Francisco Freire Vila
E que fago eu...?
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de anular dous dos artigos do polémico Decreto para o Plurilingüismo, o 5.2 que establecía a famosa consulta aos pais e nais de infantil e o 12.3 que permitía ao alumnado empregar o galego ou o castelán segundo as súas preferencias. Todo isto poderíase ter evitado se as galegas e galegos deramos resposta a unha simple pregunta: E que fago eu?
Non hai moito chegou ás miñas mans, a través do meu fillo, un libro co seguinte título: Ti podes salvar o planeta. 101 cousas que ti podes facer para protexer o medio. Nel hai unha chea de ideas intelixentes e prácticas que podemos facer para reducir os danos que padece o planeta. Pois ben, hai unha moi curiosa que se basea no principio de compensación do carbono. Consiste en contrarrestar as emisións de gases invernadoiro derivadas das nosas actividades, así, por exemplo, se un día collemos o coche para ir ao centro, para contrarrestar, podemos apagar ese día a calefacción ou darnos unha ducha curta ou calqueira outra acción.
Pois ben, benqueridos/as lectores/as, invítovos a aplicar este principio de compensación ao uso da lingua galega na vosa contorna. Por exemplo, hoxe estiveches contestando en castelán porque o teu interlocutor falou primeiro en castelán, pois para contrarrestar, cando sexas ti o primeiro en tomar a palabra fala en galego ou cando vaias ao banco a facer unha xestión fala en galego. Outro exemplo, redactaches un escrito en castelán, para contrarrestar, contesta un correo en galego ou manda un SMS en galego ou pide unha factura en galego se cha fan en castelán. Iso si, é importantísimo que o uso da lingua se faga sempre en contextos e situacións diferentes e tanto na escrita coma na fala para evitar a diglosia.
Con estas pequenas actuacións estamos dando resposta ás preguntas, que fago eu pola natureza?, que fago eu pola lingua?, e ademais, no caso da segunda, rompemos coa inercia do castelán, coa pasividade, estamos prestixiando a lingua nativa, estamos demostrando respecto e conciencia positiva polo noso patrimonio cultural inmaterial, que non temos prexuízos... e, o máis importante, que somos galegos/as comprometidos e persoas ricas en valores.
Cantos decretos sobrarían e cantos cartos se aforrarían!
25.11.2012