RADIO.- Anxo Guerra ou a "forma natural" de vivir a vida
Por Marisa Ciordia
Anxo Guerra pertence a ese gran grupo dos tímidos fronte ao público. Aqueles que a pesar de ter que desenvolver unha actividade ante decenas, centenares ou miles de persoas recoñecen a súa introversión e retraemento. Anxo, Angel María segundo o seu DNI, reta á súa timidez nos escenarios, fronte a un micrófono e guitarra nas mans.
O mozo xa era de cantar, ante un auditorio iso si, tan limitado como a ducha. Pontevedrés de Marcón por parte de nai e ourensán por parte de pai, é un mozo apegado á cidade e aos seus. Tamén neste aspecto retouse pasando uns meses de prácticas en Dublín ou de Erasmus en Croacia, como recorda nesta Playlist de PontevedraViva Radio.
Foi un neno do Sagrado Corazón e comezou a estudar Telecomunicacións en Vigo, aínda que tras o segundo curso decidiu "baixarse" da carreira para facer un Ciclo Superior de Informática, logo tirou cara á Realización Audiovisual e completou - aínda que ten pendente o traballo de fin de grao - con Comunicación Audiovisual.
O seu primeiro traballo, nun supermercado, tiña un fin: unha Vespa. A súa primeira e única formación musical "empezou de forma natural": La Casa dos Ingleses. E a súa actual relación sentimental, coa concelleira nacionalista Anabel Gulías, tamén "empezou de forma natural". Como a súa traxectoria vital, vai fluíndo de forma natural.
Se se busca a definición gráfica de hipster e puidese saír a súa fotografía, Anxo Guerra non se sitúa en esa tendencia. Escoita e toca música indie, unha influencia que o mozo traspasou a Emilio e Isa, os seus pais e seguidores en primeira fila dos concertos de La Casa de los Ingleses. Quédame unha curiosidade, que cancións conteñen esas cassettes co nome de "Milu Radio".