Andrés Núñez Rajoy
Dedicación exclusiva. Dedicación absoluta
Di a Lei 53/1984, de 24 de decembro de Incompatibilidades do persoal a servizo das Administracións Públicas que dúas remuneracións públicas son incompatibles, agás nos supostos de excepción contemplados na propia lei. Para a exclusividade dunha única retribución as funcionarias e funcionarios cobran o que se denomina complemento específico. Diante dunha oferta de profesor asociado na Escola Politécnica Superior de Enxeñería (USC-Campus de Lugo), tiven que tomar a decisión de solicitar a compatibilidade, ou non, o que implicaría deixar ese posto, xa que en caso exercer de profesor asociado perdería o complemento específico. Iso pásalle aos funcionarios normais. Fai pouco tempo o goberno da Xunta acordou, coa desculpa de que hai poucos médicos, que os que exerzan a medicina no sector privado non verán suprimido da súa nómina o complemento específico. En fin.
Se os funcionarios normais teñen dedicación exclusiva no desenvolvemento do seu traballo profesional que dedicación teñen os altos cargos, conselleiros e presidentes? Teñen dedicación absoluta, ou o que é o mesmo, estar dispoñibles as 24 horas do día os 7 días da semana. Por iso me sorprendeu a non asistencia de Alfonso Rueda, como Presidente da Xunta de Galicia ao Consello da Xunta do pasado luns 22. A Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa presidencia no seu artigo 1 di: “A Xunta é o órgano colexiado que, baixo a dirección do Presidente, dirixe a política xeral e a Administración da Comunidade Autónoma." Non me collía na cabeza que que Alfonso Rueda estando aquí, sen ningunha viaxe institucional prevista, non presidira o Consello da Xunta. Rueda cando acadou a Presidencia da Xunta e para demostrar que era el quen mandaba, e non estaba tutelado por Feijóo acorréuselle suprimir vicepresidencias. Por primeira vez a reunión da Xunta estaba presidida por un conselleiro, o de Presidencia Diego Calvo, e non por un ou unha vicepresidenta.
E, todo isto para que? Pois para asistir a Xunta Directiva Nacional do PP, non vaia a ser que se falta Rueda as cousas non funcionen. É dicir, Rueda antepuxo os intereses de partido, o PP, aos intereses de País. Nesa xunta directiva, os acordos xa os tiña tomados a executiva do PP, xa levaban varios días dando a matraca con eles na prensa. "Rueda cambiou o dirixir o funcionamento do país para facer o paripé de saír na foto". Alfonso Rueda non se decata que a súa é unha dedicación absoluta e plena ao País, senón que non se presentara ao posto. Alfonso Rueda ten que ter claro que é o Presidente de todos os galegos e galegas, votárano ou non. É o noso Presidente, é o meu Presidente. Mais parece que non quere exercer. Entrou na roda do PP de que todo pasa por Madrid. Son constantes as súas viaxe á capital do Reino. Goza, ao igual que facía Feijóo antes, das súas viaxes a Madrid, das súas entrevistas na prensa afín. Éncheselle o peito imitando a Ayuso. O del non é gobernar Galicia, non, o del é facer o que fai a presidenta de Madrid, dar caña ao Goberno do Estado. Así un día e outro tamén. E gobernar o país? Iso, como diría Rajoy, “si ya tal…". Total, como dixo o conselleiro da Presidencia Diego Calvo que “este é un goberno coral e que traballa en equipo", por riba engadiulle que “traballaron con normalidade". Este é o exemplo claro que están exercendo o goberno dunha cousa na que non cren. Non cren no Estado das Autonomías. Non cren en Galicia como País. Vese moi ben nas medidas que toman como baixarlle os impostos aos ricos e o interese que poñen nalgúns proxectos extractivos no que nos poñemos a materia prima, mais os beneficios van fóra. Imos velo pronto, por mor das negociacións da presidencia da Generalitat. Veremos a Rueda pedir transferencias e máis transferencias. Cando o goberno do bipartito acordaron PP, PSOE e BNG solicitar máis de trinta competencias. Algunhas fixo o goberno de Zapatero. Logo veu Rajoy e as transferencias foron cero, ningunha. Gustaríame que Rueda fose valente e, de pedir, que pedira de primeira a transferencia de tráfico, é unha competencia á que temos dereito. Non me gusta nada cando na política autonómica se usa a comparativa, é dicir si a outra CCAA lle dan isto eu tamén o quero. Non, nós temos unhas competencias moi claras, mais estamos sendo os derradeiros en conseguilas. Dixen algunhas veces, nestas páxinas, que a Xunta do PP funciona como unha xestoría, tramita e pasa ao galego as normas que veñen de Europa ou do Estado e o resto a improvisar. Por iso non fai falla que o Presidente presida.
Porén o máis reprobable que se lle pode facer ao Presidente da Xunta por esta ausencia é que foi a xunta directiva do PP que máis odio, xenreira e xenofobia creou. Nesa xunta directiva o seu presidente, Feijóo, púxose a altura de Vox. Feijóo reclamou "solidariedade e seguridade para os que chegan", mais “tamén para os que estamos". “Os españois teñen dereito a saír tranquilos á rúa" e os "valores" de España, agregou, inclúen "auxiliar" a quen o necesita, pero "tamén o respecto á cultura, ás nosas crenzas, ás mulleres, aos homosexuais" ou á "liberdade de poder sentirse seguro un na súa casa". Rueda aplaudiu. Nestas palabras xenófobas vinculan a chegada de inmigrantes coa inseguridade e delincuencia. Si Rueda estivese enterado, aínda que o conselleiro que presidiu a reunión do Goberno Galego dixo que si estaba, sabería que eses aplausos á frase de Feijóo son para unha falsidade xa que na nota aos medios , https://www.xunta.gal/documents/35297/43024/220724+REFERENCIA.pdf?version=1.0, sobre os acordos do Goberno Galego onde fala das “axudas periódicas mensuais a vítimas de violencia de xénero" na páxina 15 di literalmente: “hai que sinalar que máis do 70% eran de nacionalidade española". O resto non son inmigrantes ilegais senón que parte delas son europeas. Si presidira o consello da Xunta sabería isto. Señor Rueda, señor Presidente, lembre que somos un país de emigrantes, as veces legais outras ilegais e que ningún membro da raza humana é ilegal.