Ver é un verbo que de forma natural e habitual utilizan as persoas cegas. Cegas, en lugar de invidentes, xa que resulta un eufemismo como o explica na Playlist de PontevedraViva Radio, José Ángel Abraldes. Ver é sinónimo de escoitar, de sentir, de coñecer.
O director do Centro de Recursos da Once en Pontevedra herdou do seu avó materno unha dificultade visual. Este santiagués de nacemento, pero pontevedrés de sentimento, estudou Dereito na cidade compostelá.
Sabe tocar varios instrumentos, aínda que o seu preferido é o piano. Ten unha habilidade particular para compoñer melodías. De feito inclúe no seu playlist unha das súas composicións, adicada ao seu amigo Armando Fernández Carracelas, falecido prematuramente. Cando fala del emociónase, como cando fala das súas vivencias e recordos no Instituto Valle Inclán, ou dos anos nos grupos musicais Saturno e Bodyband, e por suposto, da súa familia.
Coñeceu á súa hoxe esposa, Marián Lorenzo, cando el tiña 14 anos. Pódese dicir que foi "o seu heroe". Teñen dous fillos: José Ángel e Elena. Ámbos viven de forma natural e normalizada a cegueira dos seus pais. De feito, conta Abraldes que "desde os tres anos, José Ángel é un magnífico guía. Se hai unha persoa coa que vou pola rúa seguro, é con el".