Rumboia #202: Brañas Folk

Rumboia #202: Brañas Folk

Mar | 19:00 | 19:11

O grupo ourensán Brañas Folk nace no 2002, un proxecto musical liderado por Manuel Brañas despois da súa longa andaina coa célebre agrupación Arco da Vella e partícipe do que foi o auxe da música folk en Galicia na década dos oitenta. No 2004 saíu o seu primeiro traballo discográfico 'Camiñante' e no 2009 pasaron de novo polo estudio de gravación, para sacar ao mercado 'Alalá do Cebreiro'.

Un disco para todos os públicos composto por obras do máis puro sabor tradicional e outras de autor e no que tamén se atopan musicalizacións de letras dos nosos grandes, coma Rosalía ou Cabanillas. Contén o folk entendido do xeito máis tradicional no que tampouco se esquecen pezas con ritmos foráneos que xa forman parte do noso sentir musical.

A súa terceira aportación discográfica 'Danza das Burgas' inclúe 12 temas, instrumentais e cantados, que combinan  os sons tradicionais co desfrute de arranxos que actualizan ritmos  e melodías  para situalas no panorama do folk galego máis renovado.

Rumboia

Martes ás 19.00 horas

Rumboia é un programa producido pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, un espazo para a música tradicional e folk galego.

Fechar