A escasos días de que se celebre en Pontevedra a proba deportiva máis popular do ano, a San Silvestre, un dos responsables da súa organización e representante da Gimnástica, Santi Ferrer, pasou polo programa Cara a Cara de Pontevedra Viva Radio.
Ferrer recoñeceu sentir orgullo pola progresión dunha proba que naceu hai xa 33 anos grazas a un grupo de amantes do atletismo e converteuse nun auténtico fenómeno de masas. Tanto é así que tras reunir en 2015 a máis de 6.000 atletas nas rúas da cidade estudan introducir cambios en futuras edicións porque "nos vemos desbordados", recoñeceu.
"Estivemos reunidos os membros do IMD e a directiva para articular algunha fórmula nova para o ano que ven, e está en estudo", sinalou nos micrófonos de PontevedraViva Radio.
Co actual circuíto e unha participación tan elevada "cando chega o primeiro practicamente está o último salindo" polo que unha fórmula podería ser "levala a outro sitio e facer a saída máis ampla, estendela ao principio e aos cinco minutos de carreira introducila na cidade que é o obxectivo, que a xente corra polas rúas", explicou o adestrador pontevedrés.
Iso en todo caso será para próximas carreiras, xa que este ano o circuíto será o mesmo que en anos anteriores, con saída e chegada na Avenida Montero Ríos. Unha edición na que a Gimnástica espera reducir o número de corredores sen dorsal, principalmente por seguridade e porque "non é fácil controlar todo iso".
Ademais Santi Ferrer pediu colaboración aos pontevedreses, empezando por achegar unha cantidade simbólica para a organización da San Silvestre e para solidarizarse "coa Gimnástica e pense na labor que está facendo", concluíu.
A XXXIII San Silvestres de Pontevedra celebrarase o vindeiro sábado 31 de decembro a partir das 17:00 horas, podendo inscribirse ata o mesmo día da carreira pasando pola Casa da Luz (xoves 29 e venres 30 de 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas e o sábado 31 o horario de 10:00 a 13:30 horas).