O grupo Laio formouse no ano 2000. Os seus compoñentes son Leandro Deltell, Pablo Pascual, Juan Hernández, Triqui e Xabier Díaz. Todos eles coñecéronse cando tocaban na banda do gaiteiro Xosé Manuel Budiño. Viron que os seus conceptos musicais ían nunha mesma liña e decidiron embarcarse na aventura de formar unha banda.
Laio, triunfou en Canadá antes que na súa terra, alí publicaron o traballo discográfico 'Como corre o tempo' e tocaron en multitudinarios festivais, compartindo escenarios con grandes do mundo do folk. No 2002 lanzaron ao mercado o seu primeiro traballo discográfico en Galicia: 'Luneda' , para o que contaron con percusión cubana co gaiteiro Edel Fernández e coa voz da señora Concha, veciña da aldea de Luneda, preto de Lalín.
Con este disco, Laio conseguiu un Premio Opinión de Música Folk no ano 2003.
Cun concepto vangardista e con certas derivacións cara a un espírito jazzístico Laio converteuse nun dos grupos "estrela" do panorama de música folk a principios do milenio cun estilo aberto, no que fusionaban sons da tradición popular galega con ritmos modernos e electrónicos.