Houbo un antes e un despois de Jorge Drexler na traxectoria musical de Cora. Cos seus dous anteriores traballos discográficos 'Orixe' de 2014 e 'I'm home' de 2016, Cora Sayers aprendeu a autoxestionar o seu proxecto. Francia, Italia, Suíza, Hungría, Eslovenia ou Austria foron escenarios europeos nos que se estivo curtiendo persoal e profesionalmente.
O ano pasado tivo ocasión de coñecer e telonear a Jorge Drexler, "unha experiencia reveladora", di en PontevedraViva Radio. Un antes e un despois na súa traxectoria, "deime conta que non estaba a facer todo o posible para poder vivir a música e decidín comezar unha serie de cambios".
Antes Sayers e agora Velasco, o seu primeiro apelido. Antes composicións en inglés, agora composicións con letras máis longas, con especial atención ás rimas e que "reflicten o que son eu". Antes 'á súa bóla' e agora coa produción de Javier Andreu, quen "me sacou da miña zona de confort".
Deixamos no Cara a cara a unha Cora "moi emocionada, moi nerviosa e moi ilusionada" coa presentación que o vindeiro venres 1 de febreiro fará no Teatro Principal. Ás 21.00 horas ao prezo de dez euros a entrada. Polo momento, non hai máis concertos á vista "imos ir con calma, sen precipitacións e con paso firme".