de destacar en pé de igualdade e gañou por goleada. Falo da santiaguesa Vero Boquete. Sabe de fútbol, sabe explicalo. Para os, coma min, toupas da estratexia futbolística fai que entendamos as cousas dun xeito sinxelo. Non anda con parvadas, non fai ruído. Sabe transmitir. Fai pedagoxía deportivo-periodística.
Detalle de foto da TV antes do partido España-Inglaterra (A.N.R.)
Vero Boquete ten unha ampla experiencia deportiva. É xogadora da Fiorentina italiana na serie A (primeira división) despois de pasar polos equipos máis importante de Europa e EEUU. Foi a primeira española en gañar unha Champions. Na liga americana de EEUU foi elixida como a mellor xogadora desa liga. Tamén foi unha do once ideal do The Best da FIFA. Foi a Selección Nacional e foi crítica co entrenador Ignacio Quereda falándolle claro, polo que foi apartada da mesma. Polo seu papel como comentarista desta Eurocopa sufreu ataques machistas. Moita xente non sabe de Vero Boquete que forma parte da comunidade Common Goal que é unha iniciativa que lidera o futbolista Juan Mata e que loita a favor da reintegración social da infancia a través dos fondos recadados co 1% do salario dos e das futbolistas desa comunidade (https://www.common-goal.org/). Agardemos que siga comentando partidos, polo noso ben.