Roberto Beade Freaza vive con música, se non é tocando é vendendo instrumentos. Foise alimentando co rock duro e o heavy que o maior dos irmáns escoitaba en casa: Iron Maiden, Metallica, ACDC... Paradoxos, empezou a estudar clarinete porque no colexio suspendera a materia de música; así que a súa nai púxoo en mans dunha banda de música e logo pasaría ao Conservatorio. Con todo, os seus camiños serían moi diferentes unha vez que se encandeou coa guitarra e a aprendizaxe continuou con músicos de coñecida traxectoria como Alberto Cereijo de Los Suaves.
Recoñécese na Playlist como un mozo tranquilo, así que a intensidade déixaa para a súa faceta de guitarrista. Atesoura miles de vinilos e centos de cds na súa colección persoal. "a música é a miña gran afección e no que estou moi metido". Ademais de tocar as cordas, tamén toca balón, como lateral do Barro Club de Fútbol, de onde é oriúndo.
Os tres irmáns Beade, Suso, Nicolás e Roberto formaron Extrema Unción, Negra Sombra e Feitizo. Con Hit chegou a gravar disco e tras unha paréntese fixo xira con Rock Sonic, unha banda de versións. Outro dos nomes propios na súa traxectoria é o de Jose Rubio, de WarCry, Megara, Trilogy ou Dünedain. El foi podería dicirse, o seu instigador para que este 2020 Robert Beade editase o seu primeiro EP 'Influences' no que o propio Rubio Jiménez exerceu de produtor.
Por se non é suficiente forma parte de Nova Era, que está en proceso de edición de disco; do mesmo xeito que Evil Hunter, á que se incorporaba leste mesmo mes de xullo. A irrupción da pandemia sanitaria está a limitar a promoción física de 'Influences", eses directos que son a mellor conexión entre artista e público e que nestes momentos chegan a contagotas.