Andrés Núñez Rajoy
Criaturas, móbiles e outras pantallas
Viña de facer a miña andaina diaria. Era a unha, facía moita calor. Parei nun bar, no que acostumo a tomar as "chiquitas". Quería unha auga repoñedora. Na porta agardaban mesa para xantar tres parellas novas cos seus fillos. Dúas nenas e dous nenos entre os tres e seis anos, e un bebé dun ano. O bebé empezou a berrar, cada vez máis forte. Arrimóuselle quen debía ser o pai. Ese neno quere colo e o pai vaino coller – pensei eu. Parvo de min. O que fixo o pai foi coller o teléfono, argallou nel para buscar algo e deullo ao bebé. O bebé quedou aparvado mirando a pantalla, como tamén quedamos moitas veces os adultos. Máis claro o que tiña que pasar, pasou. Os outros nenos e nenas, que estaban agardando cos pais empezaron a pedir que lle deran un teléfono para poder mirar á pantalla. Non houbo discusión, apareceron teléfonos de pais e nais e os nenos quedaron todos enchufados á pantalla. Ao bebé caeulle o teléfono a un lado e como no o daba collido comezou a berrar, agora a nai foi correndo, deulle o móbil. Calou. Véuseme a cabeza un nome: o chupete. Isto é o "chupete dixital". Fai a mesma función.
A min todo isto sorpréndeme. Non vexo moi normal tanto uso e abuso das pantallas. Non falo das cuestións relativas á saúde e as pantallas, non. Ese é un campo no que non podo opinar por falta de coñecemento. Por riba púxenme a buscar na rede que había sobre todo isto. Hai de todo. A favor e en contra. Sementa moitas dúbidas científicas ao respecto. A Organización Mundial da Saúde relaciona obesidade infantil (por estar máis quieta a rapazada), non durmir o necesario o que provoca problemas do sono, retrasos na linguaxe e nas condutas sociais. Tamén se ven estudos de oftalmoloxía que falan de problemas de visión ao estar moitas horas pegados á pantalla. Vense moitas páxinas na que aparecen guías de cómo procurar que a rapazada regule o uso das pantallas. O ano pasado un grupo de WhatsApp que se chamaba "Poblenou_adolescència lliure de mòbil" estivo en todas as televisións, radio e prensa. Nais e pais comentaban a idade de uso dos móbiles. Comentaban que na preadolescencia, e antes, non se está preparado para o uso do móbil, que idade mínima debería ser aos 16 anos (https://www.diaridebarcelona.cat/w/sense-mobil-fins-als-16-anys- ). Tivo tanto éxito que nun mes acadaron máis de mil participantes.
Pola outra banda atopei unha reportaxe de Daniel Mediavilla no diario El País (13/11/2023), no que logo de repasar varios estudos, algúns publicados na prestixiosa The Lancet ou o recentemente publicado pola revista Nature Human Behaviour (https://www.nature.com/) sobre a revisión de estudios sobre este tema e non chega a ningunha conclusión dramática. Mesmo o investigador da Universidade de Cádiz, e coautor do estudo, Borja del Pozo manifesta: "Yo soy padre de un niño de dos años y trato de no contagiarme de esta histeria, porque sé que no hay justificación científica" e tamén "Con este metaanálisis hemos visto que los efectos de la pantalla dependen de qué se mira, con quién y con qué objetivo. Si se miran contenidos educacionales acompañados de los educadores, el efecto es positivo". Aínda así e todo é normal que moitos pais se preocupen. Esta tecnoloxía acaba de chegar, como pasou sempre as novidades asustan ata que se normalizan.
Como vedes, non son quen de ter unha opinión clara ao respectos. A comunidade científica acaba dicindo que o importante é o que se mira, con quen se mira e como se mira. Mais os meu tiros non ían por aí. Eu quería manifestar que os nenos, e máis no verán estando de vacacións, o que teñen que facer os nenos é xogar, que os pais en vez de enchufalos ao "chupete dixital" os animen a xogar, a improvisar e sobre todo o bo de xogar ao aire libre e a socializar, a relacionarse con outros nenos. Cantas veces escoitei cando os meu fillos era pequenos (aparte do de "falta moito papá?") iso de abúrrome. Papá abúrrome. Contestáballe sempre o mesmo: move a imaxinación que para iso a tes. Ao cabo dun tempo observaba que despois de varios aburrimentos funcionáballe a imaxinación. Ao final, na miña experiencia, tamén é bo o aburrimento para o fomento da imaxinación. Teño netas e netos que tamén consumen pantallas, polo de agora controlado o tempo polas nais e pais. Cando estou con eles foméntolle o aproveitamento do aire libre, o xogar con calquera cousa, o ir ao parque e animalos a que xoguen con outros nenos. Introdúcense axiña nos grupos. Sei que ese día vou acabar canso, mais tamén sei que iso vai incluído no título de avó.
Quedo con dúbidas ao respecto das pantallas de móbiles, tabletas ou televisións. Non sei si será cousa de que vou maior. O que sei é que non vou vello. Como di o meu amigo Antón: "vellos son os trapos, nós somos maiores".