Carmen Cajide Hervés
Un único camiño contra a violencia machista: rachar coa submisión da muller
O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, non ten sentido sen unha revisión da situación na que se atopa a muller, dos chanzos que subimos con éxito para estar máis preto da igualdade real e dos escollos que aparecen no camiño.
A sociedade é froito dun proceso de dobre socialización (dunha banda recibimos educación de homes para exercer o poder, mentres que doutra nos envían mensaxes sobre o papel que como nais e esposas temos que interpretar) que creou un sistema de falsas crenzas aínda moi arraigado. Unha parte foi quen de reaprender, outra está en disposición de facelo e unha terceira Hai unha terceira que ten a realidade tan distorsionada que se resiste a ver con normalidade a equidade que debe imperar en toda relación entre home e muller.
Cada vez menor, pero persiste a cidadanía que forma parte dese último grupo, que ten nos maltratadores o seu máximo exemplo. Na última década 659 mulleres foron asasinadas nun contexto de violencia de xénero. Un 25 por cento dos homes que acabaron coa vida destas mulleres remataron suicidándose. Son un de cada catro. O agresor ten construído o seu espazo vital sobre a dominación. Unha vez que a muller rompe co proceso e deixa atrás esa tortura, a vida perde para el todo o sentido. Asasinan por machismo e por machismo se suicidan tamén.
A muller e a sociedade teñen que ter a súa disposición instrumentos como a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de diciembre, de Medidas de Protección Integral contra la Violencia de Xénero, unha norma que puxo en marcha numerosas accións eficaces para protexer as vítimas, como a aposta polos xulgados específicos, a creación dun sistema de pulseiras para localizar a maltratadores, a creación do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero ou do Fondo de Inserción Sociolaboral para mellorar os servizos para a autonomía da muller
Trátase dunha aposta política que está a ser debilitada polos gobernos autonómico e estatal. Vivimos un tempo no que se está a poñer en xogo a autonomía da muller, demonizando leis como a da Saúde Sexual e Reprodutiva e Dereito á Interrupción do Embarazo, que entre outros obxectivos persegue romper coa tutelaxe á que historicamente estivo e aínda está sometida á muller. Pero non só é iso, senón que entran en perigo logros que semellaban ser básicos: o orzamento de 2013 recortará o presuposto dedicado a materia un 24 por cento con respecto ao do ano 2012, que xa no seu día fora obxecto da política de recortes. Toda a cidadanía perde coa imposición ou incremento de taxas xudiciais, coa supresión ou debilitamento de organismos públicos e a mingua de fondos para loitar pola igualdade de xénero.
A loita contra esta violencia debe ser global e transversal. O conxunto de acción debe ir encamiñado a romper coa submisión da muller para que ela mesma sexa quen de romper coa violencia que está a sufrir no seu circulo familiar ou laboral. ÿ unha aposta dos poderes públicos, enfocada a acabar con esa división de roles tan prexudicial para unha convivencia en harmonía. Non só nas familias, tamén noutros espazos. Máis ben, en todos os espazos.
Non podemos pensar nesta aposta integral e esquecer a importancia da presenza da muller na actividade pública. Porque a pesares dos avances, no Congreso do Deputados, no Parlamento Galego e nos concellos, a muller ten unha representatividade moi por debaixo da que lle corresponde (un 52% da poboación é feminina). A tradicional división de roles e o costume fan crer que os avances na equiparación van en detrimento do home. Non, non é iso: antes houbo unha invasión do espazo da muller. Resulta fundamental unha modificación da Lei Electoral para acadar un sistema de alternancia nas candidaturas, coñecido nalgúns círculos como listas cremalleira.
Tamén é certo que non todo é chegar, tamén consiste en exercer en pé de igualdade dende o ámbito no que se traballe. Rachar coas estruturas xerárquicas, porque na cúspide de case todas as organizacións sigue a executarse o poder dende unha posición exclusivamente masculina. Noutros casos, a submisión da muller no cargo público impide acelerar un cambio do sistema patriarcal que aínda estamos a padecer.
Neste momento é fundamental que todas as organización redifinan como se concentra o recoñecemento. Unhas persoas deberán soltar parte do poder que teñen acumulado, mentres o resto deberá romper co teito de cristal da modestia.
25.11.2012