Este sábado 12 de novembro ás 19 horas, fronte ao monumento da Avenida de Bos Aires, o Concello renderá unha homenaxe aos dez pontevedreses que foron fusilados hai 80 anos e ás familias que foron represaliadas durante e tras a contenda civil. O programa "Novembro, mes da memoria histórica" prolongarase ata o mes de decembro.
Este próximo martes 15 de novembro a Casa das Campás acollerá ás 20.00 horas a proxección do documental As vítimas sen pranto.
Xunto a Montse Fajardo e Luis Bará, lembramos neste Do gris ao violeta de PontevedraViva Radio algúns momentos extremecedoramente brutais e extremecedoramente belos que se produciron coas vítimas, coas súas familias e entre estas últimas.
Brutais como o feito de viaxar ata o cuartel franquista de Burgos para pedir o indulto do teu esposo, escoitar que queda concedido e descubrir ao regresar a Pontevedra que xa foi fusilado. A nai de José Adrio pasou a noite previa ao seu fusilamento pedíndolle a Deus, no que o seu fillo non cría, que lle demostrase que se equivocaba, salvándolle a vida. Logo tras saber do fusilamento ao alba, rezou para que non amencese. Unha vez asasinado, que ese Deus "salvase a alma ao fillo ateo".