Ao redor de cen persoas practican a esgrima en Pontevedra. Unha cifra nada desdeñable se como di Adrián Cubela, director técnico do Club Escola de Esgrima Hungaresa - Pontevedra, "considérase que falamos un deporte cualificado como minoritario". Un deporte, no caso desta entidade, con maior número de mulleres entre adultos; máis igualado en idades infantís e xuvenís.
A actividade que realiza o club é obrigatoriamente destacable ademais polo traballo que levan a cabo con persoas con discapacidades; concretamente para persoas con mobilidade reducida e discapacidade visual.
De feito son pioneiros en España nesta última modalidade e están a participar nun programa da Unión Europa xunto con Italia, Francia e Suecia co obxectivo de implantala como modalidade oficial. Este verán viaxarán a Estocolmo e esperan que en 2019 poidan organizar en Pontevedra outro evento deste tipo con participantes europeos.
Nas Conversas na Ferrería acompáñannos unha tiradora veterana, María García Moldes, que comezou a practicar hai dez anos coincidindo coa apertura do club e chegou a ser campioa de Galicia de sabre en categoría absoluta en 2010 e múltiple medallista en diferentes probas; é adestradora titulada e árbitra territorial.
Participan igualmente tres das sablistas do equipo de sabre M-14: Patricia Gutiérrez de Sáa que entre os seus logros está o de medalla de prata en sabre por equipos da súa categoría no Campionato de España. Leyre Grande Izquierdo, que foi o ano pasado campioa de sabre M-12 e este ano bronce en M-14 e Pilar Garnelo Hermida, que con once anos xa é tripla campioa de España e tróuxose un bronce o pasado abril de Barcelona.